Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Facémonos maiores



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 29 DE XUñO DE 2017 · (0)




Chegar a vello é, xunto co nacemento, o triunfo da vida. E imos camiño de que un cuarto da poboación da terra teña máis de 65 anos así que haberemos de caber todos. A madurez é unha etapa tan diversa como a mocidade, hai xente para todo e, se temos sorte, todos pasaremos a ela. Mentres, cómpre tratar aos que cumpren anos coma iguais. Que é o que son

Unha monfortina foi condenada hai unhas semanas por maltratar os pais: obrigábaos a levantarse do sofá para que sentaran os cans, insultábaos e chegou a lanzarlles testos á cabeza con escasa puntería. Á nai deulle labazadas e golpeouna cun pau. “Tedes que morrer, non dades máis que traballo”. Un cadro coma este está tipificado como delito de violencia habitual e malos tratos no ámbito familiar. O dano emocional é dificilmente medible pero podémonos facer unha idea.

Este tipo de abuso que pon os pelos de punta está a aumentar en todo o mundo segundo a Organización Mundial da Saúde. Unha de cada seis persoas maiores de 60 –así que non falamos só de xente anciá– sófreno en maior ou menor grao. Os malos tratos a nenos e mulleres son terribles, pero fálase máis deles. O mal que se fai aos maiores é tabú pero igual de miserable. “Segue sendo un dos tipos menos investigados da violencia nas enquisas nacionais e só moi de cando en cando discútese nos círculos políticos” afirma o doutor Etienne Krug, director do departamento da OMS de Discapacidade, Prevención de Violencia e Lesións.

En primeira liña

“Os que adoitan filtrar os casos de malos tratos son os traballadores sociais dos concellos, son o primeiro referente”, explica a ECO María Lueiro Mendoza, membro da Sección de Intervención Social do Colexio de Psicoloxía de Galicia e directora dun centro de día privado en Compostela.  Coida que, salvo excepcións, “existe aínda certo respecto polo maior no noso país pero tampouco é o mesmo que hai anos. Antes o avó era a persoa de referencia e iso cambiou, quizais porque son máis lonxevos e sofren deterioración. Pero hai de todo: familias que continúan tendo unha percepción do maior como un referente e outras onde empeza a ser unha persoa máis á que se coida, pero xa se toman decisións por eles”. Porque esa é outra: tratalos coma se fosen rapaces, ou parvos, ou translúcidos. Salvo cando unha persoa ten a desgraza de ter as capacidades cognitivas seriamente diminuídas e sempre hai que estar pendente, non hai escusa para entrar no espazo privado dun adulto. 

Os abusos máis común tipificados pola OMS inclúen comportamentos que danan a autoestima de calquera, teña 75 anos ou 25: insultos, poñelos en situacións embarazosas, destruír as súas cousas ou prohibirlles ver a amigos e familiares… tamén está o uso sen permiso do seu diñeiro e a neglixencia á hora de cubrirlles necesidades básicas como alimentos, vivenda, roupa e atención médica. En terceiro lugar está o abuso que xa traspasa fronteiras e inclúe lesións traumáticas. A depresión, a tensión e a ansiedade veñen detrás de calquera destes procesos, como é lóxico.

O último informe que fixo público o Teléfono Social da Xunta 900 333 666 rexistraba case medio cento de denuncias de malos tratos a maiores ou adultos con discapacidade, a maioría por neglixencia no coidado ou abandono, aínda que tamén por abusos económicos. Pero a a maioría das chamadas non son da vítima, senón de familiares que non viven con eles ou de bos veciños preocupados. Calcúlase que o 5% dos galegos maiores de 65 sofre este tipo de problemas, especialmente as mulleres, segundo a Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (SemFYC).

Fóra de casa

Máis aló das vexacións, case todas as persoas deberán facer fronte nalgún momento da súa vida ao coidado dos seus maiores ou de si mesmos. Quedo na casa? Podo quedar só ou soa? Que opcións teño e cales podo pagar? E as alternativas que máis encaixarán co meu carácter e a miña condición? Moita xente maior vive soa e non sempre con problemas graves de saúde, pero si con tristura. “Hai suficientes prazas de centros de día en Galicia pero é un recurso que non se está utilizando ben. Cando chegan aquí moitas das veces xa están nun proceso de deterioración avanzado […]

Boa parte da xente que atendida nos centros de día urbanos que hai en Galicia son de contornas rurais. “Os pobos estanse despoboando de xente nova e, cando empeza o proceso de deterioro e deberían poder quedar na casa para evitar a desorientación, téñenos que levar os fillos canda eles. Por iso tamén é un perfil moi habitual nos centros: […]

Sen praza

Outra cousa é se falamos das residencias de anciáns. Públicas hai 11 na Coruña, 6 en Lugo, 7 en Ourense e 6 en Pontevedra, despois están as que teñen concerto: 18 en Coruña, 15 en Lugo, 23 en Ourense e 18 en Pontevedra. Parecen moitas pero non chegan. “Estamos baixo mínimos tanto en privadas como en públicas mesmo para respiros familiares. As prazas están cubertas e con listas de espera, de feito estase tirando da axuda a domicilio”, afirma María. “España non é o sitio onde máis recursos hai neste eido porque a xente maior sen demencias ben poderían aproveitar a vivenda comunitaria, que son coma os pisos de universitarios pero coa axuda de persoal cualificado”.  Só existen apartamentos tutelados da Xunta en Antas de Ulla, así que a Fundación San Rosendo tomou a iniciativa e agora ofrece máis de 300 prazas por toda Galicia, unha alternativa para as persoas maiores bastante autónomas que non teñan gana de ir a unha residencia pero que precisen de certa asistencia. Dispoñen de espazo propio pero viven nunha comunidade.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 314 – xullo 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)