Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Novo golpe ao sistema financeiro galego


A adquisición do Popular-Pastor polo Santander volve afastar os centros de decisión bancaria de Galicia


GONZALO FERNÁNDEZ · PUBLICADO O 17 DE XULLO DE 2017 · (0)






Exclusión financeira en determinadas poboacións, falta de competencia, axuste do emprego ou máis dificultades á hora de conseguir crédito. Estes son algúns dos problemas que pode provocar a compra do Banco Popular por parte do Santander segundo expoñen a ECO tanto partidos políticos como empresarios, sindicatos ou colectivos de profesionais desta comunidade autónoma. Á espera do que poida acontecer coa marca Pastor, de forte arraigo no territorio, confían tamén en que os seus novos propietarios resarzan dalgún xeito aos accionistas minoritarios da entidade, que en Galicia suman uns 60.000 sobre un total de 300.000.

“O banco resultante da integración de Santander e Popular fortalece a diversificación xeográfica do grupo nun momento de mellora do ciclo tanto en España como en Portugal, o que nos permitirá cumprir con todos os nosos compromisos con clientes e accionistas”. Con estas palabras anunciaba a presidenta de Banco Santander, Ana Botín, o pasado 7 de xuño a adquisición do Banco Popular por parte da súa entidade, unha operación que se produciu tras a poxa levada a cabo polo Fondo Único de Resolución (FUR) e o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), na que este banco foi seleccionado como entidade adxudicataria ao prezo simbólico dun euro.

Segundo explicou a representante dos novos propietarios do Popular, esta integración vén reforzar significativamente a presenza do grupo tanto en España, onde a entidade resultante suma 17 millóns de clientes, ten unha cota de mercado en crédito do 20 % e unha cota do 25 % en pemes, como en Portugal, onde ten catro millóns de clientes e unha cota en crédito do 17,5 %. Pero ademais, con esta adquisición, o Santander pasa a ser a segunda maior entidade bancaria en Galicia, con máis do 30 % do negocio.

Esta comunidade autónoma é ademais unha das que máis se vai ver afectada por esta integración, xa que o Banco Popular xa adquirira anteriormente o Pastor, unha entidade cun forte arraigamento neste territorio, onde conta 60.000 dos seus 300.000 accionistas. Así mesmo, a operación tamén é vista en Galicia con certo receo por canto poida significar un paso máis na exclusión financeira de determinados territorios e un afastamento dos centros de decisión bancaria en relación á concesión de créditos ao tecido produtivo galego.

Reaccións

A adquisición do Banco Popular polo Santander tamén vén poñer de manifesto as discrepancias que existen no Parlamento de Galicia entre o grupo do goberno e os da oposición. Se o Partido Popular recibiu a noticia con “sorpresa”, En Marea e o Partido Socialista, con preocupación, mentres que o Bloque Nacionalista Galego a define como “a crónica dunha morte anunciada”. Por parte dos populares, o seu portavoz na cámara autonómica, Pedro Puy, amosa a ECO a súa estrañeza por esta operación, “tanto polos acontecementos previos á súa resolución mediante venda, como pola rapidez coa que interveu o Banco Central Europeo”, xa que foi a primeira vez que actuaba así na resolución dunha entidade financeira. Neste sentido, sinala que se procedeu así debido a “unha crise de liquidez”, á que se uniron uns “problemas de solvencia” que a entidade viña arrastrando, “o que precipitou a súa adquisición”. […]

Emprego

Dende o punto de vista do emprego, Puy define a situación pola que atravesa o sector financeiro como “unha tormenta perfecta”, cunha “reducida marxe de beneficio” debido aos baixos e mesmo negativos tipos de xuro, e onde “as ganancias en eficiencia veñen polo aforro de custos, nun contexto no que a dixitalización facilita o trato a distancia cos clientes”. Dentro deste “cambio estrutural”, advirte de que “a situación pode agravarse como consecuencia da integración dos servizos centrais das dúas entidades”, así como pola “posible duplicidade de oficinas en mercados locais de reducida dimensión”. […]

Preocupación

Dunha forma ben distinta á do Partido Popular viu En Marea esta operación. Segundo comenta a ECO o seu deputado Manuel Lago, a “liquidación do Popular-Pastor” percibírona cunha “enorme preocupación”, xa que vén dar continuidade a un “proceso de concentración financeira” que deixará “moi poucas entidades” en España e que, en Galicia”, desembocou xa nun “duopolio”. Así define a un sistema que nesta comunidade autónoma ten dúas entidades, “Abanca e Santander-Popular-Pastor”, que representan o 80 % do total do mercado financeiro galego, prexudicando á economía deste territorio. “É malo para todo o mundo: para o acceso das empresas ao crédito, para a falta de competencia para o sector e mesmo para o funcionamento da democracia, porque só dúas entidades dominan a economía do país”, apunta.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 314 – xullo 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)