Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Historia dunha facultade centenaria



PUBLICADO O 19 DE XULLO DE 2017 · (0)




A finais do próximo ano prevese que dean comezo na contorna do CHUS as obras da nova Facultade de Medicina que, segundo as previsións, estará rematada no 2022, case cen anos despois de estrear a súa primeira facultade propia, a uns metros da catedral e do Hostal que durante séculos exerceu como Hospital Real. Será un paso decisivo na historia duns estudos que se remontan a hai case catro séculos na universidade compostelá. Un documental presentado na propia facultade rememora esta traxectoria.

En 1928 iniciaba a súa actividade en pleno casco histórico compostelán, a só uns metros da catedral, a primeira sede propia da Facultade de Medicina de Santiago. Setenta anos despois, a inauguración do novo Hospital Clínico Universitario de Santiago na zona da Choupana iniciaba a fragmentación da vella facultade, que se iría acentuando coa posterior construción na contorna do CHUS do edificio docente Roberto Novoa Santos e os diversos centros de investigación nos que desenvolve o seu labor boa parte do profesorado.

Os problemas derivados desta separación unidos aos inconvenientes dun edificio pouco adaptado ás novas necesidades docentes da titulación, obrigaron o decano Juan Gestal a iniciar os trámites dunha nova facultade cuxo proxecto, se todo sae segundo o previsto, estará listo a final de ano. En 2018 sacaranse as obras a concurso e podería iniciarse a construción, que levaría en torno aos catro ou cinco anos.

Deste xeito, a actual facultade deixaría de funcionar como tal practicamente un século despois da súa inauguración. A Universidade de Santiago xa comprometeu a cesión gratuíta á Xunta de Galicia do uso dunha parte do inmoble por un prazo de 75 anos para fins institucionais, o que abriría unha nova era para o emblemático edificio do arquitecto Fernando Arbós y Tremanti autor, entre outros proxectos, do Cemiterio de Nosa Señora da Almudena ou do edificio da Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Madrid.

Un documental da TVG rememora a traxectoria 

Foi o decano Juan Gestal quen presentou a pasada tardiña o pase previo do documental O templo de Galeno. Historia dun símbolo producido por Edicións Bolanda para a Televisión de Galicia. Case dous centenares de invitados asistiron á proxección do filme que repasa a historia da que foi a primeira sede propia da Facultade de Medicina da USC no salón de actos do propio edificio da rúa San Francisco, en pleno casco histórico compostelán. 

Este proxecto xurdiu tras o inicio dos trámites para construír a nova facultade na zona da Choupana e “como homenaxe a todo o persoal, alumnado e profesorado que ao longo de case un século fixo desta Facultade de Medicina unha das máis prestixiosas do mundo”, aseguran desde a produtora.

O documental desvela, ao longo de 45 minutos, o devir do actual edificio –e por extensión da medicina compostelá do último século–, para o que conta con documentos históricos, fotografías de época, imaxes actuais e, por suposto, a intervención de profesionais de distintos ámbitos que ofrecen información e anécdotas de gran interese para conformar a imaxe completa da facultade e da propia titulación.

É precisamente o actual decano da Facultade, o Dr. Juan Gestal, quen explica estes inicios da titulación en Santiago así como a xénese tanto do actual edificio como do proxecto previsto para o Campus Vida. O Dr. Xosé Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia fala da sona médica de Santiago, a famosa Fonte Limpa, como xerme do prestixio actual da titulación.

O catedrático de Anatomía Javier Jorge explica o papel desta disciplina fundamental nos estudos; a profesora xubilada Carmen Porto fala de como cambiou o papel da muller na universidade e na medicina, mentres que os doutores Joaquín Potel e Sánchez Salorio explican que supuxo o peche do Hospital Real –actual Hostal dos Reis Católicos– tras case catro séculos, para pasar aos novos hospitais de Galeras e, máis tarde, ao de Conxo e ao novo Clínico.

O doutor Avelino Franco fala do Museo Nacional de Anestesia que el mesmo puxo en marcha e que terá un espazo destacado na nova facultade, mentres que os doutores Carlos Diéguez e José Castillo falarán do CIMUS e do IDIS, dous centros de investigación ligados á Facultade e que son hoxe en día punteiros no mundo. Como tamén o é o Instituto de Medicina Legal e a persoa que o puxo en marcha, o Dr. Ángel Carracedo recoñecido internacionalmente. Outro dos nomes destacados da actual medicina compostelá é o do catedrático de Ortodoncia David Suárez Quintanilla, quen explica a importancia da incorporación dos estudos de Odontoloxía como titulación independente.

Ademais destes grandes nomes da medicina, no documental participan outros expertos como o catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias que fala da pinacoteca da facultade; o arquitecto Xerardo Estévez, que explica as peculiaridades e anécdotas ligadas á construción do actual edificio e o historiador Ricardo Gurriarán, que fai un percorrido pola historia máis triste da facultade, a referida á guerra civil e á posguerra.

Todos eles son só unha pequena representación dos centenares de nomes ligados durante o último século á Facultade de Medicina compostelá, moitos dos cales estiveron onte no pase previo do filme que o decano aproveitou tamén como despedida, xa que deixará o seu cargo nunhas semanas. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)