Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Sempre tiven presente que as mulleres témolo moito máis complicado”



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 03 DE AGOSTO DE 2017 · (0)




Carmen Porto Vázquez foi a primeira muller especialista de Radioterapia e a primeira en ocupar unha xefatura de servizo en España, tras facerse coa de Radioterapia de Santiago en decembro de 1972. Ese mesmo ano toma posesión da súa praza como profesora titular na Facultade de Medicina, de novo a primeira muller neste posto. Ten a medalla Castelao e en 2008, ano da súa xubilación, déronlle o premio á muller investigadora do Concello de Santiago. Cumpría 47 anos de servizo ininterrompido á sanidade pública galega. 

Por que se decide a facer Medicina cando aínda era unha carreira pouco elixida entre as mulleres?

Eu tíñao clarísimo, pero empecei xa loitando na propia casa, porque meu pai non quería que eu fose médico. Dicía que as mulleres que facían Medicina eran marimachos. Así que o enganei. O primeiro curso da carreira era común para todas as ramas de ciencias, así que lle dixen que facía Farmacia, coa complicidade de miña nai. Pero cando xa estaba na facultade de Medicina meu pai encontrou pola rúa a un profesor que lle dixo que tiña unha filla súa en clase. Meu pai negouno e díxolle que eu facía Farmacia. Pero a segunda vez que o atopou xa llo confirmou: “Que si, que si, que tes unha filla en Medicina e vouche dicir unha cousa: é máis lista ca os irmáns”, porque eu tiña dous irmáns que tamén estudaban Medicina. Entón chegou a casa e preguntoume, e eu xa non me atrevín a mentirlle. Non me dirixiu a palabra en tres meses. Así foi a miña chegada á Medicina.

E nunca dubidou…

Nunca. Mira que empecei a traballar xa nos veráns como desculpa para non ir á aldea cos avós. Primeiro metinme nun servizo de medicina interna para aprender a pinchar, tomar a temperatura, facer curas… e así non tiña que pasar o verán na aldea.

Se ver mulleres na Facultade de Medicina xa era raro, velas de médicos traballando aínda moito máis. Non tivo moitos atrancos?

A verdade é que tiven sorte, ninguén me puxo nunca a cambadela, máis ben ao contrario, sempre atopei moita axuda. E a quen máis lle teño que agradecer todo o que fixo por min é a Augusto Villanueva. Foi o primeiro profesor que me acolleu no seu servizo e estiven con el moi ben pese a que D. Pedro Pena non me quería. Non quería ningunha muller médico e un día, xa xubilado, chegou por alí e atopoume na súa mesa facendo unha historia clínica A min non me dixo nada pero os berros oíronse na metade do hospital. Entón cambiáronme a rutina e nas horas que el pasaba por alí eu ía para planta cos enfermos e despois baixaba a consulta e facía as historias clínicas.

Así que algunha cambadela si houbo…

Pero foi a única en toda a carreira. Doía un pouco que o fixera un profesor que xa estaba xubilado, pero a verdade é que tampouco me afectou en nada. Despois empecei a facer as prácticas en Radioloxía e o catedrático era un home adiantado no tempo que me acolleu case como unha filla. Tanto, que cando se fixo o curso de especialista en isótopos radioactivos para licenciados mandoume alí, malia que eu non acabara a carreira […]

Por que elixiu Radioterapia? Non parece das especialidades máis atractivas e menos naquel momento…

Eu quería facer Xinecoloxía, mais ben Obstetricia, pero en terceiro as prácticas de verán fíxenas en Medicina interna e en Radioloxía e cando en setembro me fun despedir do profesor Ferreirós díxome que de ningunha maneira podía deixar de traballar, que tiña que seguir como alumna interna. E así foi. Ademais cando se creou o servizo de Radioterapia, no ano 62, creouse unha praza de alumna bolseira, e déronma a min; pagábanme 2.000 pesetas ao mes. E grazas a iso puiden ir de viaxe de fin de carreira a Exipto.

Tamén sería das poucas…

Dos 110 que eramos na promoción fomos a esa viaxe só 12, e eu a única muller. E puiden ir precisamente porque levaba dous anos aforrando os cartos desa bolsa. Eu dáballe todo a miña nai e ela facía peto. Foron 28 días percorrendo Exipto invitados por Nasser. Nós só pagamos a viaxe ata Alexandría, o resto pagouno todo o goberno exipcio. Aínda así era moi caro e fomos poucos. O embaixador de España en Exipto fíxonos unha recepción, que aínda gardo as fotos, e foi unha experiencia incrible. 

Remata a carreira e…

Acabei en xuño e o 17 de xullo examineime como alumna interna do servizo, a primeira muller que tivo esa titularidade. Cobraba 250 pesetas ao mes, pero como tiña o de alumna bolseira de Juan March cubríame. En outubro a xunta de Facultade tivo unha discusión porque dous profesores querían nomear unha profesora axudante: Villar Mir, de Psiquiatría, e Ferreirós. E os dous me elixiran a min, pero como eu xa estaba con Ferreirós pois aí fun. A verdade é que xa descubrira as posibilidades que tiña a especialidade e xa me gustaba moito. O 1 outubro do 64 empecei como axudante e o 1 de outubro do ano seguinte fun nomeada profesora adxunta. Tiven que ir Madrid, porque entón os exames facíanse alí para todo o estado. Eramos 35 opositores para 7 prazas e saquei o número 1. Había un de Madrid que se puxo moi nervioso pensando que lle ía coller a praza pero a verdade é que eu xa tiña familia e nunca me pasara pola cabeza marchar de aquí.

(Extracto da entrevista que se pode ler completa no número 314 – xullo 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)