Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As novas hipotecas



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 09 DE OUTUBRO DE 2017 · (0)




Case todos os profesionais do sector inmobiliario manteñen que o mercado está máis que enfiado: hai máis vendas grazas a uns prezos axustados e mesmo á alza, malia que non esperan vaivéns fóra de testo. Os bancos teñen interese en seguir dando créditos pero a nova Lei Hipotecaria que pode aprobarse este outono quere evitar vellos usos.

Pódese facer oficial: vivimos unha época de crecemento nunca visto nos últimos 10 anos tras o crack. Ao vendedor cústalle cada vez menos atopar un comprador aínda que é certo que o tempo que tarda en facelo varía en función da zona. “A media situaríase nun prazo de 9 meses, pero se a vivenda está nunha gran cidade o tempo redúcese practicamente á metade”, afirma Luis Gualtieri, fundador de Oi Realtor. A compra de vivendas aumentou un 13% no primeiro semestre de 2017 segundo o Instituto Nacional de Estatística e os prezos subiron unha media do 5%. O consultor Eduardo Molet estima que a finais de ano esta subida podería ser do 12%. Cumpren, pois, normas acordes ao novo mercado para evitar desfeitas, abusos e desmáns ben coñecidos.

O Goberno de Madrid ten moi perfilada a Lei Reguladora dos Contratos Hipotecarios de Crédito Inmobiliario xunto co apoio de organismos como a Axencia Estatal de Defensa do Consumidor. Tal e como se desenvolve –pendente de aprobar este outono– antes da firma do contrato o banco terá que proporcionar toda a documentación, como a ficha co contido das cláusulas. A revisión desta documentación farase ante notario e serán necesarias dúas visitas antes da compravenda.

A primeira visita será gratuíta

Nela teranse que resolver todas as dúbidas previas á firma. “Nunca vin ningún notario que non explicase, xa se facía antes, o que pasa é que despois de 17 anos vendendo casas decátasche de que a xente non le nada porque a escritura pode sumar 20 folios por diante e por detrás”, asegura a ECO Alfredo Christian Mosteirín, director do grupo Lugania, unha das inmobiliarias máis importantes de Lugo. “O notario o que fai é abreviar e ir ao esencial, meten tantas cláusulas e é tan enrevesado que ten que explicalo todo. Cada banco é cada banco e, ao final, o mellor é que vaias cun axente inmobiliario que saiba o que está a facer e que lea ben os condicionantes da escritura hipotecaria para contrastalo co notario”, apunta o experto lucense.

“A obriga de ter que visitar dúas veces o notario antes da firma do contrato ofrece ao comprador maior transparencia e maior seguridade”, engade Luis Gualtieri. Na segunda visita ao notario deberase de informar sobre as cláusulas abusivas –se as houbese–, ademais de que a futura lei prohibe a venda de produtos vinculados á hipoteca, salvo que sexan beneficiosos para o cliente.

De momento, trátase dun borrador pero o anteproxecto da Lei Reguladora dos Contratos Hipotecarios suponse que garantirá a transparencia do contrato e a seguridade xurídica. O fundador de Oi Realtor coida que a normativa que entrará en vigor previsiblemente no outono permitirá a moitos dar o paso e mercar a ansiada vivenda “cun contrato hipotecario ético”. Dende Lugania engaden que a nova lei pon máximos nos custos de amortización anticipada, “baixaría ao 0,25 dependendo dos tramos. Pero debería ser cero. Se debo ao banco 100.000 euros e amortizo 50.000 non sei porque me cobran”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 316 – setembro 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)