Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A victoria do cámping



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 31 DE OUTUBRO DE 2017 · (0)




Non falamos de acampar na montaña arredor dun lume acolledor –iso é para espíritos aventureiros– senón dunha tenda, caravana ou bungalow chantados preto da praia, con bos servizos e rapazada entretida mentres os pais socializan. Ese é o seu mellor público. E triunfan en Galicia. As cifras deste pasado verán confírmano. 

Hai un par de números apuntabamos que o turismo rural galego non colga o cartel de “completo” nin de lonxe, cun 30% de ocupación de media no estío. Pero os propietarios de cámpings viviron a súa particular festa. Segundo a FEEC a tempada de verán que vén de rematar foi a mellor da última década cunha cifra de ocupación media en España en torno ao 85-90%. En Galicia, Cantabria, Asturias e Euskadi ata o 70% son clientes españois, asegura a Federación Española de Cámpings. Entre eles unhas 100.000 familias que acamparon por primeira vez este ano, e moitas repetirán.

O turismo de autocaravana e o campismo libre tamén fan competencia ao gremio: A Laracha habilitou en 2014 dúas áreas para autocaravanas. Seguíronlle Fisterra, Ponteceso e Dumbría, que abrirá en breve unha área de servizo en Berdeogas. E isto só na Costa da Morte. En principio é para evitar o campismo descontrolado en espazos protexidos pero visto é que os propietarios dos cámpings ven neles unha ameaza. Aínda que semella que hai para todos, xa que quen busca servizos e certo confort xa sabe a onde ir.

Un vicio

Os cámpings galegos, só no pasado xullo e segundo o Instituto Nacional de Estatística, aloxaron máis de 82.000 persoas. Porque este espazos ou botan para atrás ou xeran auténticos fans: neles fórmanse grupos de amigos que repiten, os pais esquecen que teñen fillos, o ambiente é relaxado, hai varias xeracións que teñen neles dos mellores recordos da infancia…

Máis aló de ofertas alternativas e de luxo como o “Glam-camp”, son os cámpings para familias, con piscina case sempre e moita oferta de actividades, o tuétano do negocio. Hainos tamén de monte, pero non nos levemos a engano: no verán, a xente quere praia e 'chancleteo'.

(Extracto da reportaxe publicada no número 317 – outubro 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)