Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un gasterópodo por aproveitar



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 18 DE DECEMBRO DE 2017 · (0)




O caracol é un animal pouco explotado en Galicia, pero a ritmo paseniño van abrindo novos criadeiros, a helicicultura é bastante rendible e ten mercado. Así que produtores, empresas e investigadores galegos uníronse para estudar un novo sistema de extracción da cobizada baba sen danar a carne e sen que se perdan animais polo camiño. Un dous por un que saíu redondo. 

A idea xurdiu de Agaca, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias que, tras falar con produtores do país, decidiuse a investigar unha nova tecnoloxía, un novo sistema para aproveitar mellor o que achega a Helix Aspersa, a subespecie máis común na península ibérica e que lle deu nome ao proxecto: Adhelix. E conseguiron dúas cousas. Primeiro unha mesa de extracción que transmite estímulos eléctricos e vibra con ultrasóns para obter a baba sen danar ao animal, e catro alimentos e un cosmético cos mesmos caracois que pasaron pola electroestimulación.

O equipo

Foi co produtor Manuel López Romanos, de Monforte, con quen traballaron para presentar a idea á convocatoria de Medio Rural. “E Agaca é a que se pon en contacto coa Fundación Centro Tecnolóxico da Carne”, explícanos Lucio García, responsable da Oficina de Procesos Tecnolóxicos desta fundación dependente da Xunta e que, por certo, está sendo investigada pola Fiscalía de Ourense. Pero agora falamos deste traballo e non da xestión do CTC, traballo no que tivo moito que ver a empresa situada en San Cibrao das Viñas Gaelica Solar, cuxo equipo deseñou a mesa de extracción.

Feito o equipo, puxéronse mans a obra ano e medio con varios obxectivos: “Por unha banda a análise da calidade da carne, para comprobar que co novo sistema de extracción que propoñiamos non se modificaba a calidade, como así se comprobou. E doutra banda o desenvolvemento de varios produtos”. Os socios e presentaron os resultados ao mediodía do pasado 20 de outubro no Centro Tecnolóxico da Carne –situado no Parque Tecnolóxico de Galicia– coa cata dos patés e a proba da textura da crema. “Pode ser un produto dun rango medio de prezo e como o seu consumo está ligado a tradición só en Cataluña, Pais Vasco, Aragón e Levante, ten marxe para poder crecer. Ademais, co desenvolvemento de produtos xa preparados e cunha vida útil de polo menos tres meses a varios anos en esterilizado, desestacionalízase o consumo”, asegura Lucio.

Un sistema de extracción novo

“Tradicionalmente os caracois límpanse con produtos como sal ou vinagre, pero unha gran parte dos caracois morren. Co noso método mediante electroestimulacións  obtense unha produción continua de baba sen matar o animal e, por riba, a carne non se deteriora”. A baba de caracol é un produto tamén moi valorado polas súas propiedades cicatrizantes e antioxidantes para a pel. De feito en Adhelix realizouse tamén unha crema artesanal a base de aceite, baba de caracol, crema hidratante, vaselina e cera abella que resistiu a comparación cunha crema de áloe. Quizais quede para outra ocasión máis aproveitamentos “como ovas e cunchas”, aseguran no Centro Tecnolóxico da Carne, “de ornamento e como fonte de calcio”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 318 – novembro 2017)

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)