Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Sempre hai a quen lle dan vertixe as novidades, pero o medo supérase”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 16 DE XANEIRO DE 2018 · (0)




Carlos Botana Lagarón é xefe do departamento de Sustentabilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, que está a pór en marcha a primeira lonxa 4.0 do mundo, un concepto innovador que vai a notarse en todos os procesos: desde sistemas de organización intelixentes para mellorar a maquinaria, o arrefriado da auga do mar ou a iluminación ás enerxías renovables para lograr a autosuficiencia.

Como vos puxestes a traballar o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e o porto neste proxecto?

Montando un grupo de traballo no cal o CTAG trouxese o coñecemento da automoción para utilizalo no sector pesqueiro. A iso chámaselle “hibridación de sectores”, poñer a sectores diferentes a traballar de modo conxunto. Pero todo o aplicado á industria da automoción non é extrapolable porque é distinto, nese sector adoita haber grandes empresas con moitos traballadores e nas lonxas comparten espazo moitas empresas. Así que hai que adaptar o coñecemento. Logo fóronse testando as experiencias, houbo que baixar moitas veces á lonxa para comprobar.

Basicamente a lonxa contará con sistemas que mellorarán moito traballo…

Si, converterase nun sistema vivo. O concepto 4.0 está moi asociado coa robótica pero tamén ten que ver con implantar sistemas intelixentes e capturar todo o que pasa a nivel loxístico e operativo. As ferramentas informáticas irán dando datos para mellorar en función da análise de consumos enerxéticos, do movemento de peixe… 

E os usuarios como acollen estes cambios inminentes? Con ilusión ou lles asusta?

Pois en xeral con ilusión e expectación, saben que van ter moita información que lles axudará no traballo. E logo sempre hai a quen lle dan vertixe as novidades, pero ao ir falando coa xente o medo supérase.

Empezades este ano que vén coas obras?

Si, a idea é empezar a executar a principios do ano. O que aínda non sabemos é se será unha licitación única ou serán varias.

E cales son os pasos?

Nas partes máis novas farase un experimento piloto nunha zona pequena da lonxa. E unha vez validado implantarase no resto. É un proceso que levará de dous a tres anos, o tempo razoable para que estea finalizado e testado.

A idea da lonxa 4.0 saíu da Autoridade Portuaria ou coñeciades algunha experiencia previa que, digamos, inspirou?

Non, non. Foi unha idea do Porto de Vigo. Totalmente. De feito, nas charlas que damos na Comisión Europea acóllena como moi anovadora.

Desde logo se as cousas son como contades vai ser un cambio...

Total. Vai notarse en todo, ata nos prezos do peixe. É pasar dunha lonxa case obsoleta a unha lonxa onde os sistemas de organización serán intelixentes, haberá medidas para mellorar a maquinaria, o arrefriado da auga do mar, a iluminación. Buscamos, ademais, que sexa autosuficiente utilizando enerxías renovables. Non deixa de ser unha aposta de futuro, non iamos facelo senón estivésemos convencidos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)