Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Ter un informe básico para unha parcela de menos dunha hectárea só custará un euro”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 07 DE FEBREIRO DE 2018 · (0)




Recibir tres premios polo acerto dun proxecto cando nin sequera está no mercado é o que se di arrincar en terceira. Pero un equipo de tres enxeñeiros lucenses conseguiuno: o Premio Ideas da Fundación Unha Galicia Moderna, o primeiro premio da Greenweekend de Coruña e o primeiro accésit de Idea Lugo. José Luis Gude, enxeñeiro e fundador de Smartwood, explícanos en que consiste unha aplicación que pode axudar, e moito, ao complexo sector forestal galego.

Que vistes que vos fixo pensar en dar con esta solución?

Recollendo moitas das consultas que nos facían os propietarios na nosa consultora decatámonos de que tiñan un descoñecemento total sobre o que podían facer. Saben o que hai pero non o que mellor vai coa súa parcela, e interésalles saber canto pode custar determinada plantación ou que plantar segundo o ordenamento urbanístico da zona. Existen estudos moi amplos pero cun prezo elevado que, para unha parcela pequena, no é rendible facer. Xa non digo gañar, porque este é un mercado a longo prazo, pero ás veces non saben nin como manter esa parcela. En Galicia hai un gran número de propietarios de pequenas parcelas, así que é un mercado grande.

E como lles axudará Smartwood?

Indicando que poden plantar, que usos permitidos teñen, cantas árbores serían recomendables para maximizar a produción, canto espazo teñen que deixar entre cada árbore… porque poden plantar moitas a costa de baixar o rendemento produtivo da especie ou plantar menos. E darlles unha guía inicial para que poidan poñer en valor esa parcela. O que máis incerteza xera é saber que plantar e solucionámosllo ao momento. Xeramos un sistema de apoio á decisión.

Está moi avanzada a aplicación?

Si, estamos a utilizala nos nosos traballos de consultoría para afinala, ver os problemas que pode ter e como facer a consulta mas áxil. Estamos en pleno proceso de desenvolvemento.

Cando estará lista para poder mercala?

Calculáramos un período de preparación e lanzamento duns seis meses. A época de maior volume de traballo de plantacións é agora na primavera así que a ver se a temos lista para que poida ser usada cando máis fai falta.

E canto custará descargala?

Temos uns prezos orientativos para ver como responde o mercado. Pensamos que para un informe básico de saber que podo plantar nunha parcela, se ten menos dunha hectárea –a gran maioría– sunamento dun concello e outro: pan poden traballars debates de este pate? stó custará un euro. Hai propietarios que teñen ao mellor 5 ou 6 parcelas e non poden pagar cifras moi elevadas polo servizo. Despois terá outros complementos como saber o plan de distribución xeral de plantas, ou que volume de madeira se pode xerar e o rendemento que dará… segundo se vaian collendo módulos da aplicación terá un prezo. Pero de inicio custará un euro.

Coñeciádesvos antes de traballar neste proxecto?

Si, de feito estabamos traballando xuntos nunha consultora, pero empezamos a desenvolver novas ideas, esta foi a que mas auxe tivo e arrincamos. Xurdiu do Centro Explorer de Lugo, porque o ano pasado presentámonos a ese programa do Campus de Lugo e o Santander. E agora estamos no Viveiro de Empresas de la Fundación CEL de Lugo.

Hai algo que a xente do forestal vos pedira especialmente?

Pois hai unha segunda funcionalidade que nos están demandando moito, porque hai moitos propietarios que non viven preto das súas parcelas, non van plantar e facer rozas. Así que daremos acceso a un marketplace onde se van a poder poñer en contacto coa empresa de traballos agroforestais que realiza a actividade onde ten as parcelas para que lles dea orzamento e poder poñelas en rendemento. Hai moito interese por este marketplace porque se desenvolve moito no ámbito local. Cada empresa é como se tivese a súa zona, basicamente por custos de transporte. Madeira hai moita, pero pesa moito e vale pouco. É unha especie de dito do sector. A través do marketplace o que buscamos é que unha empresa que compra ou tala madeira no centro de Lugo, poñamos por caso, teña acceso a toda a provincia.

No será fácil pero, poderías dar algunha guía xenérica de que é o mellor para plantar nas distintas zonas de Galicia?

Pois poderíache dicir que a provincia de Lugo é un pouco comodín, é dicir que salvo as limitacións de árbores mediterráneas como a oliveira –e non en todas as zonas de Lugo– ou froitos cítricos, case se pode plantar de todo. O máis recomendable para cada parcela depende das súas características edafolóxicas e, sobre todo, xeográficas, porque a Galicia interior coas súas xeadas recorrentes é moi distinta á Galicia litoral. Todos eses parámetros, que varían moito segundo a zona, recollémolos nos nosos algoritmos de valoración xerando unha resposta para cada parcela.

Como ves a xestión forestal galega, un dos recorrentes quebradizos de cabeza deste país?

Ten puntos de mellora, empezando pola ordenación do territorio. Unha ordenación forte maximiza os rendementos do chan forestal, agrícola e agropecuario. O problema é a variabilidade entre o ordenamento dun concello e outro: podemos ter un onde se explique polo miúdo os usos que pode ter unha parcela e no concello limítrofe temos catalogado só o chan urbano. Non é indefensión, pero estás máis exposto a que cada propietario faga unha plantación determinada sen ter en conta ao conxunto, cando se sabe que organizando de forma global obtense un beneficio maior. Ese é o principal problema.

Que é o que falla? Porque mira que hai mesas, foros, plans…

Si que se están a realizar avances e hai directrices públicas de ordenamento que funcionan, pero chocan coa forma de ser dos propietarios. Discútese case con cada un o que fai que, aínda que haxa avances, non sexan tan grandes. O arraigamento ás parcelas algunhas veces é un piar e outras veces un muro. Pero estes pasos pequenos vannos levar a conseguir algo máis. Seguro. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)