Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Augas termais, recurso económico e terapéutico



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE FEBREIRO DE 2018 · (0)




Coincidindo co inicio do ano, deu comezo un novo curso da Cátedra de Hidroloxía Médica - Balnearios de Galicia da Universidade de Santiago. Un estudos, que se imparten desde hai máis dunha década, pretenden formar os futuros facultativos na cura termal, unha práctica cada vez máis interesante na medicina actual debido ao avellentamento da poboación, o incremento das enfermidades crónicas e o estrés

A materia de hidroloxía médica comezou a impartirse na USC en 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en España, e que cada ano forma a máis dun centenar de facultativos “na utilización desta modalidade de terapia na súa práctica médica”, tal como explicaba o Dr. Juan Gestal, director da cátedra e profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. O doutor salientaba “a importancia de iniciar os futuros médicos nas indicacións terapéuticas dos distintos tipos de augas mineromedicinais que existen nos balnearios galegos”.

E é que as patoloxías asociadas ao avellentamento da poboación, unido ao estrés cotiá, aumentan considerablemente o valor terapéutico das augas mineromedicinais, algo que debe ter en conta, segundo os expertos, a medicina actual, tanto no ámbito da prevención como na curación de diversas patoloxías.

Proxectos divulgativos

Para incidir no ámbito terapéutico, o Dr. Gestal anunciou a gravación de dous documentais este ano sobre tratamento de patoloxías osteomusculares e respiratorias, ademais de reimprimir o Vademécum de augas mineromedicinais de Galicia –que recolle as indicacións terapéuticas das diferentes augas dos balnearios galegos– para continuar coa súa difusión entre os médicos. Así mesmo seguirán traballando na protocolización dos procedementos terapéuticos que se empregan nos balnearios, co fin de unificar o proceso de atención médico-paciente en todos os centros termais galegos.

Balnearia Bibliográfica”

A importancia da auga en Galicia quedou ben clara na exposición “Balnearia Bibliográfica” celebrada o pasado ano na Cidade da Cultura e convertida agora nun catálogo a modo de gran “enciclopedia da auga” na que se detalla a importancia económica e cultural deste recurso que queda especialmente subliñada no papel dos balnearios e vilas termais como centro da vida social nos séculos pasados ou como escenarios de obras literarias e cinematográficas.

Reconvertidos hoxe en lugares de ocio, o sector continúa a ser un motor económico en expansión, de aí a aposta galega tanto no eido sanitario como turístico. Neste esforzo se enmarca o Campus da Auga impulsado polo Goberno galego en colaboración coa Universidade de Vigo, un centro de investigación e innovación en torno a este recurso natural que está chamado a ser o motor científico de Ourense. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)