Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Carballo Interplay, ano V



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 19 DE MARZO DE 2018 · (0)




Entre outros méritos o festival colocou no mapa do audiovisual a esta vila, que non é pouco. Alí xunta cada comezo de abril a xente creativa coas mesmas ganas de pasalo ben que de darse a coñecer dentro do xeralmente inestable –e case sempre atractivo– mundo da creación dixital.

É unha escusa coma outra para pasarse por Carballo algún día entre o 4 ao 7 de abril. Ou os catro. O Festival de Contidos Dixitais xera un ambiente pouco dado ás parafernalias e bastante divertido. O que non quita que xa se teña convertido por méritos propios nun punto de encontro entre quen ofrece ideas e quen está disposto a pagar por elas. O eixo do seu nacemento foi premiar o traballo detrás das webseries, pero hai máis. Como explica a directora, Sonia Méndez, “evoluciona coas novidades que vai a achegando este mundo, que de 2014 ata agora foron moitas”.

O mesmo colar

Se nos últimos anos as series de televisión teñen medrado en calidade, son un fenómeno para novos e vellos e unha saída laboral para ducias de actores, guionistas e técnicos de todo tipo, a rede achega outras ferramentas para meter no peto ao usuario ou abrir portas e saltar dun medio a outro. Finalmente todo se consume á carta e o de menos é onde.

O que adoita diferenciar estes contidos dixitais é que conectan facilmente cos máis novos. Paquita Salas, por exemplo, unha serie cómica que se estreou en Flooxer e que, dado o éxito, acabou en Neox. Dende outubro de 2017 Netflix posúe os dereitos e xa confirmou unha segunda tempada para este ano.

Cuestión de orgullo

Entre as webseries que optan a gañar no Carballo Interplay non hai restrición de temática ou estilo, só deben estar pensadas para seren difundidas en internet, ter tres episodios como mínimo e estar feitas entre 2016 e 2018. O gañador non vai polos cartos porque a mellor nacional e internacional levan, cada unha, 800 euros, o trofeo e o recordo de pasalo ben. O premio para as webseries galegas é máis xeneroso: 1.500 euros. Peter Brandon é unha das xoias deste ano, unha produción da coruñesa Porco Bravú protagonizada polo inconfundible Pedro Brandariz que satiriza o sector audiovisual galego con personaxes inadaptados, léase Xosé Touriñán, María Tasende, David Amor e Isabel Risco, colaboradores necesarios dun proxecto estreado en internet o pasado 17 de decembro.

Do que non cabe dúbida é que os gañadores terán máis opcións de levar algunha das ofertas das produtoras que hai detrás das plataformas de difusión e que estarán na estrea do Mercado Profesional, creado para conectar xente con xente. O 5 de abril estarán representantes de Flooxer (Atresmedia), Mtmad (Mediaset), Pplayz (RTVE Digital), CRTVG e o Cluster do Audiovisual.

Desequilibrados

Para que todo saia ben leva traballando moitas semanas un equipo –como cómpre dicir– multisdiciplinar. 15 profesionais cun claro desequilibrio con respecto ao xénero: dez son mulleres empezando pola dirección (Sonia Méndez) e a produción (Ana López) e dánlle moito á cabeza para xerar actividades arredor do vórtice do festival, como o Campamento Kamikaze. Unha “experiencia audiovisual extrema” para 24 persoas que terán que idear, gravar e posproducir unha serie en tres días, con poucas horas de sono polo medio e na contorna da surfeira praia de Razo. O resultado poderá verse na apertura deste V Carballo Interplay, outra escusa máis –se acaso cumpría– para achegarse ata a capital de Bergantiños.

(Extracto da reportaxe publicada no número 322 – marzo 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)