Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Hai vida fóra de Amazon, pero hai que facelo moi ben”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 27 DE MARZO DE 2018 · (0)




Luis Lavin e Fernando Gómez son co-fundadores de Boardfy. Aínda non levan operativos dous anos e xa tiveron tempo de abrir en Vigo, ir a Porto do Molle e decidir volver ao centro para “gañar tempo”. A piques de entrar no mercado americano falamos cos CEO da mellor startup galega de 2018. Conseguiron financiarse co Sabadell e varios business angels e estes días andan recrutando máis xente para o equipo. Que fan? Controlar prezos en internet para que as empresas saiban a que aterse e poidan tomar decisións sen perder cartos.

Se tecleo “monitorar prezos” en Google sáenme Netrivals, Minderest, Geotelecom, Oleoshop e, só un pouco máis abaixo, vós.

Seguramente se buscas “controlar competidores Amazon” sairemos de primeiros. En todo caso a explicación que ten é que, como empresa, somos máis recentes.

Cando coidas que poderedes aparecer ao principio da lista, ou non vos parece tan importante?

Por suposto que é importante. Nunhas semanas entraremos no mercado de Estados Unidos e México cunha web nova e unha estratexia de contidos diferente que pretendemos que melloren isto.

Pasaredes moito tempo alén do Atlántico?

Non. Afortunadamente agora pódense facer incursións en mercados afastados desde aquí. Primeiro imos medir o éxito de Boardfy no mercado e, en base a iso, decidiremos.

Cando vos destes conta de que facía falta un servizo como o voso?

Na miña outra empresa decatámonos de que, ou vixiábamos os competidores, ou quedabamos fóra de mercado. Montamos unha beta que funcionaba e vimos que as nosas necesidades eran as de miles de vendedores similares. E naceu Boardfy.

É caro o voso servizo?

Desde 35 euros ao mes, así que podo asegurar con rotundidade que non somos caros. Temos clientes pequenos, medianos e multinacionais.

Que vos fai diferentes?

Ser os mellores monitorando prezos en marketplaces: Amazon, Ebay, Cdiscount, Promofarma, Kuantokusta… e, en semanas, ofreceremos un servizo moito máis flexible onde monitorar calquera web do mundo. Outra das nosas grandes diferenzas é que os nosos competidores rastrexan prezos unha vez ao día e nós facémolo durante toda a xornada: iso significa que os nosos datos teñen como moito unha “vellez” de 3 horas. É unha diferencia clave.

Están a reducirse moito as marxes de beneficio para as marcas coa venda online?

Coa chegada dos grandes marketplaces as marcas pasaron dunha contorna na que marcaban os prezos porque controlaban a canle, a outra na que non saben quen vende o seu produto nin a que prezo. Pero unha vixilancia manual é unha tolemia. O custo-persoa facéndoo de forma completamente ineficiente é 20 veces máis caro que cun sistema de pricing como o noso.

Non hai medo a perder certo control?

Cada cliente pode elixir cal é o risco que quere asumir, pode xerar as regras de cambio de prezo con 400 combinacións posibles. O realmente importante é ter claro cal é a marxe de beneficio, que o cliente teña os custos integrados no sistema, porque iso fará que os cambios de prezo sexan para gañar máis non para só para vender máis. O 90 % dos nosos clientes tiñan á venda produtos nos que perdían diñeiro e nin sequera o sabían. A ansia de vender máis pode cegar sen un control de marxes, pero con Boardfy podes controlalo.

Hai vida fóra de Amazon?

Hai vida fóra de Amazon, pero hai que facelo moi ben. É un problema de marxes. En ecommerce as dúas principais variables para alcanzar o éxito son: tráfico + conversión. Captar tráfico á web cada vez é máis caro, o que fai que a marxe da venda sexa menor. Non polo prezo do produto senón polo que custa atraer o cliente. Unha vez que o captas, o prezo forma parte da ecuación. O que mellor fai Amazon é atraer tráfico. Nin sequera ten os mellores prezos, pero na primeira parte da ecuación é un dos mellores.

O proxecto vai moi ben pero, que cousas aprendestes que evitariades facer de novo?

Pois tanto a Luis Lavin, que é co-fundador, como a min, gustaríanos executar moito máis rápido, pero ás veces as circunstancias mandan. Pechamos unha rolda de investimento e enfocámonos a vendas, que creo que era o importante. Fóra diso, cando desenvolves software sempre tes que facer cambios non previstos aos que che leva o mercado, pero é algo co que hai que contar.

Por que destes o salto de Porto do Molle ao centro de Vigo?

Primeiro estabamos en Vigo, despois fomos a Porto do Molle ao ser finalistas de ViaGalicia4 e agora volvemos a Vigo. En Porto do Molle estase de luxo, as instalacións son fantásticas, pero para o día a día, xestións e reunións, estar no centro supón gañar tempo e quilómetros.

Acabades de recibir o premio á mellor Startup 2018 de Galicia do Clúster TIC. Houbo algún proxecto que vos chamase a atención?

Habería que valoralos desde dentro… pero a Converfit, por exemplo, coñeciámolo. O seu público obxectivo é moi similar ao noso, ao fin e ao cabo persegue obxectivos similares! Así que cremos que é unha boa idea.

(Extracto da entrevista publicada no número 322 – marzo 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)