Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Ou o PSdeG lidera o cambio ou a dereita seguirá mantendo o control”



TERESA ROCAMONDE - FOTOS: MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 03 DE ABRIL DE 2018 · (0)




Non acaba de chegar á política, nin moito menos, mais o desembarco de Gonzalo Caballero na Secretaría Xeral do PSdeG parece estar cambiando o rumbo dun partido roto polas liortas e os malos resultados electorais. Polo momento non só gañou as primarias con toda a maquinaria do partido en contra senón que logrou xa o apoio público de quen foi o seu principal opositor, o todopoderoso alcalde de Vigo Abel Caballero. Un bo inicio para quen ten a responsabilidade de unir un partido cuxas liortas internas foron directamente proporcionais aos escanos perdidos. E todo isto nun complicado escenario político e territorial cuxa xestión marcará o rumbo desta comunidade nos próximos anos.

Cal é o balance persoal destes primeiros cen días como secretario xeral?

Pois foron tres meses de intensidade persoal e política, entre outras cuestións porque combino a actividade académica na Universidade de Vigo coa fase política e aínda estou interiorizando esta nova etapa e os retos asociados. Pero a verdade é que as primeiras impresións son positivas, creo que estamos dándolle solvencia ao proxecto do partido e á nova situación orgánica e estamos traballando dun xeito que creo que está establecendo uns bos cimentos para o futuro do PSdeG e para propiciar un cambio de ciclo político en Galicia.

Ve factible seguir compaxinando universidade e política?

Eu dixen que polo menos este curso ía manter o traballo na Universidade. Unha vez que remate terei que repensar isto, porque é verdade que preciso máis tempo para o labor político, pero gustaríame manter algún tipo de vinculación coa universidade porque, ademais, é unha boa forma de manterse en contacto coa sociedade e coa xente nova, que é o que debe facer un político. Son un cidadán normal, co seu traballo e a súa vida e que, a maiores, asume un reto político. Creo que é mellor forma de facer política.

Pódese facer política sen estar no Parlamento? Hai quen considera que iso réstalle moita visibilidade…

Eu creo que a forma tradicional de facer política implicaba que para facer oposición había que liderar grupos parlamentarios. Estamos nun momento distinto e o debate parlamentario ten unha prolongación social menos extensa. Pedro Sánchez non está no Congreso e é o líder do PSOE e o líder da oposición, desde a esquerda, ao Partido Popular. Aínda levo pouco tempo á fronte do PSdeG pero eu creo que o nivel de visibilidade está sendo bo e, aínda que non desboto que nalgún momento entre na Cámara, non é unha prioridade.

Efectivamente, ao igual que Pedro Sánchez non é deputado e chegou a secretario xeral sen o apoio dos “baróns” e contra a “maquinaria” do partido. Síntese suficientemente apoiado?

O Partido Socialista é a militancia e a do PSdeG falou con claridade nas catro provincias, e o Congreso Nacional Galego respaldou a decisión da militancia aínda cun resultado maior. Despois diso as distintas estruturas orgánicas e cargos do partido asumen que hai unha dirección política encargada de tomar as rendas e eu sinto o apoio da militancia pero tamén do conxunto da organización e dos cargos, non só en Galicia senón tamén da Dirección Federal do partido, con Pedro Sánchez á fronte.

Podemos falar entón do fin das liortas familiares no PSdeG?

É certo que no PSdeG hai distintas sensibilidades que poden requirir distintas follas de ruta, e isto é lóxico nunha organización democrática na que hai primarias para elixir candidaturas e hai distintas opcións… Pero eu creo que o Congreso Nacional Galego pechouse de forma adecuada e desde entón eu sinto, cada vez máis, un inmenso respaldo da militancia e tamén de milleiros de simpatizantes que empezan a percibir que hai unha dirección política renovada capaz de responder ás necesidade deste novo tempo.

Acaba de participar no Comité federal no que, segundo algunhas voces, o PSOE deriva cara un partido asembleario, se fortalece en demasía o secretario xeral…

Eu xa lin críticas en todos os sentidos, que o novo modelo lle dá un enorme peso á militancia e que llo dá á dirección federal. Non é sinxelo para quen non coñece moi ben o Partido entender o novo Regulamento, que simplemente desenvolve de forma axeitada os estatutos aprobados no último Congreso Federal, mantendo a estrutura de democracia representativa, con órganos de dirección que toman decisións, pero con máis mecanismos de democracia participativa, para que a militancia poida dar opinión sobre cuestións fundamentais. Nesa liña votaron os militantes socialistas e nesa liña regulou o Congreso Federal primeiro e agora o Comité Federal. E sendo Pedro Sánchez quen gañou, el ten a responsabilidade de liderar a organización para levala a un novo escenario político.

Se lle parece, imos xa cos problemas que afectan aos cidadáns. Cal considera agora mesmo o PSdeG que é a principal preocupación da cidadanía galega?

Son economista e son socialista, polo tanto preocúpanme as desigualdades. Eu creo que a situación de crise económica e social que percibe a cidadanía galega e as familias é o principal tema de referencia política para o país. É certo que o cadro macroeconómico ofrece cifras positivas pero ese cadro non se corresponde coa vida da cidadanía. Temos un nivel de desemprego relevante, os salarios e pensións máis baixos do estado, un recorte dos servizos públicos feito polo Partido Popular en Galicia moi importante, con privatizacións e debilitamento da sanidade pública e medidas que supuxeron un quebranto na concesión das axudas á dependencia. Temos un medio rural abandonado, moita xente nova ben formada que non ten posibilidades de vida digna en Galicia, o problema demográfico… O balance non é positivo e estamos desaproveitando un ciclo económico de crecemento para favorecer políticas sociais e de emprego que permitan mellorar a calidade de vida dos galegos. Esta é a prioridade dos socialistas, por riba de calquera outra que ocupa máis titulares nos medios para non recordar que estamos saíndo desta crise cun nivel de desigualdade e de exclusión social moi preocupante.

Entre eses problemas que menciona está o demográfico: somos a rexión do mundo con menor fecundidade, máis avellentada e temos catro cidades galegas entre as 20 de España con menos poboación activa. É posible reverter isto?

É verdade que hai valores e preferencias sociais que marcan en cada tempo as taxas de fecundidade pero tamén que o modelo económico e social é determinante das decisións que toman as persoas. Se o modelo dificulta a calidade de vida das familias, os servizos públicos se recortan, non fomentamos unha política económica activa… estaremos fallando. O problema da demografía hai que abordalo desde un novo modelo económico e social que ten que basearse en tres cuestións que son clave, en xeral, para o conxunto das políticas públicas en Galicia: unha política económica activa que permita manter aquí a xente nova –e especialmente as mulleres– cuns ingresos adecuados para formar unha familia; unha política de medio rural que axude a impulsar o interior e os pequenos concellos, e unhas políticas sociais comprometidas coa calidade de vida da cidadanía. Temos que asumir que ter fillos é unha contribución ao futuro do país, hai que poñelo en valor e recoñecelo dunha vez. E, paralelamente, fomentar a chegada de inmigrantes, porque a tendencia demográfica dinos que non haberá galegas suficientes para manter a taxa de reposición; pero, para atraer inmigrantes, tamén precisamos unha economía puxante que xere emprego.

E iso conséguese…

Con políticas activas, pero o Goberno do Partido Popular está anquilosado nunha liña de acción política centrada no axuste das contas, cunha ideoloxía conservadora neoliberal baseada en que pareza que se controla o déficit –aínda que Feijóo disparou a débeda pública nestes anos– e sen estratexia de país nin modelo de política económica.

O certo é que coa débeda pública disparada, peores salarios e máis pensionistas para menos traballadores, resulta difícil pensar en incentivar políticas económicas e sociais moi ambiciosas. De feito moitos expertos alertan da imposibilidade de manter o actual estado do benestar.

Se non conseguimos revitalizar a economía é evidente que ese é o escenario. Precisamos traballo e salarios dignos, porque este é o elemento fundamental tanto para impulsar a demanda e o consumo como para lograr uns niveis de cotización que permitan manter o sistema. Pero para iso hai que ter política económica activa, que é o que propomos desde o Partido Socialista fronte á inacción económica do Partido Popular: política para os sectores produtivos, políticas activas de emprego, de I+D+i… Se conseguimos aproveitar todas as nosas potencialidades, que son moitas, podemos rachar o círculo vicioso para entrar nun círculo virtuoso e recuperar a calidade de vida das galegas e galegos.

(Extracto da entrevista publicada no número 322 – marzo 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)