Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O traballo está de saldo


A recuperación económica non se traduce nunha mellora da calidade de vida


GONZALO FERNÁNDEZ. FOTOS: MONCHO FUENTES · PUBLICADO O 22 DE MAIO DE 2018 · (0)






Cunha economía que xa leva catro anos medrando a ritmos do 3%, a recuperación da que tanto está a falar o Goberno non dá chegado aos fogares, que viron deteriorado nun 7% o seu nivel de vida tras dez anos de crise, segundo indican algúns estudos. Pero lonxe de arranxarse a situación, a perda de poder adquisitivo dos salarios continuou en España nos últimos dous anos cunha caída de case dous puntos. É tempo xa de que os soldos comecen a subir? Iso é o que están a demandar diversos colectivos e sindicatos coas súas protestas nas rúas, pero tamén cómpre preguntarse se non será cedo para facelo sen risco de caer nos erros do pasado.

As continuas protestas que se ven nas rúas das cidades galegas fan pensar se a recuperación da que fala o Goberno é real ou só é un indicador de que a economía avanza, pero que aínda haberá que esperar para que esta mellora chegue aos fogares. O certo é que as cifras, con crecementos do PIB que se sitúan na contorna do 3 %, reflicten esa recuperación e que, ademais, achega mellores resultados ás empresas que ven como aumenta a súa produtividade e, como consecuencia, os seus beneficios.

Pero tras esta mellora agóchanse algunhas medidas que repercutiron negativamente no benestar da sociedade, e máis especialmente daquelas clases peor retribuídas que viron recortados ou conxelados os seus soldos ata o punto de sufrir unha perda de poder adquisitivo, que en España é do -1,7 %, segundo o “Monitor Adecco de Oportunidades e Satisfacción no Emprego”, e en Galicia do -0,2 %.

O recorte galego neste concepto, o terceiro máis suave dos 15 que se produciron entre as comunidades autónomas, rexístrase a pesar de que o salario medio aquí fose o terceiro que máis medrase no último ano, ata acadar os 1.471 euros mensuais segundo este informe, cunha mellora de 24 euros (1,6 %) respecto ao exercicio anterior. A pesar diso, Galicia segue amosando o quinto salario máis baixo entre as autonomías españolas, incluso acadando a remuneración máxima conseguida en toda a serie histórica.

Caída leve

Pero se se teñen en conta as variacións da inflación que se produciron neste tempo, o incremento do 0,1 % que se produciu no poder adquisitivo do salario galego hai un ano converteuse agora nun recorte dun 0,2 %, sendo a situación incluso peor a nivel nacional cunha caída do 1,7 %, que fai que a capacidade de compra do salario galego gañe, non obstante, 302 euros anuais en comparación coa media nacional.

Desta forma, Galicia convértese nunha das 11 rexións que hai un ano amosaban un aumento no poder de compra do salario medio e agora presentan unha caída neste indicador, pero non está entre as que presentan uns cambios máis drásticos neste sentido. Nesa situación están Murcia, que pasa dunha ganancia do 1,9 % de hai un ano a un -3,1 % actualmente; Castela e León, onde o salario medio pasa de gañar un 2,2 % a perder a mesma porcentaxe, e A Rioxa, que pasa dun 0,2 % positivo a un -3,4 %.

En euros

Cando as variacións do poder de compra do salario medio que se acumularon ao longo dos últimos oito trimestres (dous anos) se expresan en termos de euros en lugar de facelo en porcentaxes, as diferenzas aprécianse mellor. No caso do soldo medio nacional, a perda dun 1,7 % do seu poder de compra equivale a que o asalariado medio español ten, ao cabo dun ano, 347 euros menos no seu peto dos que tiña hai dous anos, e en Galicia, pola súa banda, o seu deterioro é equivalente á perda de apenas 45 euros ao ano.

Traducindo as porcentaxes a euros tamén se pode ver que, ao longo dos últimos dous anos se acumularon diferenzas no poder adquisitivo do salario medio das distintas comunidades autónomas de ata 1.198 euros por ano. Ese é o resultado de sumar o incremento observado en Cantabria (543 euros ao ano) coa perda rexistrada na Rioxa (655 euros anuais). No caso de Galicia, se se compara coa media nacional, a capacidade de compra do seu salario medio gaña 202 euros.

Reforma laboral

Segundo outro estudo sobre a participación dos salarios no crecemento económico na comunidade autónoma, elaborado por UGT-Galicia, a situación dos traballadores galegos tamén se deteriorou coa crise e máis aínda tras a aprobación da última reforma laboral en 2012. Mentres constata que as empresas desta rexión saíron hai tempo da crise, recuperando os niveis de beneficios previos a 2008, os asalariados non o deron feito aínda, e mesmo lles falta moito para acadar o benestar que tiñan entón. Para este sindicato resulta “evidente” que o reparto do PIB “empeorou claramente para os salarios”, xa que se en 2008, ano no que estoupa a crise, o conxunto da poboación asalariada percibía o 46,9 % do PIB e o empresariado o 45 %, na actualidade este reparto é do 42,4 % e do 47,7 %, respectivamente.

(Extracto da reportaxe publicada no número 324 – maio 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)