Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Balneoterapia, moito máis que turismo termal



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 24 DE XULLO DE 2018 · (0)




Galicia é líder en turismo termal, un recurso no que aínda hai moito potencial de crecemento. Así o pensan na Cátedra de Hidroloxía Médica USC onde traballan desde hai case unha década para divulgar os beneficios destas augas e da balneoterapia sobre diversas patoloxías. A Deputación de Ourense vén de destacar o éxito do seu programa de Termalismo social que cumpre cinco anos, unha iniciativa pioneira nun territorio líder pola calidade das súas augas mineiro-medicinais. Estamos ante una nova Belle Époque dos balnearios?

A auga foi usada para fins terapéuticos desde o principio dos tempos e viviu épocas de gran esplendor, como a do imperio romano, cuxas pegadas aínda perduran en Galicia. Mais a balneoterapia como tal iniciouse no século XVIII e viviu o seu maior auxe na seguinte centuria debido ás deficiencias sanitarias e farmacolóxicas do momento; practicamente todas as enfermidades sen tratamento específico acababan na cura termal e algunhas delas atopaban solución.

A práctica e a investigación levada a cabo nas últimas décadas no ámbito da hidroloxía médica, revelaron que, efectivamente, as augas mineiro-medicinais teñen efectos positivos no alivio da dor e no benestar dos pacientes, que cada vez coñecen e utilizan máis este servizo. Así o vén de constatar a Deputación de Ourense, na presentación do balance dos cinco anos de desenvolvemento do seu programa de Termalismo social. Manuel Baltar falaba de “éxito e máxima aceptación” desta iniciativa pioneira no ámbito do termalismo nun territorio “líder en Europa pola calidade das súas augas mineiro-medicinais, e polos programas que desenvolve a Deputación de Ourense unindo turismo termal, ocio e saúde”. Unha combinación que converteu á nosa comunidade en destino de referencia para o turismo de saúde.

Segundo os operadores turísticos, a nosa oferta termal constitúe, tras o Camiño de Santiago, o produto turístico con maior potencial nacional e internacional, tanto pola cantidade de recursos termais dispoñibles como pola calidade das nosas augas mineiro-medicinais, “de contrastada eficacia terapéutica”, como ben destacan desde a Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela. Foi a segunda en España nesta especialidade e desde o ano 2010 fomenta a docencia, a investigación e a difusión da balneoterapia entre os futuros médicos e, deste xeito, entre a cidadanía. O obxectivo é dar a coñecer os beneficios que ofrece a cura termal en múltiples patoloxías.

Auga medicinal para as enfermidades da civilización

Evidentemente, o desenvolvemento médico e farmacolóxico relegou a balneoterapia a un segundo plano, mais “a cura balnearia aínda ten o seu lugar hoxe en día”, explica o Dr. Juan Gestal, profesor emérito da USC e director da Cátedra de Hidroloxía Médica, quen destaca o seu uso como “tratamento coadxuvante en determinadas patoloxías cutáneas e do aparato locomotor e respiratorio, para a recuperación poscirúrxica ou mesmo para a fatiga física e psíquica e as chamadas enfermidades da civilización, como a astenia, a fibromialxia ou o estrés, que está no centro de todas as patoloxías actuais”.

Pero para obter estes beneficios sanitarios é preciso ter –e utilizar correctamente– as augas mineiro-medicinais, augas que, polas súas características e calidades, son declaradas de utilidade pública e aptas para tratamentos terapéuticos. “Son as que se usan nos balnearios e as que interesan desde o punto de vista médico porque en función das propiedades e do contido en minerais, cada auga exerce unha acción distinta sobre o organismo e, por tanto, posúe unhas indicacións determinadas”, explica o Dr. Gestal […]

Como elixir o balneario

Os criterios que deben seguirse dependen da patoloxía a tratar, do tipo de auga de cada balneario e dos tratamentos que aplica. “Non pode ser que un elixa o balneario porque llo ofreceron na axencia, ou teña un hotel magnífico ou dea moi ben de comer; eses non son os criterios”, destaca o Dr. Gestal. Este é o motivo que levou á Cátedra a publicar o Vademécum de las aguas mineromedicinales de Galicia e distribuílo entre os profesionais de atención primaria de toda a comunidade para que dispoñan dun instrumento, con información científica, das indicacións de cada tipo de auga mineral. Deste xeito poden ser os propios médicos de atención primaria os que recomenden a cada paciente o balneario máis adecuado ás súas necesidades.

Supervisión médica

Ademais de contar con augas de “utilidade pública”, os balnearios, como establecementos ligados á saúde que son, están obrigados a contar cunha Dirección médica. Non é algo recente. A obriga estableceuse por primeira vez nunha Real Orde do ano 1889, recoñecendo oficialmente o valor terapéutico das augas destes establecementos. Doce anos antes, en 1877, fundárase a Sociedade Española de Hidroloxía Médica. Foi un momento de auxe do termalismo moderno no que confluíron dúas funcións que quedarían xa ligadas para sempre: saúde e turismo.

Actualmente a Dirección médica é a responsable de manter a calidade das augas mineiro-medicinais desde o manancial ata a aplicación directa sobre o usuario. […] E, por suposto, realizar a actividade asistencial, que comeza no momento da consulta coa apertura dun historial médico e continúa ao longo de toda a terapia “de forma completamente personalizada”, especifica Ana Sevares, médica dos balnearios de Caldaria onde, tras finalizar o tratamento, se lles entrega aos pacientes un “informe post-cura” que poden levar ao seu médico de familia ou ao especialista […]

Equipos multidisciplinares

O labor do médico compleméntase co de moitos outros profesionais que, baixo a súa dirección, guían e aplican as terapias indicadas a cada paciente nun medio especialmente favorable como é o acuático “que evita sobrecargas e favorece a relaxación”, explica Kamil Brzezinski, fisioterapeuta no Balneario de Laias […]

Unhas condicións que se repiten en todos os balnearios espallados ao longo da xeografía galega e que probablemente teñen moito que ver nos beneficios das terapias termais, xa que “aparte dos efectos específicos que dependen do tipo de auga e do procedemento que se utilice, hai uns efectos beneficiosos xerais relacionados co réxime de vida no balneario”, asegura o Dr. Gestal […]

Desde hai máis dun século

Esa dobre función social e medicinal mantívose ao longo de toda a historia, desde as termas romanas ata hoxe, con especial relevancia a finais do século XIX coincidindo coa época de maior auxe dos balnearios. Foi nese momento cando viron a luz dous dos establecementos máis emblemáticos da nosa comunidade: os de Mondariz e A Toxa.

Conta a lenda que foi un burro o que descubriu os beneficios termais das augas que manaban na deshabitada illa arousá. Enfermo e abandonado alí para evitar posibles contaxios, o seu dono atopouno tempo despois completamente curado, unha historia que relatou magnificamente Emilia Pardo Bazán, usuaria e cronista do rexurdir termal en Galicia. O descubrimento do équido sería certificado en 1841 polo químico Antonio Casares, responsable tamén das análises das augas de Caldas, Cuntis e Lugo. Un ano despois o Marqués de Riestra, propietario dos terreos da Toxa, obtivo a autorización para levantar un balneario que abriría as súas portas en 1899.

Nese momento xa cumprira un cuarto de século o pioneiro do termalismo galego: Mondariz. Os seus artífices son “uns médicos hidrólogos pontevedreses, os irmáns Peinador, que a mediados do século XIX descobren no que era a vila Búrbida romana ata 110 mananciais e comezan a construír unha vila termal seguindo o modelo arquitectónico dos grandes balnearios europeos, como son Bath, Baden-Baden o Karlovy Vary”, explica Amalia Gallego, directora de Comunicación do Balneario de Mondariz […]

(Extracto da reportaxe publicada no número 326 – xullo 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)