Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Cando falamos de educación falamos da sociedade que queremos”



PUBLICADO O 01 DE FEBREIRO DE 2011 · (0)




En plena discusión polo Decreto do plurilingüismo, abren unha nova fronte coa Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa. Era necesaria esta lei en Galicia ou é máis ben unha escusa para amparar estratexias como a consulta aos pais?

Se miras os xornais verás que é raro o día no que non hai problemas deste tipo: a detención dun rapaz que lle roubou a outro, dous irmáns en Maceda con acoso, un colexio en Cea que se manifesta para tratar de convivir en paz... É un problema que existe e a Consellería debe garantir que se solucione, que se abran as canles para rematar con esas situacións anómalas. O profesorado vén demandando mecanismos como a rapidez das sancións, que non varían con respecto as establecidas no decreto do ano 95, onde se establecían os deberes a nivel nacional, pero que se aplicarán de forma inmediata. 

Non obstante, a lei vai máis alá e recolle tamén a participación das familias, que é algo demandado tamén pola comunidade educativa. As familias teñen que involucrarse na educación dos seus fillos, máis alá da simple titoría. Esta lei responde ás demandas de diversos colectivos para buscar un clima de convivencia nas aulas, aínda que, non o esquezamos, o último e gran beneficiario desta lei son os rapaces, os alumnos, que son os que poderán convivir dentro das aulas e recibir unha formación de calidade.

 

Unha cousa é a implicación dos pais e outra que decidan proxectos educativos? 

O borrador do anteproxecto, tal como está contemplado prevé que os pais poidan participar a través de consultas onde a potestade está en mans da Consellería de Educación. Existía ese baleiro legal e do que se trata agora é de poder realizar calquera consulta que non afecte ao proxecto educativo, non afecte á liberdade dos centros ou a liberdade psicopedagóxica dos profesores. Eu entendo que igual que se lle pode preguntar aos pais, se lle pode preguntar aos profesores ou a todos os membros da comunidade educativa, e creo que se un goberno quere adoptar unha determinada decisión é bo que coñeza a posición de todos os implicados. Pero repito, son consultas que non afectan ao proxecto curricular.

 

Tamén se recolle a autonomía dos centros á hora de tomar diversas decisións, como a vestimenta ou o idioma, o que pode dar lugar a diferencias entre o alumnado público galego.

Os medos non deben servir de pretexto para coartar a liberdade educativa. Penso que o sistema educativo debe aspirar ao máximo e se non o intentamos, comezando por onde sexa posible, estariamos renunciando a mellorar e a avanzar. Debemos favorecer que cada centro aplique os proxectos educativos que considere mellores para despois ver cales funcionan, poñelos en común e superar as eivas actuais. Isto non supón unha traba, ao contrario: serven de exemplo a outros. Todo o mundo está contento cos contratos-programas cos centros. Non estamos falando de nada distinto do que falan o resto de grupos. É algo habitual e é unha das mellores ferramentas para superar moitas das eivas que temos agora no ensino.

 

A crise marcou toda esta etapa e lonxe de empezar a disiparse parece máis presente que nunca, tal como se reflexa nos presupostos deste ano; como vai a influír a redución no seu departamento?

É certo que estamos nunha gravísima crise económica pero tamén é certo que Galicia está a dar uns pasos moi acertados, cuns orzamentos sostibles que pretenden afianzar a confianza e ser recoñecidos como unha comunidade solvente. Aínda así este Goberno apostou polos servizos sociais como ningún outro fixo antes. Tres de cada catro euros estanse a adicar a asuntos sociais e un 25% dos ingresos da Xunta van a educación. Estes datos nunca se deran antes, pense que o orzamento da Xunta reduciuse nun 10,8% e o de Educación tan só nun 6%, e se descontamos o recorte do profesorado imposto polo Estado a caída aínda é menor, polo que non nos podemos queixar. A aposta deste goberno pola educación é clara.

 

Fáganos un balance deste ano e dez meses de goberno. Foi máis duro do que pensaba, bota de menos a vida universitario ou está a gusto na xestión política?

Ufff, que difícil... podo dicir “paso palabra”

 

Non, móllese un pouco.

Aínda é pronto para facer balance de resultados pero o que todos tratamos desde que chegamos aquí o 21 de abril do 2009 é dar o mellor de nós; intentas ser ambicioso e darlle o mellor á comunidade educativa pero hai que compaxinar esta ambición cunha situación de grave crise económica e iso é moi duro. Persoalmente... é un reto. Entrei con moita ilusión e a manteño a pesares do difícil que é xestionar recursos escasos, difícil e frustrante. O feito de que non teñas os recursos necesarios para desenvolver o teu proxecto é complicado.

 

(Extracto da entrevista completa, que se poderá ler no número de febreiro de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)