Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Estamos a facer de recadadores de impostos”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 13 DE AGOSTO DE 2018 · (0)




“Son un empresario modesto cunha estación de servizo en Poio”. Así se presenta Benigno Redondo, un dos rostros máis importantes do sector das gasolineiras, que representa á asociación de Pontevedra e á Federación Galega de Estacións de Servizo “e trátoo de facer da mellor maneira”. Tras 21 anos no sector, e aínda recoñecendo que os novos combustibles poden ser unha oportunidade, insiste en que os impostos e a competencia das estacións sen empregados afógaos.

Seguirán aumentando as estacións de servizo que definides como “desatendidas”?

Cremos que si, aínda que son un modelo de negocio que non compartimos, porque o único obxectivo que ten é o prezo pero, á conta de que? O noso principal custo na conta de explotación son os empregados, creamos moito emprego en Galicia, pero se este tipo de instalacións proliferan haberá destrución de postos.

Pedides que se lles obrigue a contar con, polo menos, un traballador, e demandades máis seguridade. Detéctanse nestas estacións de verdade situacións de risco?

Si que houbo. En Barcelona, que é onde máis áreas deste tipo existen, xa houbo varios incendios. E situacións de risco existen moitas máis, non deixa de ser un produto perigoso, un material inflamable.

Hai estudos da percepción do usuario?

Se prefire unha gasolineira ou outra, se teñen prioridade os prezos ou hai xente que está cansa de que non a atenda ninguén… Pois precisamente hai un ano recollemos firmas, e foi abafadora a resposta do público. Hai xente que quere que a atendan e hai quen só mira o prezo pero, pola acollida que vimos, hai moita no primeiro grupo. A xente quería asinar porque lle parece un disparate que non che sirvan por un prezo un pouco máis barato. Evidentemente, como empresario, se me aforrase os dez empregados que teño claro que podía vender máis barato. Pero a percepción do público é clara. A clave é que a atención sexa boa. Un “bo día”, unha conversa con alguén… evidentemente se o trato é bo agradécese; claro que se é malo prefires que te atenda unha máquina. Por iso digo que temos que esmerarnos.

Con todo asegurades que non estades en contra da apertura destas estacións, que a competencia non é mala e fai evolucionar.

A competencia claro que é boa, faiche pensar máis, deseñar promocións… pero claro: se se utilizan as mesmas armas. Porque falamos de vender un produto similar dunha maneira diferente. Pero é verdade que a competencia faiche recapacitar e innovar.

Esta preocupación trasladástela á Administración autonómica; hai resposta ou a esperades a curto prazo? 

Si, tivemos varias reunións coa Xunta e solicitamos outra. Ademais, e aínda que nos din que están preocupados polos prezos dos carburantes de Galicia, esquécense de facer alusión a que o principal responsable de que teñamos estes prezos é o céntimo sanitario. Que non son 4,8 céntimos, son 4,8 máis IVE, é dicir 5,8 céntimos. Moitos estudos publicados sobre prezos non teñen este aspecto en conta, eses 5,8 céntimos de máis en Galicia onde temos o tipo máis alto deste imposto con respecto a outra comunidade como Castela e León, que é a máis próxima e que non ten nada. Hai que comparar peras con peras e mazás con mazás: a comparativa de prezos hai que facela antes de impostos, non despois. Dese imposto non nos levamos nada, estamos a facer de recadadores cando a xente nos culpa de ser máis caros. Pero é un diñeiro que leva a Xunta.

Non hai visos de que se vaia a eliminar?

Pois o pasado xaneiro o anterior goberno de España aprobou que se unificase este imposto en todo o país. E vímolo con moi bos ollos, evidentemente. Pero non sei se o novo goberno en Moncloa manterao ou non.

Os empresarios están a renunciar a marxes de beneficios para que os clientes non se vaian a estacións limítrofes?

Claro, nas provincias ao carón de Castela e León teñen que competir de maneira máis agresiva, e mesmo perder para que os clientes non marchen e enchan onde hai unha diferenza de case 6 céntimos.

Preocúpavos a guerra declarada ao coche diésel?

Haberá redución de vendas? Pois seguramente si. Está a haber unha demonización do diésel do mesmo xeito que no seu momento a houbo coa gasolina, e un produto contamina dunha maneira e outro doutra. Dise que o gasóleo contamina algo máis pero nos coches máis novos entendo que non. Veremos que ocorre. Xa se está vendo un cambio de tendencia, matricúlanse moitos máis coches de gasolina. 

Os transportistas encherán máis en Francia e Portugal?

Si, aínda que quizais non lles afecte demasiado xa que, aínda que haxa un tipo impositivo diferente, vanllo a devolver a condición de que fagan a declaración. Adóitanselles devolver parte dos impostos dos combustibles.   

Os vehículos eléctricos non teñen infraestruturas como para abandonar do todo os combustibles que temos a agora. Vedes unha oportunidade?

Pois si. Como sector queremos seguir liderando o cambio de modelo enerxético. Os vehículos eléctricos están aí, non sabemos exactamente cara a onde irán os tiros aínda que van ter que convivir durante anos distintas enerxías: gasóleo, gasolina, eléctricos, híbridos,  GLP... no Corredor de Mediterráneo xa se están montando instalacións de gas natural licuado e comprimido para grandes frotas e camións. Por suposto que vemos unha oportunidade, estamos abertos a ofrecer o combustible que requira o público.

En que consiste a renovación recente que acometestes en Fegaes?

Pois creo que lle demos un empurrón colaborando as catro asociacións galegas, porque a federación intégrana as catro provincias. Viñamos facendo reunións periódicas pero decidimos facer máis cousas conxuntamente. Hoxe Fegaes representa ao 70 % das 700 estacións de servizo galegas. E é o 70 % porque hai moitas estacións que son das petroleiras e non se van a asociar nunca connosco. Así que este 70 % non é unha cifra menor.

(Entrevista publicada no número 327 – agosto 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)