Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“O rural non é un parque temático”



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 20 DE AGOSTO DE 2018 · (0)




A alcaldesa de Allariz é contundente na súa diagnose dos problemas que afronta o rural galego: unha mentalidade urbana que mitifica ou despreza o rural e iniciativas illadas que atopan co muro da burocracia. Unha visión que comparte a Rede ReVOLTA, un grupo de investigadores das universidades de Santiago e Vigo que veñen de presentar os resultados do seu traballo sobre a situación do agro galego precisamente en Allariz, exemplo de compromiso cun rural produtivo e de futuro.

“A historia demostra que en Galiza temos un pasado de agricultura exitoso que acumulou saberes e coñecementos moi precisos sobre a contorna e o manexo dos recursos naturais. Malia todo, dende os paradigmas da economía convencional, que toma o mercado como único elemento asignador de valores, tense construído un discurso do atraso que no imaxinario colectivo se traduciu en auto-odio e desprezo polos saberes ancestrais”.

Este parágrafo extraído do libro Revoltando á terra resume á perfección o abandono do rural galego. Un complexo alentado por vicisitudes históricas, por unha política de desenvolvemento errada e por unha cultura de masas que impón modelos externos absurdos no contexto galego, desembocou no abandono de actividades que foron produtivas en momentos moi delicados e moito máis dramáticos que o actual. Así quedou de manifesto na presentación deste libro que recolle anos de traballo da Rede ReVOLTA de agroecoloxía, un colectivo composto por oito grupos de investigación dos máis diversos ámbitos –historiadores, biólogos, enxeñeiros…– das universidades de Vigo e Santiago que buscan abrir “un debate serio e necesario sobre o futuro do rural galego”.

A súa cabeza visible, o catedrático Lourenzo Fernández Prieto, teno claro: “Se conseguimos saber que facer co rural, conseguiremos saber que facer con Galicia”. O que non está tan claro é o camiño para logralo, especialmente á vista de que nin a administración nin a cidadanía confían en que o rural teña futuro, “malia termos moitas experiencias de éxito en Europa e mesmo aquí, aínda que sexa a nivel micro”, explica o profesor de historia agraria. Varias delas aparecen recollidas no libro que veñen de publicar “aínda que hai moitas máis que demostran a cantidade de xente que quere facer cousas no mundo rural de carácter produtivo e que non son turismo rural”, engade Fernández Prieto.

Superar o horizonte Fraga”

Unha das cuestións nas que máis insiste este grupo de expertos é en recuperar o mundo rural produtivo e para iso hai que mudar completamente a visión dominante dos “desertores do arado, que somos todos, porque o 90 % dos galegos vimos do mundo agrario” recorda o catedrático de historia contemporánea. “Estase transmitindo que os problemas de Galicia son o abandono e a natalidade, e ao mellor eses non son os problemas senón unha dimensión do cambio histórico contemporáneo que empezou hai 200 anos e que ten que ver coa industrialización, a concentración da poboación, o cambio social, a igualación social, a liberación da muller… moitas cousas que foron boas”.

O problema, segundo os expertos que integran a Rede, non é o abandono do rural senón das actividades agrarias. “O problema fundamental do agro é o desprezo, e aí é onde cremos que hai que focalizar a atención”. De aí o interese polas EPI, as experiencias produtivas innovadoras que están mudando a concepción do mundo rural “superando o horizonte Fraga onde todo eran castros, igrexas, eucaliptos e turismo, é dicir incendios, gasto en patrimonio eclesiástico e turismo masivo”.

Tanto a presentación do libro como o posterior debate sobre a “reinvención” do rural galego tiveron lugar en Allariz “por un motivo evidente”, explica Fran Quiroga, xestor I+D+i da Rede ReVOLTA. O Concello de Allariz é unha administración “cunha traxectoria ampla, seria e elaborada de apoio ao rural” e ás persoas que de verdade queren desenvolver proxectos nesta contorna. “Son o exemplo, e un exemplo de éxito, de que se pode facer isto que nós propomos”.

O rural non é un parque temático”

Mais non é doado facelo, tal como explica Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente de Allariz: “Aínda estes días tentamos conseguir unha leira común para unha persoa que precisaba pastos e a comunidade de veciños non a deixou porque 'igual a precisan no futuro'. É unha leira que leva baldía anos… Iso si, cando lles dis que hai que limpala, entón xa non lles interesa tanto…”.

“O problema máis grave é a mentalidade urbana que se estendeu sobre o rural que nada ten que ver coa realidade e que, ademais, estase a converter en discurso hexemónico”, engade a alcaldesa, Cristina Cid. “Hai que desterrar a idea do rural como Cabárceno e dos animais como mascotas. O rural non é un parque temático e os animais son gando, non mascotas”, afirma contundente mentres narra como teñen recibido chamadas para alertar de que vaian “recoller ovellas dunha finca porque chove e estanse a mollar” ou queixas por unha brigada que matou unha serpe nunha casa en vez de levala a algún refuxio. “Son cousas que poden dar risa pero están pasando, e son un claro exemplo desa mentalidade urbana que está detrás de moitos dos problemas que ten o rural”.

 

Falta administración e sobra burocracia

A isto engade a alcaldesa outro grave obstáculo ao que se enfronta o rural galego: “Non hai unha instancia política que apoie as iniciativas no rural e ao final o que temos son iniciativas illadas 'a pesar da administración' e non 'da man' da administración”. Por iso o goberno allaricense leva anos centrado en “facilitarlles os trámites burocráticos aos emprendedores de maneira que non decaian na súa idea”. Aínda así, recoñecen que é difícil mesmo para eles. “Hai moitos valentes que se atopan completamente desvalidos”, conclúe a alcaldesa.

Unha desas valentes é Eva González, que en 2011 decidiu pór en marcha en Vilar de Santos un proxecto que aproveitase e valorizase os recursos naturais propios da zona, neste caso o sabugueiro. E converteuno nun negocio de éxito, malia todas as dificultades. “Estamos abandonados: os vellos, os novos, os emprendedores… falta administración en todos os ámbitos e faltan apoios de todo tipo, tamén da universidade, que debería abrirse á sociedade, a quen precisa investigar, asesorarse, emprender…”.

 

Hai solucións

Salvar as trabas administrativas e esa mentalidade urbana e de desprezo asentada na consciencia colectiva non é doado. Tanto é así que mesmo este grupo de investigadores fuxiu da palabra 're-ruralización' “que é como volver atrás” e optou por 'revolta' que é unha palabra ambigua: “Parece que falamos dunha revolución pero en realidade significa volver ao rego. Ademais a revolta é o lugar onde se revoltaba a terra na aldea. Optamos por ela porque se lle chamas volver ao rural a xente escapa correndo”, explica Fernández Prieto, que alega “unha eiva histórica que ten que ver coa ditadura e a democracia e que nos leva a onde estamos” en contraposición con outros territorios de Europa.

Mais este grupo de expertos asegura que é imprescindible recuperar o mundo rural e para iso “hai que crear mística e éxito económico”, explica o catedrático de Historia Contemporánea. “O gran problema da humanidade hoxe en día é como manexar o territorio, porque o territorio é o espazo dos problemas ambientais, o espazo da desorde… Se non o manexas ben arde, degrádase, contamínase… Ou sabemos manexar o territorio ou temos un grave problema humano”. Lourenzo Fenández asegura que “cando temos un presidente da Xunta que di que non sabe onde ten os montes, temos un grave problema, porque está asumindo a mala orientación e os erros cometidos. Temos que saber onde temos as terras e temos que manexar eses espazos de forma razoable, ou virán as empresas e faranse con eles, que é o que está a piques de ocorrer”.

E aínda que admite a dificultade de volver atrás, asegura que hai solucións: “Non podemos 'deseucaliptizar' Galicia pero podemos frear o proceso, non podemos recuperar lugares abandonados pero si evitar que se sigan abandonando… Hai moitas cousas que se poden facer e, ademais, a UE está disposta a axudarnos, así que hai que aproveitalo”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 327 – agosto 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)