Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Chega a Galicia a Mobile Week



REDACCIÓN · PUBLICADO O 03 DE OUTUBRO DE 2018 · (0)




O debate sobre os límites e as oportunidades da transformación dixital, e o papel do Eixo Atlántico como axente clave de dixitalización centrará a primeira edición de Mobile Week Coruña, que terá lugar a finais de novembro. A iniciativa fusiona arte, ciencia e tecnoloxía cun obxectivo: poñer a cidadanía no centro da revolución dixital.

Tras dúas edicións en Barcelona, Mobile World Capital (MWCapital) dá o salto a Galicia coa Mobile Week Coruña, unha iniciativa destinada a potenciar o debate sobre as implicacións a nivel social, económico e cultural da transformación dixital no Eixo Atlántico. Entre o 21 e 28 de novembro desenvolverase unha programación transversal e gratuíta en máis de 20 espazos da área metropolitana da Coruña e na Cidade da Cultura de Santiago: relatorios, charlas, mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, talleres e xornadas infantís, permitirán abordar “os retos, os límites e as oportunidades de transformación dixital”, explican desde a organización.

A cita servirá para crear espazos de reflexión colectiva sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual. “O futuro cotián convértese no eixo temático da iniciativa situando ao cidadán no centro da revolución tecnolóxica”, indican desde MWCapital.

Catro eixos de actividade

Para iso conformaron un programa dividido en catro eixos de actividade: mWeek TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas; mWeek LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia; mWeek KIDS, con actividades para toda a familia, e mWeek GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas. 

Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente clave da dixitalización do territorio, Mobile Week Coruña contará con relatores expertos en innovación como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital como Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da Universidade de Santiago.

Esta primeira edición en Galicia conta coa colaboración do Concello da Coruña e distintos equipamentos públicos e privados, espazos de innovación e museos científicos, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Modernización Tecnolóxica, e o Club Financeiro Atlántico.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)