Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

No camiño da eficiencia enerxética



REDACCIÓN · PUBLICADO O 23 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)




O Goberno galego aprobou a principios de ano as Directrices Enerxéticas de Galicia coa intención de apostar pola “eficiencia e o impulso das enerxías renovables”. Iniciativas como o desenvolvemento dos ecobarrios, os plans de aforro na administración autonómica ou as liñas de axudas para reducir o consumo enerxético en fogares e empresas son algunhas das medidas que se están a pór en marcha co fin de aforrar 150 millóns ao ano ata 2020.

“Camiñar cara a unha enerxía máis limpa fundamentada nas enerxías renovables e a través de medidas que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética, e cara unha mobilidade máis sostible que permita a introdución do vehículo eléctrico e o desenvolvemento de enerxías vinculadas co gas”, estes son os eixos principais das Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020 nas que traballa o Goberno galego desde principios de ano. Para iso mobilizarase un investimento público-privado superior aos 3.000 millóns de euros cos que a Xunta de Galicia pretende afondar na “economía verde” e dar resposta “ás necesidades dos consumidores e das empresas”.

Segundo explica o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trátase de “mellorar a calidade de vida dos galegos, con custes enerxéticos máis reducidos e unha mellor subministración; e facer aínda máis competitivo o tecido empresarial, apostando pola eficiencia e as enerxías renovables e favorecendo así a loita contra o cambio climático e o impulso da economía verde”.

Estes retos agrúpanse en varios ámbitos: impulsar as renovables, mellorar a eficiencia enerxética, incentivar a mobilidade sustentable, rebaixar a dependencia enerxética, mellorar a calidade da subministración, seguir apostando pola innovación e mellorar a información dos consumidores. Así, no eido das renovables, investiranse 1.300 millóns de euros na instalación de máis de 1200 MW, dos que máis de 1000 serán para producir enerxía eléctrica a través da eólica, hidráulica, biomasa e fotovoltaica; e o resto corresponde a enerxía térmica a través da biomasa, a solar térmica, a xeotermia e a aerotermia.

Respecto á eficiencia enerxética, prevese que Galicia poida aforrar 150 millóns de euros ao ano ata 2020, con iniciativas como o desenvolvemento dos ecobarrios, plans de aforro na administración autonómica ou as liñas de axudas ao aforro enerxético en fogares e empresas. No referente á mobilidade sustentable, contémplase impulsar a renovación do parque de vehículos e estender o uso do vehículo eléctrico na mobilidade urbana; así como avanzar na implantación do gas como combustible para o transporte pesado, tanto terrestre como marítimo.

Así mesmo, preténdese que a porcentaxe de poboación con acceso a gas natural pase do 67 % ao 82 %, e que se sumen 37 concellos e 20 polígonos; que comece a construción das infraestruturas para o hub de gas natural licuado en Ferrolterra; se modernicen os equipamentos da subministración eléctrica e que aumente a competencia no sector dos hidrocarburos.

Impulso á biomasa

Dentro desta aposta pola eficiencia enerxética, a Xunta puxo en marcha en 2014 a Estratexia integral de impulso da biomasa, que permitiu a instalación de 5.000 caldeiras para uso administrativo, en vivendas ou vinculados á actividade empresarial. Destaca, tamén, o esforzo que se está facendo nos edificios públicos para permitir aforros anuais de 2,2 millóns de euros na factura enerxética. Con esta Estratexia o Goberno galego agarda mobilizar 450 millóns de euros, crear mil empregos, alcanzar un aforro de 70 millóns de euros ao ano ou multiplicar por tres o consumo de biomasa.

Defensa da industria e do consumidor

Son os dous principais retos do Goberno galego: mellorar a eficiencia enerxética da industria a través da innovación e fomentar a información aos usuarios de cara a elixir o seu provedor de enerxía.

Todo isto permitirá a Galicia seguir sendo líder en eficiencia enerxética: arestora o 38 % do consumo de enerxía final é de orixe renovable, cando Europa ten como meta o 20 % para o ano 2020. Nese escenario, o Goberno galego agarda ter reducido un 4 % a enerxía total consumida; que preto do 90 % da enerxía eléctrica e o 34 % do consumo en calefacción e refrixeración veña de fontes renovables; que o 35 % do consumo de combustible para uso térmico proveña da biomasa, e que se reduzan as emisións de CO2 en 4 millóns de toneladas.

(Reportaxe publicada no número 330 - novembro 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)