Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O turismo galego avanza cara ao 2021



GONZALO FERNÁNDEZ € FOTOS: MONCHO FUENTES E MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 11 DE DECEMBRO DE 2018 · (0)




Tanto polos seus quilómetros de costa e a súa riqueza natural e paisaxística, como pola súa cultura, gastronomía e dispoñibilidade para un turismo activo, Galicia foi de sempre un destino preferente para o viaxeiro, e moito máis nuns tempos nos que as melloras nas comunicacións fan as distancias máis curtas. Sen embargo, toda boa condición é pouca se non se sabe xestionar e non se planifica de cara a acadar a calidade e a competitividade que lle permita acadar un posto relevante entre os principais destinos. Dende hai uns anos, o sector turístico galego e todas as actividades que nel se concentran parecen camiñar na boa dirección como así reflicten as estatísticas, pero agora cómpre facer un esforzo máis ante os dous acontecementos claves que se aveciñan: o Xacobeo 2021 e a chegada do AVE.

As cifras son contundentes e parecen indicar que Galicia avanza polo bo camiño cara un modelo de turismo de calidade. Os 3,3 millóns de viaxeiros, que realizaron preto de 6,8 millóns de noites nun contexto de moderación xeral da actividade turística, veñen demostrar que a comunidade autónoma continúa a boa marcha despois dun lustro de intensos crecementos e camiña cara a súa consolidación como un destino de calidade e competitivo. Así o indican os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) referidos a ocupación hoteleira no mes de setembro, que amosan que os establecementos galegos melloran en importantes parámetros, como a estadía media, as tarifas e a rendibilidade.

Xunto a un aumento da estadía media dun 3 % no que levamos de ano, acumulando así tres anos de crecemento, as tarifas hoteleiras medraron un 2,2 % e a rendibilidade destes establecementos mantense estable despois de terse incrementado un 10 % en 2017. Ademais, o ingreso total do sector hoteleiro en Galicia no que vai de 2018 se estima en preto de 233 millóns de euros.

Extrahoteleiros

Os bos datos achegados polo INE para os hoteis galegos fanse extensivos aos establecementos extrahoteleiros, que recibiron o pasado mes de setembro un 11,5 % máis de turistas, afondando no crecemento fóra dos meses centrais da tempada estival como pretende a Estratexia do Turismo de Galicia 2020 asinada pola Xunta e o sector co obxectivo de acadar un destino de calidade. Así, o crecemento neste eido se produce grazas á mellora dos establecementos de turismo rural, que aumentaron un 4,5 % o número de viaxeiros, e dos cámpings, cuxa suba chegou ao 33,7 %. Ademais, estes visitantes permaneceron máis tempo aloxados en Galicia, pois as noites medraron por riba do 9 %. En total, no mes de setembro pasaron polos establecementos de aloxamento regrado de Galicia 560.000 viaxeiros, que realizaron máis de 1,1 millóns de pernoitas. A maior parte deles decantouse polos hoteis, que consolidan o sobresaínte crecemento do último lustro. Respecto ao perfil do turista que chega a este territorio, o internacional representa o 28,5 % da demanda turística, mentres que o nacional supón o 71,5 % restante. Esta segunda categoría acadou no mes de setembro a cifra máis elevada da década neste período.

Unha das principais apostas que está a levar a cabo a Consellería de Cultura e Turismo para apoiar ao sector ten como obxectivo desestacionalizar a actividade turística e fomentar a competitividade. Neste liña, está a promover durante os meses de outono produtos específicos que enriquezan a oferta neste período. Trátase de iniciativas como a 12ª edición do Outono Gastronómico en turismo rural, na que participan 86 establecementos e 172 menús nas catro provincias; De Tapas por Galicia, que combina o turismo urbano e o enogastronómico; os Trens Turísticos de Galicia, con novas rutas para esta época, ou o Catálogo de Produtos de Turismo Rural de Galicia-Outono 2018, desenvolvido en colaboración co Clúster Turismo de Galicia. Ademais, considera que segmentos como o termalismo ou o enoturismo, que aproveitan recursos endóxenos de alto valor engadido, permiten aumentar a capacidade de gasto, dinamizan territorios do interior e captan turistas fóra da tempada alta […]

(Extracto da reportaxe publicada no número 330 - novembro 2018) 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)