Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Xa existen seguros para patinetes eléctricos”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 05 DE FEBREIRO DE 2019 · (0)




En 2002 un grupo de empresarios de corredurías de seguros deciden poñer en común o que saben para aunar forzas nun sector excesivamente atomizado, integración na que se perderon identidades a favor de mellor servizo e máis facturación. A corredoría galega que liderou o proxecto, NB21, tivo tanto éxito que outras de País Vasco, Andalucía e Asturias veñen de unirse ao sistema de traballo. Falamos co seu director xeral, Juan Carlos Iglesias. 

Que historia hai detrás de NB21?

Tratar de optimizar os recursos dispoñibles e lograr melloras en coberturas e prezo para os clientes cun volume agregado das carteiras que se xestionan en común. Ademais, o formato de integración de carteiras polo que se optou era pioneiro no seu momento, e aínda hoxe chama moito a atención doutros competidores, algúns dos cales tentaron replicalo pero sen éxito. Require de gran xenerosidade por parte dos integrantes pero as vantaxes son moi evidentes: temos máis capacidade para atender mellor as necesidades aseguradoras dos clientes tanto se son particulares coma se son autónomos ou empresas.

Esa é a clave do voso crecemento sostido?

A principal é a apertura do modelo a outras pequenas e medianas corredurías que poden participar deste formato en condicións vantaxosas. E a boa xestión da empresa no seu sentido máis amplo, realista e prudente.

Agora creastes Única Mediación xunto con corredurías do País Vasco, Andalucía e Asturias. Foi un proceso complicado?

Máis ca complicado diría que foi complexo pola gran cantidade de variables que entran en xogo. Pero cando hai boa vontade e máxima predisposición todo é máis fácil. En realidade, estas corredurías tiñan a NB21 como un referente. E coa creación de Grupo Única Mediación,  NB21 pasará a xestionar a medio prazo ao redor de 40 millóns de euros en primas. Esta actividade require de economías de escala e de sinerxias para ser competitivo. Estamos moi ilusionados pero o traballo duro é o que nos queda por facer, non o que xa se fixo.

O mercado é quen marca as pautas? Son inviables as pequenas empresas de mediación, ou o corredor autónomo?

É unha pregunta que pode motivar un debate case infinito. Hoxe, malia todos os rexistros axentes e corredores que existen, resulta moi difícil –por non dicir imposible– dar a cifra exacta de mediadores de seguros legalmente habilitados. Adóitase falar de case 100.000 profesionais. É un fenómeno que só se dá en España, e cífrase en ao redor do 54 % os que intermedian menos de 30 mil euros en primas, que para un negocio como o noso, coas pequenas marxes que temos, é inviable como única fonte de ingresos dun profesional. Doutra banda, a regulación existente no sector –e que pronto aumentará pola entrada en vigor da nova normativa de distribución de seguros–, comporta unha serie de investimentos e responsabilidades que cada vez fan máis difícil a continuidade das pequenas. Alcanzar un determinado volume, salvo raras excepcións, comeza a ser unha cuestión de supervivencia para moitas.

O Departamento de estudos de Inade recollía recentemente que Galicia conta con 272 corredores de seguros, son moitos ou poucos?

Son moitos para unha poboación total de apenas 2.700.000 habitantes. Son demasiados. E máis se pensamos que a gran maioría deles concéntranse en seis ou sete poboacións.

E cantos traballan convosco?

Con NB21 apenas traballa un pequeno grupo. Pero non é unha cuestión de cantidade senón de calidade. Este é un sector moi atomizado, hai moito competidor pero moi pequeno en tamaño. Por iso facemos un chamamento a todos os que queiran unirse para que non dubiden en poñerse en contacto connosco e ter toda a información sobre as condicións de colaboración que ofrecemos.

Que supón a chegada da nova figura dos mediadores como distribuidores de seguros?

A nova normativa traerá máis ordenación, máis profesionalidade e máis transparencia. Búscase, por riba de todo, garantir os dereitos dos clientes como consumidores. Ao noso xuízo, a principal novidade que trae é o “deber de informar o cliente”  en todo momento do que se lle está ofrecendo ou se está contratando. Dar un paso adiante.

Estades ben regulados?

Somos dos sectores máis e mellor regulados. Non esquezamos que non desapareceu ningunha gran compañía durante a crise, non fixo falta ningún rescate con diñeiro público e apenas hai consultas de clientes ante o servizo de queixas e reclamacións da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións.

Son previsoras as empresas galegas? 

É unha pregunta de difícil resposta. Ás veces é complicado estar informado sobre todo o que os seguros poden ofrecer, están en continuo desenvolvemento con novos produtos. Por citar algún recente, xa existen seguros para patinetes eléctricos con coberturas de Responsabilidade Civil, Danos Propios e de Defensa e Reclamación. Así que a falta de previsión, en moitas ocasións, está directamente relacionada co feito de que o sector saiba informar do que ofrece, é dicir: que o risco dun posible suceso asúmeo unha compañía de seguros a cambio dunha prima para que, se acontece, dane o mínimo posible a conta de explotación do cliente. Sexa particular ou empresa. En parte, ese é o noso traballo, asesorar para que se comprendan os riscos, e que se transfiran. En todo caso, comparativamente con outras zonas de España, os galegos somos dos máis previsores.

É un tema pendente un perfil experto para asesorar ás empresas fóra de España?

Rotundamente, si. Unha inmensa maioría de corredores apenas teñen coñecementos e capacidade para asesorar a unha empresa que se internacionaliza tratando de buscar novos mercados. Queda moito por avanzar. Fai falta máis formación, máis información, e alianzas con grandes brókers internacionais para asegurar o que un cliente poida necesitar. 

A UDC é a primeira universidade pública con titulados en xerencia de seguros e riscos. Que vos pareceu a iniciativa? 

Sinceramente é un orgullo que unha universidade pública, da man de Fundación Inade, dese este gran paso. É unha iniciativa fantástica que contribúe a elevar o nivel de formación e información dos profesionais do sector. E o mellor de todo é que o proxecto abrangue máis facetas que a puramente académica porque organízanse encontros de forma periódica con empresarios para crear cultura aseguradora, os Diálogos 2020.

Participades nela dalgún modo?

Contribuímos de forma indirecta ao seu financiamento, somos membros protectores de Fundación Inade e do seu Comité Asesor, polo que estamos dobremente orgullosos. Sempre aplaudimos a idea.

(Entrevista publicada no número 332, xaneiro 2019) 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)