Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O aceite autóctono galego máis preto



REDACCIÓN · PUBLICADO O 20 DE FEBREIRO DE 2019 · (0)




Dous viveiros, A Revolta e Costa de Lóngaras, acaban de recibir licencia para producir as primeiras oliveiras autóctonas galegas, Brava e Mansa. Ambas as dúas foron recoñecidas oficialmente en outubro de 2017 tras varios anos de investigación por parte de científicos do CSIC, que agora poñen estas variedades a disposición dos produtores co obxectivo de facer do aceite galego unha alternativa rendible para o rural.

Recuperar as oliveiras autóctonas galegas e ser capaces de transformar o seu cultivo e o produto final, o aceite, nunha alternativa rendible para o rural galego e a industria alimentaria. Este é o obxectivo do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Fundación Juana de Vega, que financia o proxecto con máis de 250.000 euros.

Representantes de ambas as dúas participaron no acto simbólico de entrega das primeiras variedades a dous viveiros galegos: A Revolta da Coruña e Costa de Lóngaras de Lugo, autorizados a reproducir e comercializar as variedades Brava galega e Mansa galega grazas a un contrato de transferencia de material e licencia non exclusiva asinado co CSIC no que Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega cualificou como “un día histórico para Galicia”.

Sáez destacou a importancia que supón pór no circuíto comercial oliveiras autóctonas “con todas as garantías e libres de virus”. A comercialización das primeiras variedades é un paso esencial no desenvolvemento dun sector olivareiro galego” que, segundo o propio Sáez, debe apoiarse “na diferenciación como elemento competitivo fronte a outros operadores de maior volume e tradición”.

A xefa do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia, Carmen Martínez, destacou que “tras a transferencia destas variedades, xa recoñecidas polo Ministerio, continuamos traballando co resto para ilas rexistrando e posteriormente transferindo a estes ou outros viveiros, co fin último de que cheguen aos olivareiros”.

As primeiras variedades autóctonas comercializadas

Brava galega e Mansa galega foron recoñecidas oficialmente en outubro de 2017, tras seis anos de investigación. Desde hai dous anos, os científicos do CSIC responsables do traballo da oliveira autóctona galega, contan para este proxecto co apoio e financiamento da Fundación Juana de Vega. Como resultado das investigacións, o CSIC é propietario de diversos exemplares seleccionados e amplamente estudados, de distintas variedades de oliveira autóctonas de Galicia, sendo estas dúas as primeiras en ser comercializadas.

Aínda que o material vexetal transferido sairá ao mercado como planta estándar, foi sometido ás análises de virose que marca a normativa (ArMV, CLRV, SLRSV, CMV) e garántese que a planta entregada está libre de virus. Tanto para estas dúas variedades como para as que serán transferidas no futuro, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio, iniciarase o proceso de certificación pertinente, que marca a normativa legal e que ten unha duración mínima de catro anos. Todas as entidades implicadas deixaron claro que a estas primeiras variedades sumaranse máis nun futuro próximo, o que permitirá aos olivareiros elixir a que máis se adapte aos seus intereses, aos gustos de cada un ou aos distintos territorios de Galicia.

(Extracto da reportaxe publicada no número 333 - febreiro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)