Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Parte da pasada crise tivo que ver cun autoengano”



ESTHER GARRIDO FOTOS: MONCHO FUENTES · PUBLICADO O 08 DE MARZO DE 2019 · (0)




Dos orzamentos que provocaron novas eleccións, do gremio economista, das pensións e do futuro empresarial do país. De todo un pouco falamos con Miguel A. Vázquez Tain, un economista de longo percorrido que coida que, se algo bo tivo a crise de hai dez anos, é que todos sabemos algo máis de números. O que debería protexérmonos da inacción política. 

Para que serve un economista cando termina a carreira?

Un economista pode ser un graduado en ADE ou en economía, así que ten moita versatilidade. O que facemos é poñer en valor a profesión, sobre todo a colexiada, xa que é un sector sen reserva de actividade: podes traballar en calquera empresa ou montar unha asesoría sen estar colexiado. Pero na medida en que o esteas dáche un valor engadido. Como colexio ofrecemos formación, reciclaxe, apoio… cousas que precisan os nosos 55.000 socios en España. E con moi bos recursos humanos a nivel central en canto a analistas, estudos sectoriais, fiscalidade… Obviamente non discriminamos entre quen está colexiado ou non pero queremos que se recoñeza o elemento diferencial que supón pertencer a el.

Parabéns pola renovación de mandato no Colexio coruñés, cargo compartido co de presidente do Consello Galego. Non sei canto se pode multiplicar o traballo cando un asume este tipo de responsabilidades…

Non quero darlle demasiada importancia pero… ao final require de moito tempo entre viaxes, actos de representación… Son cargos non remunerados e restas tempo do lecer, da familia e do traballo. Pero hai un momento en que todos temos que dar un paso á fronte e achegar polo común.

Vista con perspectiva, foi un acerto a fusión entre economistas e titulados mercantís?

Si, moi positiva, aínda que non se terminou en toda España. Primeiro fusionáronse órganos e consellos a nivel nacional e logo fóronse dando fusións por CC.AA. Xa está fusionado o 70 %, nós hai dous anos de dereito que o fixemos.

Os cambios máis evidentes?

Pois unificar as profesións, que teoricamente tiñan orixes distintas –as antigas licenciaturas e diplomaturas– pero na práctica estabamos a facer case o mesmo. Para defender intereses, para traballar conxuntamente, para ter unha única imaxe e máis musculatura. En Galicia sumamos máis de 5000 colexiados. Sen economías de escala non hai capacidade de traballo e incidencia.

Por certo, coñece a Carmen Sampayo, a nova presidenta dos economistas de Ourense?

Si, é unha persoa moi válida, vaino facer moi ben. Nas catro xuntas de goberno de Galicia hai polo menos un 40 % de mulleres e o feito de que teñamos unha decana é un exemplo moi positivo a todos os niveis e máis neste caso, porque como dixen son traballos que requiren de moita vontade.

Acabades de premiar, como Consello Galego de Economistas, o Grupo PSA pola súa achega nos últimos 60 anos. Hai preocupación a que non dure outros tantos? Iniciarán o camiño de fabricar outro tipo de coches?

Nós cremos, e explicábanolo o director da fábrica, que é unha empresa con músculo e capacidade suficiente para adaptarse. Tanto a comarca, como a Xunta e toda a industria que creceu ao redor será capaz de dar resposta aos novos retos, e seguro que dentro de 40 anos estarémoslles premiado de novo. Unha cifra redonda, os 100 anos...

As empresas familiares galegas pedían días atrás un marco fiscal competitivo. De onde se pode rabuñar para reducir a carga?

Pois tanto as empresas familiares como as que non, ademais dun marco fiscal competitivo precisan dun marco fiscal estable, unha seguridade xurídica que é tan importante coma o outro. Vivimos un cambio continuo de normas en moitos ámbitos, sobre todo no tributario, e resta atractivo aos investidores. Hai que facer fronte a un dos grandes retos que teñen as empresas galegas que é gañar tamaño e o sistema fiscal debería botar unha man para ter unhas condicións equiparables aos países da contorna.

Preocúpanlle as últimas cifras do paro? Mellor dito, o contexto xeral no que se enmarcan esas cifras, o arrefriado económico?

Aínda que as cifras puxeron sobre a mesa esa desaceleración hei de dicir que gústame velas en perspectiva. E viñamos acabando 2018 cunhas cifras positivas aínda que é verdade que está a cambiar o ciclo. Hai unha desaceleración que aínda así nos vai a manter por riba da media dos países da contorna, e vaise a trasladar na creación de emprego.

Entón, vaise seguir creando? 

Si, pero a menores taxas. Hai elementos para a desaceleración que son a suavización dos famosos ventos de cola, a subida dos tipos de interese que comezarán, a do petróleo… dúbidas tamén no ámbito internacional como os efectos do Brexit ou a política proteccionista de Estados Unidos que están a arrefriar economías, e non só a española. Tamén preocupan datos do crecemento en Italia ou Alemaña, un cliente moi importante. Así que esa retardación mundial vai afectar pero as empresas galegas e españolas están máis preparadas que antes. Hai que ser optimistas, imos seguir crecendo aínda que non aos ritmos que viñamos tendo. […]

Que lle pareceu a subida do salario mínimo?

Quizais necesaria, pero a forma na que se fixo, tan brusca, pode estar detrás de parte das cifras de emprego de xaneiro. Unha vez que se recupera a economía é certo que unha parte ten que trasladarse aos salarios pero non foi a maneira máis apropiada.

Cales son os sectores económicos galegos que temos que impulsar?

Os tradicionais onde demostramos capacidade, naval, téxtil e automóbil pero tamén sectores como TIC, biotecnoloxía ou a industria aeroespacial. […]

Galicia duplicará a capacidade eólica en 15 anos e desde o sector calculan que superarán os 12.000 empregos vinculados. É unha nova porta que se abre?

Obviamente. Á marxe da xeración de emprego unida a creación, mantemento e renovación dos parques eólicos para que sexan máis eficientes, este sector ten que ter futuro. É un dos grandes retos, o cambio cara a enerxías non contaminantes e o eólico xoga un papel moi importante. Nós temos condicións, e o que teñen que facer as administracións garantindo controis de impacto ambiental é reactivalo, porque xera riqueza e a enerxía renovable que precisamos. […]

As rendas vitalicias e PIAS parecen que gañan aos plans de pensións. Recomenda, a quen poida, que se poña a xestionar a xubilación?

Son un defensor do sistema público de pensións e dentro de 20 anos seguirá habendo. Pero imos ter que tomar algunha decisión respecto disto para que sexa sustentable. Hai un problema estrutural que vai mais alá do paro: temos unha dinámica de poboación que fai moi difícil manter as taxas de cobertura. España ten un sistema de pensións comparativamente con países da contorna moi xeneroso. Ninguén se atreve a poñer o cascabel ao gato porque a situación política non axuda pero fan falta reformas de calado que van ter que tocar tanto gastos como ingresos, en última instancia van acabar concluíndo que a pensión que teremos en relación cos salarios diminuirá. […]

Cada un ten que estudar e ver as súas opcións pero cómpre moverse para complementar a pensión pública. Se se quere manter o nivel de vida, claro.

Desgraciadamente non todo o mundo ten o mesmo nivel de formación ou de información para estar pendente disto...

Pero se algo tivo de bo a crise –e que pode servir para os seguintes cambios de ritmo– é que se lle deu máis importancia á economía. E iso é bo porque en certa maneira parte da pasada crise tivo que ver cun autoengano e, na medida en que teñamos unha idea das regras básicas da economía, evitaremos enganármonos de novo. Iso é positivo. Aínda que falta franqueza por parte dos políticos a xente tomou conciencia.

(Extracto da reportaxe publicada no número 333 - febreiro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)