Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“O 85 % das diferencias xenéticas son entre individuos, non entre grupos de poboación. Os ‘pobos’ son construtos humanos”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 15 DE MAIO DE 2019 · (0)




Unha investigación conxunta das universidades de Oxford e Santiago de Compostela permitiu elaborar o primeiro xenético de España. Un dos autores do estudo publicado pola revista científica Nature é o catedrático da USC Ángel Carracedo. Con el falamos das nosas orixes.  

A xente do estudo que fixestes ten un perfil concreto? 

Collemos xente que non vivira en grandes cidades, porque hai sempre máis mestura, e con pais e avós oriúndos do mesmo lugar. Menos as mostras de Portugal, que as collemos a posteriori.

Como se foron organizando os resultados? 

Todos os humanos vimos da mesma orixe pero despois imos facendo cortes ou splits: no corte 1 todos temos os mesmos antepasados, ata chegar ao nivel 14, o mapa final que corresponde ao século XIII máis ou menos.

E no corte 1 cal era o grupo máis vello, digamos? 

O primeiro que pensamos é que sairía o País Vasco, pero foi Galicia. Culturalmente e xeneticamente non teñen por que coincidir as cousas.

Isto significa que… 

que os primeiros que non comparten ancestralidade da península son algúns galegos, porque as outras poboacións mesturáronse máis e aquí algunhas das primeiras neolíticas non o fixeron. Por iso no primeiro split sae Galicia, despois Galicia divídese en dous e aparece o País Vasco, no seguinte Galicia divídese en tres ou catro, segue País Vasco e comeza a aparecer Cataluña; despois aparece Castela e empeza a debuxarse un mapa.

E Galicia está atomizadísima.

Queda dividida en moitas ramas, podemos diferenciar a xente que vive a 20 quilómetros ou menos e non comparte antepasados. Foi unha grandísima sorpresa, aínda que non podemos dicir se se dá en toda Galicia ou só no sur, de onde temos máis datos. Eses puntiños de cores diversas significan que nese corte 14 a xente non comparte antepasados: hai ata circuliños brancos que aparecen na Ribera do Ebro.

E logo están esas franxas norte-sur e de esquerda a dereita que reflicten os procesos de repoboación do século X ata o XIV. 

Si, e indican que unha persoa de de Huelva comparte máis antepasados cunha de Asturias que cunha de Almería, ou que nós temos moita coincidencia con Portugal.

Supoño que xa che terían preguntado a pegada magrebí no noroeste. 

É un feito: vemos máis xenes norteafricanos da época islámica aquí que en ningunha outra parte de España, particularmente no oeste galego, en Portugal e no oeste de Léon. Hai 15 anos, antes deste traballo, xa se sabía e fixérase unha xuntanza de historiadores e xenetistas para que deran unha explicación. Dixeran que coa expulsión seguramente escaparon moitos ou que chegaran vía Portugal. Pero o congreso hai que repetilo porque temos moitos máis datos que poden dar luz a enigmas. Gustaríame que os historiadores analizaran este traballo, elaborasen hipóteses, que nos dixeran que cousas mirar e coller máis mostras.

Preocúpache que se utilicen de xeito político este tipo de traballos? 

Totalmente, moito, pode ser tentador inventar. Quizais non tanto en España… fóra da polémica nacionalista, claro. Pero por exemplo cos iugures, unha minoría musulmá no noroeste chinés, publicamos traballos que poden ser utilizados para perseguilos. Iso é moi grave. En España case resulta un divertimento cando ves que hai quen trata de buscar esa diferenciación, non sei para que... Os xenetistas sabemos que as diferencias mesmo entre continentes, son o de menos. O 85 % das diferencias son entre individuos, non entre grupos de poboación. Os “pobos” son construtos humanos.

(Entrevista publicada no número 335 - abril 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)