Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As conexións da enxeñaría



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 24 DE MAIO DE 2019 · (0)




Os científicos estudan o mundo tal como é, os enxeñeiros crean o mundo que nunca foi”. Theodore Von Karman, cuxas achegas á aerodinámica foron formidables, definiu como poucos unha das tarefas máis útiles ás que pode adicarse o ser humano. Hoxe, os nosos enxeñeiros analizan o horizonte industrial galego poñendo o foco nas posibilidades de futuro con 107 ideas a ter moi en conta.

Os oito colexios profesionais galegos –que reúnen a xente que traballa na industrial a forestal, nos estaleiros, en pontes, estradas e minas, nos montes e nas centrais hidroeléctricas, na produción de coches ou no deseño de sistemas informáticos– son os que forman o Consello Galego de Enxeñerías (CGES).

Rematando marzo presentaban un documento con 107 medidas para o desenvolvemento desta terra agrupadas en 20 liñas estratéxicas que lle foron simbolicamente entregadas a Alberto Núñez Feijóo e á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. “Un compendio para transformar Galicia”, resume o presidente do CGES, Oriol Sarmiento Díezdecano do Colexio de Enxeñeiros Industriais e responsable de Comunicación e Marketing de ELINSA. “Se hai unha profesión que leva no seu ADN o cambio é a nosa. Temos os coñecementos, as capacidades, a disposición e o compromiso. Calquera sociedade necesita aos seus enxeñeiros para progresar”.

Cen oportunidades máis outras sete

As suxestións foron seleccionadas por quen está a pé de obra nos sectores produtivos que xeran máis valor engadido e, xeralmente, mellores empregos. Abranguen moitos ámbitos nos que incidir: I+D+i, TIC, Industria 4.0, enerxías limpas, construción sostible, industria da auga, minaría, construción naval... o documento pode ser consultado e descargado na web do CGES, pero só por citar algunha idea está o fomento dos automóbiles eléctricos, o apoio á creación de empresas que fagan uso de Big Data, Internet of Things e ciberseguridade facilitándolles o acceso á financiamento ou a dixitalización da construción naval coa creación de unidades mixtas de investigación

“Temos un estaleiro de primeira liña, Navantia Ferrol, que se está preparando para o reto de construír as fragatas 110 e que ten que facer unha transformación dixital. E isto fará de efecto tractor das empresas auxiliares”, lembra José Joaquín de Troya Calatayud, decano da sede ferrolá do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais.

Enmadeirados

“Achegamos medidas para poñer en valor dous terzos do territorio de Galicia” engade Juan Picos Martín, decano da Demarcación galega do Colexio de Enxeñeiros de Montes,” que pide poñer en marcha un plan sobre a propiedade forestal para incentivar o aproveitamento en común das infraestruturas e a comercialización dos produtos madeireiros maiormente. Dende o Colexio de Enxeñeiros Forestais de Galicia aseguran a ECO que “a sociedade ten certa intuición da importancia deste sector pero realmente só é quen de ver a punta do iceberg, queda moi lonxe de chegar a entender cal podería chegar a ser a súa contribución potencial”. Contamos cun recurso estratéxico nun contexto europeo en transición dos recursos fósiles cara a a bioeconomía circular […] 

E Alejandra Álvarez de Mon, secretaria do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, engade que fai falta tradición pero “acompañada da revolución tecnolóxica” traballando “cunha ordenación territorial para que o rural reduza a fragmentación e mellore o aproveitamento agrario”.

Irlanda 2

Dende a delegación galega do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, o seu decano, Juan José Iglesias Suárez explica que inciden en “adaptármonos ao ritmo de cambio que nos impuxemos porque, mais que transición enerxética, vivimos unha unha revolución” e coidan que cómpre unha lei de bases da industria extractiva para regular a actividade e fomentar as inspeccións cualificadas. Julio Sánchez Agrelo, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, anota que as tecnoloxías da información e da comunicación “son unha disciplina transversal no resto de enxeñerías e na sociedade”, e propón traballar para que Galicia teña unha importante industria das telecomunicacións “que atraia inversións de empresas foráneas” ollando cara modelos como Irlanda ou de implantación dixital como Estonia. O caso é que Irlanda atrae a empresas tecnolóxicas entre outras cousas por unha baixa fiscalidade (12,5 %) […]

Mentres, os enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos en voz do seu decano, Enrique Urcola Fernández-Miranda, aplauden o apoio da Xunta á execución do Eixo Atlántico ferroviario, “que situaranos onde corresponde” malia que pon tamén o foco no cambio climático e as repercusión de inundacións e secas. “A enxeñería debe esforzarse tanto por prever esas incidencias como en almacenar a auga e tratala correctamente”. Remata Julio García Cordonié, secretario do Colexio de Enxeñeiros Industriais galegos lembrando que xa “vivimos unha cuarta Revolución Industrial”, a definida por Klaus Schwab no Foro Económico Mundial 2016 que conta cunha Rede de Centros en Estados Unidos, Xapón, China e India e dende hai unhas semanas, Colombia. Toca Europa.

(Extracto da reportaxe publicada no número 336 - maio 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)