Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Na enxeñería hai traballo e haberá moito máis”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 28 DE MAIO DE 2019 · (0)




O Consello Galego de Enxeñerías (CGES) elaborou un documento con 107 medidas para o desenvolvemento desta terra agrupadas en 20 liñas estratéxicas. Sobre ese informe falamos co presidente do CGES e decano do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Oriol Sarmiento.

Temos futuro industrial ou estamos abocados a ser unha economía case completamente terciarizada?

É necesario que haxa futuro industrial. A industria é un sector creador de emprego de calidade e netamente exportadora, o que permite resistir mellor os ciclos económicos.

O obxectivo de que achegue o 20 % do PIB é factible?

Agora non, pero debemos seguir traballando para conseguilo a principios da década.

Os traballos no sector secundario adoitan ser máis estables e con mellores ratios salariais. A deslocalización é o risco permanente?

A deslocalización é un risco permanente cando se compite por custos. Pero en Galicia debes competir por calidade, aproveitando o enorme coñecemento que hai nalgúns sectores e os excelentes recursos humanos que temos.

Que polígonos industriais galegos coidas máis interesantes pola súa capacidade de atracción?

Cada empresa ten unhas necesidades diferentes E pode convirlle máis un polígono ou outro; pero debemos ter unha visión global. Necesitamos crear as condicións para que Galicia no seu conxunto sea atractiva para investimentos industriais dos sectores nos que somos especialistas.

No relativo a enerxías limpas debemos incidir no aumento da potencia eólica ou hai outras posibilidades?

Ambas. Galicia ten uns excelentes recursos eólicos e é lóxico que os siga aproveitando, construíndo novos parques e repotenciando os antigos. Pero tamén ten moi bos recursos en biomasa, xeotermia e hidráulica. E se ben ata o de agora a solar fotovoltaica non tivo tanta implantación, a nova lexislación de autoconsumo vai xerar novos proxectos.

Hai estudos relativos á implantación ou aproveitamento da enerxía maremotriz?

En xeral a maremotriz e todas as relacionadas co mar tiveron pouco desenvolvemento en Galicia. Pero con todo o coñecemento sobre o sector enerxético que temos deberíase facer unha aposta máis forte.

De que falades cando pedides o aumento da “construción sostible”? Novos materiais, deseños, sistemas enerxéticos…?

Pois de que en xeral a construción deben enfocarse cada vez máis dende unha perspectiva de responsabilidade medioambiental utilizando materiais sostibles, a reciclaxe e unha xestión correcta da enerxía nas vivendas, sobre todo no relacionado co consumo eficiente.

E esa construción sostible é accesible economicamente para a xente?

Na adquisición o custo é practicamente o mesmo e, ao pouco tempo, xa resulta máis rendible polos aforros nos consumos de auga e enerxía.

Que significa a “industria da auga”?

A auga é un recurso que se debe xestionar ben, por sustentabilidade medioambiental e para poder afrontar períodos extremos de choiva ou de seca. E é importante a xestión de augas residuais e contaminadas e que avancemos na eficiencia das estacións de tratamento.

“Se hai unha profesión que leva no seu ADN o cambio é a enxeñería”. Hai vocacións suficientes en Galicia e traballo para elas?

Hai traballo e haberá moito máis. En cambio falta vocación, e sobre todo entre as mulleres. A transformación dixital, a industria 4.0, a transición enerxética, a economía circular...demandan enxeñeiros especializados. E nos vindeiros anos será cada vez maior.

(Entrevista publicada no número 336 - maio 2019) 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)