Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“O voto útil está á esquerda do PSOE”



TERESA ROCAMONDE / FOTOS: MIGUEL MUñIZ · PUBLICADO O 05 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)




Esquerda Unida repite coalición o 10 de novembro con Podemos coa intención de manter a súa candidata, Yolanda Díaz, na Cámara Baixa malia a irrupción de Más País xusto naquelas provincias nas que Galicia en Común obtivo representación en abril. A coordinadora nacional de EU, Eva Solla, fai un chamamento “á participación da esquerda para evitar un goberno de dereitas que pode vir da man do PP pero tamén do PSOE pactando con Ciudadanos”.

Como acaeu na agrupación galega a convocatoria? Esperabades outra saída?

Con preocupación, porque o encargado de formar Goberno, neste caso o PSOE, non foi quen de facelo e deixou a porta aberta á posibilidade de que a dereita chegue ao poder, o que evidencia que o voto útil non é ao PSOE senón que está á esquerda do PSOE.

Que implica unha nova cita electoral (especificamente para a nosa comunidade)?

Implica que as formacións políticas expliquemos as necesidades de Galicia e a revisión do financiamento autonómico para o cumprimento co autogoberno en Galicia.

Cre que a sociedade entende unha nova convocatoria?

Existe enfado e frustración na sociedade e o comprendemos perfectamente, pero o exercicio do voto forma parte dun dereito da cidadanía, polo que apelamos á necesidade de participación da esquerda para evitar un goberno de dereitas que pode vir da man do Partido Popular pero tamén da man do Partido Socialista pactando con Ciudadanos.

Como afronta a súa organización esta nova cita electoral? Con quen concorrerá, repetirá candidatas/os…

Con responsabilidade e compromiso. Concorreremos na mesma coalición e cos mesmos candidatos e candidatas.

Como pode afectar a irrupción de Más País en Galicia?

Existe moita incerteza neste sentido, entendemos que seguramente vai levarse votos do PSOE ou dunha parte do electorado non mobilizado, pero o feito de non ter candidatura e non ser coñecidos nin os candidatos e candidatas nin a proposta política dificulta medir o impacto.

A quen cre que pode beneficiar máis a nova convocatoria?

Á dereita.

E a quen cren que vai prexudicar en maior medida?

Á clase traballadora, que depende de medidas políticas para mellorar as súas condicións de vida, como por exemplo a necesidade de derrogar as reformas laborais, subida de pensións ou Lei mordaza, que non puideron levarse a cabo pola incapacidade do PSOE de formar goberno.

Cre que o resultado do 10 de novembro variará moito do obtido o 28 de abril á hora de poder formar Goberno?

O resultado de novembro vai a moverse ten termos semellantes, coa seguridade de que o goberno dependerá dun pacto.

E en Galicia, cre que se manterán as tendencias do 28-A e das municipais de maio ou agardan cambios tras o sucedido nas últimas semanas?

Probablemente mude algo o voto en formacións como o PSOE que perderá apoios froito da incapacidade de chegar a formar goberno.

Que se xoga Galicia nestes novos comicios? Cales son arestora as principais ameazas do desgoberno para a nosa comunidade?

Precisamos derrogar as reformas laborais porque a tendencia de perda de emprego, principalmente en sectores produtivos como o primario e o industrial, xunto coa precariedade estrutural, lastran o presente e o futuro que afecta tamén directamente as pensións. Precisamos tamén un goberno que cumpra cos aportes ao financiamento da dependencia en Galicia, onde contamos cunha poboación envellecida que precisa ser atendida correctamente. As infraestruturas clave para vertebrar o territorio non están sendo atendidas e con todo isto faise totalmente imprescindible revisar o financiamento autonómico para unha redistribución xusta que facilite a mellora dos servizos públicos.

Como cre que afectará todo isto ás autonómicas galegas?

A conformación de goberno é importante para adoptar esas medidas políticas que, se non se cumpren, formarán parte das autonómicas e pesarán na elección das galegas e galegos.

(Entrevista publicada no número 341 - outubro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)