Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Os galegos non poden pagar os pratos rotos da mala xestión, da inacción e da irresponsabilidade de Sánchez”



TERESA ROCAMONDE FOTOS: PP · PUBLICADO O 07 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)




Afrontan unha campaña “moi pedagóxica” para facerlle entender á sociedade a necesidade dun goberno “sólido e estable que tome as rendas do país” e capaz de lidar cunha recesión económica que en mans do PSOE, acabaría en “crise”. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegura que o seu partido está preparado para ir a unhas novas eleccións xerais e mellorar notablemente os resultados de abril, cando quedaron case cinco puntos por debaixo do PSdeG con 450.000 votos e 9 deputados.

Como acaeu no PPdG a nova convocatoria electoral?

Esta nova cita coas urnas non sería necesaria se na clase política española houbera madurez, sentido da responsabilidade e vontade para chegar a acordos. Pero a improvisación e as ansias de poder de Pedro Sánchez levaron a España de novo a un escenario de repetición de eleccións. No PPdeG estamos preparados para afrontar estes novos comicios, cun obxectivo claro: recuperar a confianza maioritaria dese bloque de españois que convertían o Partido Popular na primeira forza política de España, un partido comprometido coa resolución de problemas e que sempre defendeu e defende os intereses de España e de Galicia.

Que implica para Galicia unha nova cita electoral?

A nova cita coas urnas é unha mala noticia para Galicia e para España, xa que supón alargar esta conxuntura de inestabilidade, de incerteza e de falta de confianza, algo que redunda de forma negativa na economía, na ralentización de proxectos ou na falta de orzamentos xerais. Os galegos non poden pagar os pratos rotos da mala xestión, da inacción e da irresponsabilidade de Sánchez que, ao que abocan, é á parálise.

Cre que a sociedade entende unha nova convocatoria?

Evidentemente que non. E sumada a esta incomprensión tamén hai que entender o seu cansazo por unha situación que non debería ter sucedido, pero que ten como único responsable a Pedro Sánchez. Esta nova convocatoria é unha oportunidade, pois, para que tanto a clase política como as institucións recuperen o seu crédito e a confianza dos españois.

Como afronta a súa organización esta nova cita electoral?

O Partido Popular sempre sae a gañar. Gañamos a inmensa maioría das veces e agardamos facelo novamente. Aspiramos concentrar o voto de todos os españois que queren un goberno que goberne, que resolva os problemas e que sexa garantía de estabilidade institucional e política; e que rexeitan o modelo socialista do tacticismo político e electoralista. E, para iso, levaremos a cabo unha campaña moi pedagóxica. Por unha banda, explicaremos a situación na que está o país, con signos evidentes de desaceleración; e, por outra, as consecuencias de dividir o voto, que só beneficia a unha esquerda que logo é incapaz de poñerse de acordo para lograr a investidura.

A quen cre que pode beneficiar máis a nova convocatoria?

Aquí, máis alá dos intereses de Pedro Sánchez por manterse na Moncloa, non hai beneficiados, porque quen de verdade perde é España e Galicia. A súa irresponsabilidade, a súa vaidade e a súa ambición sen límite levou ao país a estas cuartas eleccións.

E a quen considera que vai prexudicar en maior medida?

Como dixen, aos españois e aos galegos. O país está ás portas dunha nova recesión económica que, de ser xestionada polo PSOE, temos a certeza de que se converterá nunha crise económica. De aí que estas novas eleccións, sirvan, ademais de para dicir basta ao bloqueo e á chantaxe política, para apostar por un goberno sólido e estable que tome as rendas do país. Un goberno liderado polo Partido Popular, quen xa ten demostrado que sabe xestionar, crear emprego e sacar ao país de situacións difíciles.

Cre que o resultado do 10-N variará moito do obtido en abril á hora de poder formar Goberno?

Eu agardo que si, porque os españois tomaron boa nota do egoísmo desmedido de Pedro Sánchez. En todos estes meses, España non tivo a un presidente á fronte do Goberno, senón a un candidato en permanente campaña electoral, que non dubidou en poñer os seus intereses persoais por riba dos dos españois, aínda que iso supuxera a parálise do país. En política estase para resolver os problemas da xente, non para satisfacer as ambicións persoais. E se hai un partido que pode facer de panca de cambio e de punto de encontro para que non goberne o PSOE nin Pedro Sánchez, ese é o Partido Popular. Por iso, apelamos á unión do voto, non só do centro e do centro-dereita, senón tamén da esquerda moderada que non se sente representada nin polos socialistas nin por Pedro Sánchez.

E en Galicia, cre que se manterán as tendencias do 28-A e das municipais de maio ou agardan cambios tras o sucedido nas últimas semanas?

Unha vez que os galegos puideron comprobar en que consiste ter ao candidato Pedro Sánchez instalado na Moncloa, confiamos en mellorar os resultados. Demostrouse que Galicia non está no mapa de prioridades nin do PSOE nin de Pedro Sánchez. E é que, en 15 meses, non visitou nin unha soa vez a nosa comunidade como presidente do Goberno; só veu para dar mitins. Así que, de seguir á fronte do Executivo Central, non fará nada por Galicia.

Que se xoga Galicia nestes novos comicios? Cales son arestora as principais ameazas do desgoberno para a nosa comunidade?

A principal ameaza para Galicia é, sen dúbida algunha, Pedro Sánchez e o seu desgoberno. E a mostra témola na industria galega. Non só non foi quen de aportar ningunha solución, senón que lle creou problemas a sectores como o da automoción, ao forestal, ao naval, ao electrointensivo e, tamén, ás centrais térmicas; que están vendo moi comprometida a súa actividade polas posicións do Executivo Sánchez. E esta nefasta xestión non fai máis que poñer en risco miles de postos de traballo. Se hai algo que quedou claro do paso de Pedro Sánchez pola Moncloa é que só lle importa un emprego, única e exclusivamente, o seu.

Como cre que afectará todo isto ás autonómicas galegas?

Galicia conta cun Executivo autonómico que goberna e que ten proxecto, ideas e experiencia; e conta cun presidente que traballa todos os días por mellorar a súa comunidade. Precisamente, a súa estabilidade política e institucional contrasta coa inestabilidade do conxunto do estado. E os galegos son conscientes diso. Cando a cita electoral é a autonómica, Galicia di que prefire a Alberto Núñez Feijóo e ao PPdeG, polo seu historial do exercicio da política ao servizo da xente, de partido moderado, reformista, con sentidiño e que antepón os intereses de Galicia por riba dos intereses partidistas. E esa é unha forma de facer política coa que os galegos se senten plenamente identificados.

(Entrevista publicada no número 341 - outubro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)