Publicidade

ragc.gal_premios_transferencia_gal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Vexo a muller galega da próxima década libre, sendo o que queira ser co seu esforzo, traballo e talento”



POR TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 09 DE DECEMBRO DE 2019 · (0)




Coñece ben os medios de comunicación, xa que exerceu como periodista, pero a vida acabou levándoa cara a que sería a súa outra gran paixón: a política, primeiro local e despois autonómica. Foi secretaria xeral de Familia e Benestar e desde o ano 2012 é secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Sete anos nos que cambiaron moito as cousas no seu campo, aínda que non tanto como lle tivera gustado. Asegura que hai momentos moi duros, pero é optimista sobre o futuro da muller galega. Falamos con Susana López Abella nun mes importante para o seu departamento.

O 25 deste mes conmemórase o Día Internacional contra a violencia de xénero e a noticia será que continúan aumentando os casos neste eido. A que cre que se debe?

As denuncias seguen unha tendencia ascendente, o que reflicte que as mulleres están denunciando. Dende a Administración estamos esforzándonos porque se coñezan os recursos que teñen a súa disposición, tanto se denuncian como se necesitan apoio antes de dar ese paso, xa que somos conscientes das dificultades que supón.

Existe suficiente concienciación na nosa contorna sobre a situación?

A conciencia social é crucial para erradicar esta lacra que nos avergoña como sociedade e hai que facelo coa nosa mocidade, coas familias, no ámbito educativo, coas entidades do terceiro sector e a contorna veciñal. En Galicia, o movemento asociativo veciñal é moi importante, así que tamén traballamos con estas asociacións e, dende logo, co movemento asociativo de mulleres, auténticas pioneiras na loita contra a violencia machista. Desde o Goberno galego pedímoslle á sociedade galega que se rebele contra o machismo, contra a lacra da violencia de xénero e, entre todos e todas, acadar a súa plena erradicación.

Que destacaría como maior éxito logrado na loita contra a violencia de xénero?

A visibilización da violencia machista como un problema de primeira magnitude é un dos logros máis importantes como sociedade. Cómpre recordar que non hai tanto tempo que apenas se falaba da violencia de xénero e hoxe a sociedade é consciente da gravidade do problema e a necesidade de que todos temos a obriga de loitar contra o machismo e as desigualdades que a provocan. Son fundamentais as accións relacionadas coa promoción da igualdade, con iniciativas como campañas nas escolas para construír unha sociedade igualitaria e libre de violencias machistas desde a base, así como apoiar os concellos para que se involucren na loita contra esta lacra porque son a Administración máis próxima á cidadanía, ou o fomento da conciliación e a corresponsabilidade para derribar estereotipos e permitir a participación da muller en todos os ámbitos da sociedade.

E que lle gustaría poder pór en marcha no futuro inmediato para atallar este grave problema?

O que máis me preocupa é traballar coa mocidade. Previr e sensibilizar é fundamental para que eles e elas non reproduzan os estereotipos que provocan as desigualdades e a violencia. Pero tamén me obsesiona dar a mellor resposta posible ás mulleres vítimas da violencia. Por iso, seguimos ampliando recursos e aliándoos con entidades profesionais, asociacións, concellos ou coas ONG tecendo redes na sociedade. 

Nese traballo que están a realizar coa mocidade, como perciben a relación das novas xeracións co tema?

Cremos firmemente na educación, e o sistema educativo galego traballa en prol de acadar a igualdade real e efectiva dende os máis cativos e cativas, a través de materias de libre configuración autonómica como son Igualdade de Xénero en 1.º e 2.º da ESO, Coeducación para o século XXI en 1.º de bacharelato e o ciclo de grao superior en Promoción e igualdade de xénero. Ademais, lévanse a cabo accións de colaboración cos concellos e cos centros educativos para a prevención do acoso e da violencia entre menores e adolescentes. Tamén é fundamental o traballo coas familias a través das ANPAS. E os orzamentos de 2020 reservan unha partida para implantar o Proxecto Fénix para intervir con menores agresores, unha das moitas medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que estamos a desenvolver en Galicia.

Está suficientemente dotada a sociedade galega para combater o problema (policía, xulgados…)?

Hai varios ámbitos nos que hai que seguir dando pasos para ofrecer a mellor resposta ás vítimas con recursos da xustiza e de seguridade. Na nosa comunidade contamos cos axentes do grupo Vioxen, de Protección de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero da Policía Autonómica. Temos ademais articulada unha rede de casas de acollida para que as mulleres maltratadas en situación de indefensión, teñan un lugar onde acudir en colaboración cos concellos e entidades sen ánimo de lucro. Tamén hai que destacar o labor dos CIM e as distintas liñas de axudas económicas. Desde o ámbito xudicial xa avanzamos na integración das traballadoras sociais nas Oficinas Xudiciais de Atención ás Vítimas, que xa contan con profesionais de psicoloxía desde 2017.

Máis alá da violencia contra a muller, hai unha discriminación aínda presente en múltiples ámbitos, e especialmente no laboral. Cal é a situación en Galicia arestora?

É preciso seguir a fomentar a participación das mulleres en condicións de igualdade en todas as esferas da sociedade e incrementar a súa presenza nos ámbitos de decisión das estruturas sociais, políticas, económicas e profesionais, para que mulleres e homes poidan acadar o seu desenvolvemento en distintos ámbitos da vida sen limitacións por razóns de xénero.

Ve posible lograr a conciliación real? Que medidas teñen en marcha?

Para acadar a conciliación temos que implicarnos o conxunto da sociedade, homes e mulleres, por iso cando se fale de conciliación tamén hai que falar de corresponsabilidade. A Xunta aprobou o ano pasado un Plan de Conciliación e Corresponsabilidade, e fomos a primeira comunidade en facelo. A súa base é a corresponsabilidade familiar, cun reparto equitativo das responsabilidades familiares. Por poñer algún exemplo, xa temos en marcha medidas a favor da conciliación, como as axudas aos Concellos para que poñan en marcha programas de conciliación; axudas para a redución de xornadas de homes e fomentar a corresponsabilidade; e implantamos medidas de flexibilidade horaria e teletraballo na Administración autonómica.

Un dos ámbitos onde se empeza a reflectir o cambio de tendencia é o deportivo. Como ven desde o Goberno o interese social por deportistas e equipos femininos mesmo en deportes tradicionalmente masculinos como o fútbol?

O deporte ten un importante potencial educativo para concienciar a mocidade sobre a tolerancia, a igualdade e a loita contra a violencia de xénero e os e as deportistas son os seus mellores embaixadores, porque son referentes para os máis novos. Por iso, ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero asinamos contratos de patrocinio con 25 deportistas de elite galegos para que nos axuden a concienciar na loita contra esta lacra. Así o fixeron xa Javier Gómez Noya, Ana Peleteiro, Adrián Ben, Tamara Echegoyen, Teresa Portela, Susana Rodríguez Gacio, Cristian Toro e moitos outros. E tamén están a colaborar clubs profesionais de fútbol e de baloncesto galegos. Precisamente porque o deporte é un referente para a xente nova, que existan equipos femininos nos distintos deportes contribúe a romper esa brecha de xénero neste ámbito.

Para unha política responsable de igualdade, como afecta o uso político do tema que se está a facer desde algúns sectores ultimamente?

Para poder avanzar é vital o consenso e o compromiso da sociedade no seu conxunto e, por tanto, tamén deben estar os diferentes grupos políticos. O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero é un bo exemplo de que, se hai vontade de acordo, poden poñerse en marcha ferramentas útiles para loitar contra a violencia de xénero. O obxectivo de todos debe ser axudar ás vítimas da violencia de xénero e, para iso, son precisos grandes acordos, colaboración e cooperación entre todas as administracións, e non esgotar o tempo en loitas partidistas.

Leva moitos anos en política, cambiou moito a situación da muller neste ámbito nos últimos tempos?

Estamos mellor que hai anos e avanzamos moito en igualdade pero aínda queda camiño por percorrer para acadar unha igualdade real entre mulleres e homes. E para conseguilo temos que traballar na mesma dirección. A coordinación e cooperación entre Administracións e o terceiro sector é vital.

Cando mira o camiño percorrido, de que se sente máis orgullosa?

De dúas cousas. De non deixar de traballar nin un só día en mellorar os recursos e a atención das mulleres vítimas da violencia de xénero e tentar con iso mellorar as súas vidas e as dos seus fillos e fillas; e de poñer en valor e visibilizar as nosas mulleres galegas, incribles todas. E tamén me sinto profundamente orgullosa do equipo de mulleres e homes que traballan no meu equipo, persoas formadas e cunha vocación absolutamente resistente ao desalento porque, créame, que hai momentos moi duros.

Como ve a muller galega da próxima década?

Libre, sendo o que queira ser, co seu esforzo, traballo e talento. Creo que este é o século de TODAS as mulleres: mulleres traballadoras, mulleres profesionais, mulleres imparables, mulleres sen medo a nada nin a ninguén, mulleres que deron e dan o paso na investigación, na industria, na tecnoloxía, no emprendemento, na sanidade, nas ciencias, na universidade, na innovación, no mar, no rural, nas artes, na cultura, na comunicación, no medio ambiente, no deporte…

(Entrevista publicada no número 342 - novembro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)