Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Valemos o que cobramos?



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE DECEMBRO DE 2019 · (0)




O salario, o soldo, a nómina… son claves á hora de valorar se un traballo compensa ou non, se seguimos no posto ou tentamos mudar de rumbo. Non só importa isto claro, tamén a ilusión ou a falta de vocación, os incentivos horarios e o ambiente xogan as súas bazas á hora de taxar se realmente o que “ganamos” compensa. Pero onde están os soldos máis altos? Aquí, no sector público. As medias cantan. Os grandes postos no eido privado son para unha minoría.

A nómina, a falta de recoñecemento e a de motivación son as tres maiores preocupacións dos españois en materia de emprego, cun 74 %. No outro extremo temos a falta de desconexión polo mundo dixital e a robotización, cun 21 % recolle InfoJobs no seu recente I Barómetro do Emprego. Malia os cambios que se están vivindo a día de hoxe a nómina importa, e moito.

Os estudos que periodicamente saen á luz sobre salarios non adoitan ter en conta as pagas duns empregos públicos que, en contra do que ás veces dise sen moito fundamento, son bastante boas. Un funcionario do Grupo A, por exemplo, é certo que ten que ter carreira universitaria para exercer no posto pero o mesmo pasa con milleiros de profesionais que gañan a metade facendo traballos similares no sector privado. Isto vese mellor con cifras: os empregados públicos españois gañan un 51 % máis, dito por un estudo da Comisión Europea feito público hai xusto un ano que, ademais, engade que estas diferenzas pouco teñen que ver coa maior cualificación ou a antigüidade.

Fronte aos 1.719 euros brutos ao mes que perciben, de media, os asalariados privados en España, os públicos alcanzan os 2.598 antes de impostos. Este “Labour Market Wage Developments in Europe” colócanos á cabeza desa fenda, só países pequenos como Chipre e Luxemburgo teñen maior distancia entre soldos mentres que Finlandia é o único no que se gana máis no sector privado. E Francia ten unha diferenza practicamente residual.

Privados

Deixando esta realidade e ollando agora ao eido privado, son os traballadores das multinacionais os que reciben mellores salarios, outra idea popularmente estendida pero desta vez, certa. Cobran un 43 % máis que os das pemes. Falar de medias é unha xeneralidade pero serve para facérmonos unha composición de lugar.

Adecco Group Institute traballa cos investigadores de Barceló e Asociados para facer o Monitor Anual Adecco, e os da VII, dados a coñecer hai pouco máis dun mes, din que a media das nóminas privadas en España é de 1.658 euros mensuais, un 1,2 % máis que hai un ano pero cifra máis baixa que no estudo europeo citado. Galicia está nunha notable 6.ª posición cunha media de 1.491 euros. Falamos de salario ordinario bruto, con pagos mensuais antes de computarse deducións e retencións e sen contar pagas extraordinarias, horas extras, atrasos e indemnizacións. Tamén confirma o dito: hai unha diferenza de 7.248 euros anuais entre a remuneración na gran empresa e a pequena.

A industria, sempre á cabeza

Os profesionais que traballan nas empresas do sector secundario sempre tiveron unha media salarial máis alta. Hoxe o salario medio na industria en España é de 1.926 euros/mes, 300 euros máis ca nos servizos e na construción, segundo Adecco. Os profesionais da industria turística e hostaleira en España cobran tamén de media como estes últimos se ben os postos de xestión e administración alcanzan e mesmo superan a media nacional, segundo Turijobs.

Temos en sectores xa non tan emerxentes senón consolidados, soldos certamente atractivos. Por exemplo, no eido tecnolóxico e no mundos dos videoxogos os enxeñeiros de software e deseñadores de UI/ UX roldan, de media, 33.000 euros brutos anuais moi por riba do salario medio que publicaba o INE: 23.156 euros. Os postos de Produción e Deseño, animador 3D, artista técnico, directores creativos, produtores e deseñadores teñen medias de 30.000 euros brutos anuais. Ademais de maiores ratio de contratación indefinida, en 2018 ata o 79 %. “O sector TIC é o que ofrece as mellores oportunidades laborais en España, e non só a nivel de salarios. Ademais falamos de postos con moi pouca competencia, con tan só 28 inscritos por vacante”, explica Neus Margalló, Responsable de Estudos de InfoJobs.

Onde están os grandes postos?

Eses traballos con atractivos salarios e altas responsabilidades están por suposto no sector público, pero tamén no privado. Entre eles os de director xerente de banco ou socio de consultoras e auditorías con soldos medios que poden alcanzar os 300.000 euros anuais, segundo a “II Guía Spring Professional do mercado laboral” de Adecco. Séguenlles os directores de información e socios de despachos legais, directores de datos e xefes comerciais financeiros e de aseguradoras, con salarios que oscilan entre os 200.000 e os 250.000.

Dando un chimpo ata banca, o posto de Managing Director de investimento Internacional, que dirixe captación de recursos para clientes, asesoría e fusión de empresas; xunto aos CFO (Chief Financial Officer responsables da xestión financeira) son cargos cotizados cunhas nóminas que poden chegar aos 170.000 anuais. Na sanidade os directores comerciais de laboratorios farmacéuticos están moi ben pagados mentres que o posto de director de estratexia dixital pode embolsar –grazas ao comercio electrónico– entre 100.000 e 150.000 euros anuais. O caso é chegar.

(Extracto da reportaxe publicada no número 342 - novembro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)