Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“A autonomía só trouxo beneficios a Galicia”



POR TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 08 DE XANEIRO DE 2020 · (0)




Este mes de xaneiro cumpre catro anos á fronte do Parlamento de Galicia, unha dedicación que define como “a maior honra” á que pode aspirar. Médico e político, de profesión e de vocación, Miguel Ángel Santalices segue proclamando o seu galeguismo e o autonomismo que trouxo o progreso a esta comunidade. De aí o seu rexeitamento á devolución de calquera competencia, unha cuestión que defende co mesmo fervor que a estabilidade política, como base da estabilidade económica e social, e da que Galicia é un “referente para o resto de España”. De política, economía e moitas outras cuestións falamos co presidente do Parlamento galego.

Entrevistámolo nestas mesmas páxinas en 2016, tan só catro meses despois de asumir a presidencia do Parlamento de Galicia, e titulamos aquela conversa cun optimista «Hai tamén alegrías na política». Segue pensando o mesmo con todo o que levamos nestes últimos anos?

Por suposto. Malia fracasos concretos, como o rexistrado no ámbito do Goberno central coa última lexislatura frustrada, a política é unha actividade nobre, entendida, desde o meu punto de vista, como unha ferramenta para a construción do ben común. Por iso, cada vez que un servizo público atende correctamente unha persoa, cada vez que se poñen en funcionamento novas dotacións, cada vez que aprobamos unha lei encamiñada a mellorar a calidade de vida da xente ou cando somos quen de formalizar un acordo entre persoas que pensan diferente estamos dando pasos na boa dirección. E avanzar na boa dirección debe ser sempre motivo de satisfacción.

É inevitable falarmos de política no contexto actual. Como ve a situación tras as últimas eleccións?

No seu conxunto, o resultado electoral acredita o fracaso da última chamada ás urnas. Pedro Sánchez disolveu a Cámara nun intento de mellorar os seus resultados, nunha especie de plebiscito autoaclamatorio que se acabou volvendo na súa contra, cun mapa electoral fragmentado, mentres a economía española presenta alarmantes síntomas de fatiga.  […] 

Como valora a irrupción de partidos que están a ocupar o espazo do PP? Por que cre que está a pasar isto?

O primeiro é que, en democracia, todas as opcións son lexítimas sempre que se axusten ao marco constitucional. Outra cousa é a coherencia dos seus postulados ou dos seus dirixentes. Esa é a gran carencia dos denominados partidos emerxentes. O xurdimento destas formacións, primeiro no ámbito da extrema esquerda, e máis recentemente na extrema dereita, non é un fenómeno exclusivo de España. Con todo, e malia que se trata dun fenómeno practicamente global, creo que no noso país ten moito que ver, na miña opinión, coa crise económica e tamén coa crise territorial.

Para un político que sempre reivindicou o galeguismo e mesmo o autogoberno, que supón a mensaxe de grupos que defenden o fin das autonomías?

Unha insensatez, como dixen, mais tamén unha evidencia do doado que resulta xogar cos sentimentos da xente para enganala. A autonomía só trouxo beneficios a Galicia. Como médico, recordo perfectamente todas as nosas carencias sanitarias antes de asumir as competencias do Sergas, con pacientes que tiñan que ir operarse a Santander ou a Madrid. Non había centros de saúde, non había 061, nin ambulancias medicalizadas. Falo da sanidade, pero podería falar da educación, das obras públicas, dos servizos sociais […]

E por que cre que a mensaxe está a calar no estado? Que se fixo mal?

Nun mundo que pensa e opina a golpe de redes sociais, as noticias falsas difúndense sen medida. Coido que a situación ten moito que ver con esta realidade. Pero tampouco podemos esquecer a fatiga dos discursos políticos tradicionais durante a recente crise económica.

Vostede é contrario ao traspaso de competencias, mesmo en sanidade ou educación, pero… habería que reformular o sistema dalgún xeito ou considera que funciona perfectamente tal como está?

Son radicalmente contrario á devolución de competencias desde a Autonomía ao Goberno central, especialmente en casos como o de Galicia, no que desde sempre se fixo unha xestión responsable dos recursos públicos, e sempre tamén dentro dunha exquisita lealdade institucional. Cousa distinta é o sucedido en Cataluña. […] 

Volvamos a Galicia. Nun mes celebrará o seu cuarto aniversario á fronte do Parlamento galego. Que balance fai desta experiencia?

Só teño palabras de satisfacción e de agradecemento. Satisfacción por ter logrado abrir o Parlamento, no sentido metafórico, mais tamén real, á sociedade, para que a xente coñeza a Cámara e as súas funcións e para que o Parlamento, a través dos seus deputados e deputadas, teña unha maior presenza pública; por ter logrado que o Parlamento recuperase o clima de cordialidade e respecto institucional que nunca se debeu perder no pasado; por xestionar a Cámara con criterios de eficacia e eficiencia; e por consolidar esta institución como a máis activa de España. O meu agradecemento, por suposto, a todas as deputadas e a todos os deputados polo seu traballo e pola súa implicación, xa que sen eles nada do que acabo de relatar tería sido posible.

Que medida destacaría, entre todas, desta lexislatura?

Probablemente dúas realidades diferentes: ter logrado recuperar o debate sosegado, logo dalgúns episodios pouco edificantes no pasado recente; e o crecente protagonismo social do Parlamento, que mesmo ten recibido diferentes recoñecementos nos últimos anos, cousa ata entón inaudita na historia da institución.

Cumpríronse as súas expectativas?

Razoablemente. Gustaríame poder facer máis, pero hai que ser realistas e axustarse ás posibilidades, tanto competenciais como económicas, da institución.

Entre os temas que máis debate –e controversia– xeran na Cámara galega está a sanidade. Fágolle a seguinte pregunta como político pero tamén como médico: por que cre que está o sector sanitario galego en pé de guerra?

Dicir que o sistema está en pé de guerra quizais resulte excesivo. É evidente que todo o que afecta a servizos esenciais como a sanidade ou a educación reviste unha importancia capital. Calquera disfunción que se rexistre, por pequena que sexa, ten unha repercusión moito máis elevada que a previsible noutros sectores de actividade. […]

Periga o Estado de benestar, como auguran moitos?

Creo que non. A inmensa maioría dos partidos políticos españois, como a inmensa maioría da sociedade, levan o Estado de benestar no seu ADN. Poderanse discutir matices, cuestións de enfoque, pero no esencial estamos todos de acordo. O Estado de benestar é intocable, entre outras razóns porque custou moito poñelo en marcha e constitúe, sen dúbida, un dos grandes logos da democracia española.

Ademais da sustentabilidade do sistema sanitario, está o tema das pensións e multitude de cuestións ligadas a un novo modelo social e económico. Cal é a maior preocupación política en Galicia a curto prazo?

Continuar mantendo a estabilidade política que tivemos nas últimas lexislaturas, porque, detrás da estabilidade política vén a estabilidade económica e social, a previsibilidade, a credibilidade das institucións. Sen estabilidade política non hai nada diso; por iso Galicia, co presidente Feijóo, foi, nos últimos anos, un referente para o resto de España.

E a medio e longo prazo?

Probablemente a crise demográfica. Algo avanzamos neste asunto, polo menos en materia de concienciación. Galicia foi unha das primeiras comunidades en que se comezou a falar deste asunto, cando non todos lle atribuían a importancia que realmente ten. Agora o fenómeno da España baleirada, do devalo demográfico, ou como queiramos chamalo, está xa na boca de todos. É un problema moi serio, porque a poboación é a base de todo, tamén do Estado de benestar.

É factible acometer as reformas necesarias coa situación política actual?

Desde logo, resulta necesario, especialmente para facer fronte a hipotéticas adversidades económicas. Por iso urxe superar o bloqueo político no escenario nacional, pero superalo desde posicións de moderación, lonxe de calquera escenario de radicalidade.

Por certo, como está a vivir a situación política na súa terra, Ourense?

Cun razoable optimismo derivado dos resultados electorais do meu partido, o PPdeG, nas pasadas xerais; un resultado alentador, ao igual que no conxunto de Galicia, por iniciar unha remontada respecto da anterior convocatoria. Somos optimistas, por suposto, pero conscientes de que resta moito traballo por facer para recuperar os votantes que quedaron na casa ou optaron por outras formacións.

Nuns meses enfrontarémonos en Galicia a unha nova cita electoral, neste caso as autonómicas. Hai quen pensa que sen Feijóo sería difícil para o PPdeG manter a Xunta. Como ve a situación?

Eu véxoo doutro xeito. Nun momento de tantas incertezas, e mesmo de tantos receos respecto da política, o presidente Feijóo suscita unha confianza social inaudita na política española dos nosos tempos […]

Vostede ligou a permanencia do actual presidente á necesidade de non arriscarse co Xacobeo. Que vai supor para Galicia esta celebración?

Indubidablemente, o Xacobeo 2021 será unha das grandes citas españolas e europeas dese ano. O seu éxito dependerá, en boa medida, dunha programación meticulosa, que –e así me consta– o presidente Feijóo está seguindo día a día. Prescindir do capitán do equipo nas vésperas dun gran partido sería a máis errónea das decisións, se me permite usar un símil futbolístico.

Gustaríalle ser presidente do Parlamento durante ese Xacobeo 21?

Francamente, eu vivo o día a día, tamén porque esa é unha cuestión que me escapa completamente. Desempeñar a presidencia da primeira institución de Galicia é a maior honra á que podo aspirar, e confeso que gozo no exercicio desta responsabilidade, ben sexa no traballo de despacho, moderando os plenos ou nas diferentes tarefas de representación, sempre co obxectivo de facelo o mellor posible en cada momento.

Que deberían achegar os políticos da próxima década para responder ás necesidades da sociedade galega?

Parecerse a ela. Así de complicado e así de sinxelo.

(Extracto da entrevista publicada no número 343 – decembro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)