Publicidade

ragc.gal_premios_transferencia_gal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Debe ser unha prioridade facilitar e fomentar o retorno daqueles galegos que así o desexen”



POR TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 15 DE XANEIRO DE 2020 · (0)




O pasado mes de abril cumpriu unha década como director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia e director da Fundación Galicia Europa, malia que xa coñecía as entrañas da institución europea da súa etapa como secretario xeral no último goberno Fraga. Unha ampla experiencia que non só lle outorga coñecemento senón perspectiva. E desde ese miradoiro privilexiado é quen de reivindicar o papel deste recuncho do continente nas institucións comunitarias e mesmo liderar iniciativas como a Lei de Acción Exterior na que Galicia será pioneira e que permitirá, entre outras accións, atraer capital foráneo e fomentar o retorno de emigrantes. De todo isto falamos con Jesús Gamallo entre viaxe e viaxe.

Máis de dez anos continuados entre Galicia e Bruxelas, con paradas en multitude de territorios. Como se leva iso a nivel persoal?

Vaise levando, eu nunca me queixei e non me vou queixar agora. É certo que hai ocasións nas que tes que viaxar na fin de semana para asistir ás reunións que están programadas para o luns; pero é cuestión de organizar a vida privada en función da axenda que, normalmente, sabemos por adiantado.

Oínlle dicir que para un político a experiencia local é indispensable porque obriga a estar coa xente. Bota en falla ter máis contacto directo coa cidadanía?

Teño máis contacto directo do que parece. Aínda que non estou no ámbito municipal neste momento, si que estou na rúa, si que falo coa xente. Nestes anos en que estamos a falar do Brexit, en especial para desenvolver o Proxecto de Lei de Acción Exterior, estivemos falando cos sectores máis interesados, empresarios, co mundo da Universidade… O sentimento de estar preto da cidadanía non me é alleo.

Cambiou moito o peso de Galicia en Europa nesta última década?

Eu diría que si. Eu diría que mellorou moito, principalmente os elementos que máis valor aportan en Bruxelas que son a estabilidade e a experiencia. É importante contar cunha boa equipa multidisciplinar que saiba moverse nas institucións europeas, coa capacidade de programar boas axendas para os conselleiros e conselleiras, ou para o propio presidente. […]

Como está a afectar o problema demográfico de Galicia e Europa á nosa economía e ao noso lugar no mundo?

O problema demográfico é o principal problema estrutural que ten Galicia neste momento. Da evolución desta cuestión vai depender, en boa medida, o progreso económico e social que acade a nosa comunidade nos vindeiros anos. Calquera estratexia que se proxecte para progresar coma sociedade ou para mellorar a economía galega deberá abordar este tema. Debemos ter en conta que a cuestión demográfica non se pode abordar de xeito illado, […]

Como debería reflectirse esta situación nos criterios de reparto dos fondos europeos?

Como comentaba, é capital a creación de redes con outras autonomías españolas e rexións europeas cunha problemática similar á nosa. Deste xeito será máis sinxelo sensibilizar as autoridades comunitarias e facer unha abordaxe conxunta. Están en xogo a viabilidade do sistema de pensións, a sustentabilidade económica e a calidade dos servizos públicos. Isto ten derivadas importantes coma o tema de inmigración, que non se debe demonizar, e que compre analizar dende un punto de vista holístico todas as súas implicacións.

Cal é o investimento global no POCTEP para Galicia neste período de programación?

O POCTEP é un programa que fomenta a permeabilidade das antigas fronteiras entre os estados membros da Unión. A fronteira entre España e Portugal é a máis longa da Europa, polo que está dividida en varias áreas de cooperación. A eurorrexión á que pertencemos, Galicia-Norte de Portugal, recibiu na primeira convocatoria 90 millóns de euros cos que se financiaron 45 proxectos transfronteirizos e, na segunda, 41,1 millóns que se dividiron entre outros 35 proxectos.

Cando falamos de relacións exteriores en Galicia sempre xorde o tema de Portugal. Como son as relacións co país veciño e como debería artellarse a política exterior cara Portugal?

As relacións con Portugal son excelentes. Somos a única rexión europea que ten aprobada por unanimidade no seu Parlamento unha lei, a chamada Lei Paz Andrade do ano 2014, que aposta por unha lingua que non é vernácula como é o idioma portugués e a lusofonía. Neste sentido falamos de tres conferencias concéntricas: a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a nación portuguesa e a lusofonía, incluíndo outros países coma Brasil ou Angola. Somos moi conscientes da importancia das relacións con Portugal e a lusofonía, por iso lle adicamos un capítulo íntegro no anteproxecto de Lei de Acción Exterior que terá en conta os ámbitos económicos, sociais, culturais e de cooperación ao desenvolvemento.

Xustamente un dos proxectos que ten en marcha a FGE que vostede dirixe é o LIDERA, un programa transfronteirizo centrado no emprego da cidadanía moza. En que consiste? Como está funcionando? Cales son os resultados que máis salientaría vostede?

LIDERA ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento da xuventude. O proxecto apoia a formación da mocidade da eurorrexión a través de diferentes programas, que inclúen entre outras actividades o coaching e o mentoring personalizado. Grazas a LIDERA existe unha importante rede transfronteiriza de axentes de cooperación, que cristaliza na presentación de varios proxectos europeos (varios deles aprobados) e na posta en marcha de diferentes asociacións.

Por outra banda LIDERA tamén ten como prioridade a creación dunha rede de apoio á empregabilidade da poboación xuvenil do e o impulso da do espírito empresarial. É un traballo polo que seguiremos apostando e que ten uns resultados magníficos: o 50 % dos participantes nas actividades conseguiron traballo por conta allea, un 35 % son emprendedores e o 15 % restante prosegue a súa formación.

É posible frear a marcha da mocidade galega e fixar poboación na chamada eurorrexión?

Debemos facelo posible xa que é un dos obxectivos principais do noso proxecto e do goberno galego. Pero non debemos pasar por alto que tamén debe ser unha prioridade facilitar e fomentar o retorno daqueles galegos que así o desexen.

O ano pasado a Fundación Galicia Europa celebrou o 30 aniversario. Que destacaría desta traxectoria? Cales foron os principais fitos acadados nestas tres décadas?

Esta fundación permite termos unha oficina de representación en Bruxelas, algo imprescindible para comprender a evolución das políticas e para defender os intereses particulares de Galicia no complexo entramado comunitario. […]

Se falamos noutras tres décadas, que titular lle gustaría que encabezase esa entrevista?

Galicia sitúase á cabeza de Europa impulsada pola súa estratexia de acción exterior.

(Extracto da entrevista publicada no número 343 – decembro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)