Publicidade

ragc.gal_premios_transferencia_gal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Urbanitas irredentos



REDACCIÓN · PUBLICADO O 17 DE FEBREIRO DE 2020 · (0)




Nos últimos 70 anos a xente que se move nas cidades pasou dos 751 millóns de 1950 aos 4200 millóns de 2018. Este cambio non é de onte, precisamente. Nos días da ruralización feudal deixar o campo atrás prometía mellor vida, un coñecido proverbio xermánico así o recollía: “O aire da cidade fai libre”. É posible frear o abandono do campo?

Iniciábase no Baixo Medievo, e de xeito xeral en Occidente, un cambio que catapultou á humanidade cara unha prosperidade que non fixo senón medrar dende entón. As cidades comezan a representar a oportunidade de deixar de ser un servo, mentres as elites señoriais e nobiliarias miraban cun ollo aberto e outro pechado aquela revolución que alimentaba os burgos e lles privaba de manutención e privilexios. E esa diáspora segue ata hoxe.

Xente con xente. Os datos a nivel mundial son ben claros: a xente concéntrase en grandes núcleos. Pódese tentar repartir ese crecemento nutrindo cidades medias e non megalópoles –de feito prevese que algunha das urbes de máis tamaño poida minguar en beneficio doutras menores– pero o campo leva sendo abandonado dende hai xeracións como centro da vida. 

Isto non quere dicir que non se traballe en iniciativas, proxectos, alternativas para tentar manter un mínimo de poboación que axude a gozar dun rural vivo, a manter a contorna e unha agricultura, viticultura e gandaría sostibles para consumidor e traballador do campo. Pensar en ver todas as aldeas repoboadas semella absurdo, pero pódese tentar, e niso se traballa, fixar poboación fóra do marco urbano.

Reaccións

Hai opinións para todo: quen reclama máis cartos públicos para frear a tendencia poboacional e quen prefire que as dinámicas da economía marquen as pautas. Pero uns a e outros achegan ideas. No caso galego atopamos programas como o Galicia Rural Emprende, do Igape, que vén de conceder axudas por catro millóns de euros para 62 proxectos vinculados a actividades non agrícolas no rural como automoción, TIC, téxtil, forestal, ambiental e audiovisual.

Deputación de Lugo está promocionando Prende! para que menores de 30 anos queden nas vilas de menos de 5.000 veciños dándolles 5.510 euros para arrincar o negocio e asesoría. No “Ourense Rural Summit” do pasado outubro, nos mosteiros de Santo Estevo e Oseira 130 representantes de universidades, empresas, asociacións e emprendedoras rurais deseñaron varios proxectos; e o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural motiva ás novas ideas.

Temos un gran patrimonio descoñecido e abandonado con posibilidades de valorización con explotacións agrarias e industrias sostibles de alto rendemento económico”, explica a doutora Carmen Martínez, responsable do Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia […]

A pesar dos atrancos da Revolución Industrial neste país o proceso de urbanización iníciase xa de modo imparable no s. XIX. E iso que aínda en 1930 a poboación rural era moi elevada: os que vivían en concellos con menos de 10.000 habitantes eran case o 60 % da xente. Pero hoxe, segundo o informe 2018 do Defensor do Pobo, fronte á España baleirada hai unha concentrada en 63 municipios con máis de 100.000 veciños que reúnen máis do 40 % dos 47 millóns de habitantes. 

Que cidades nos esperan? 

[…] “O urbanismo está fronte a un dos maiores retos que tivo tanto desde o punto de vista da planificación como respecto da ordenación urbana”, recoñeceu na apertura do Curso de Técnico de Urbanismo 2019-2020 a decana do COAG, Elena Ampudia, hai unhas semanas. “Hai unha necesidade inminente de transformar o modelo de cidade e a forma en que ocupamos o territorio. Necesitamos sustentabilidade, cómpren cidades compactas e seguras con operacións de renovación rexeneración. E en Galicia solucións de mobilidade nun territorio caracterizado polo asentamento disperso”. 

No interior galego máis do 90 % dos concellos non pasan dos 5.000 veciños. Pero é que esta tendencia a agruparse en vilas, especialmente en áreas de costa, lévase constatando dende o século XVII. O Instituto Galego de Estatística (IGE) no seu último informe Panorama rural-urbano de 2018, recolle que o 72 % dos galegos concentrámonos no 18 % da superficie, preto das costas sobre todo. 

A maiores, só as sete grandes cidades, as Zonas Densamente Poboadas (ZDP), agrupan ao 36 % da poboación. Outro 36 % habita nas Zonas Intermedias (ZIP), áreas que superan os 10.000 empadroados. Son 61 concellos en Pontevedra e Coruña como Cambre, Arteixo, Narón, Teo ou Padrón. En Lugo a porcentaxe de Zonas Intermedias non chega ao 8 % con apenas seis concellos: Chantada, Foz, Sarria Monforte, Ribadeo e Viveiro. E en Ourense hai catro: Verín, O Carballiño, O Barco de Valdeorras e Barbadás.

Seguimos na liña

O padrón do 1 de xaneiro deste novo 2020 publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), confirma que só 68 municipios da xeografía galega gañaron habitantes dende 1981. Segue a tónica: A Coruña e Vigo coas áreas de influencia tiran cara arriba.

Os mesmos alicientes de prosperidade, calidade de vida e liberdade que alimentaban a moitos agricultores do medievo semellan facelo aos seres humanos de hoxe, vivan na Fonsagrada ou nunha comunidade andina. O Departamento de Asuntos Económicos e Sociais das Nacións Unidas xa dixo que o 68 % da poboación do planeta vivirá en zonas urbanas antes de 2050, cifra que vai en aumento ano tras ano. Nós non somos a excepción.

(Extracto da reportaxe publicada no número 344 – xaneiro 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)