Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“O sistema de oposicións debe mudar para ser máis transparente en todas as fases”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 17 DE FEBREIRO DE 2020 · (0)




Jonathan García e Inés Bra estrean co seu equipo 2020 cun medre dun 250 % de clientes galegos e un 120 % do resto de España. Facer o proceso de preparar oposicións tipo test máis levadeiro –nun país onde hai máis xente con soldos públicos que privados e moita oferta deste emprego– semella un acerto. A peme coruñesa OpositaTest xa prepara o salto a Hispanoamérica e Europa.

Jonathan, tiveches sempre claro que ías emprender ou as circunstancias leváronche?

A verdade é que sempre me “picou” levantar un proxecto propio. Estou moi vinculado a este mundo dende pequeno, os meus pais fundaron unha pequena empresa.

Inés, es cofundadora, pero antes opositaches durante cinco anos a unha praza de xuíz e fiscal. Que sacaches en limpo da experiencia para aplicalo despois á vosa empresa? 

De todas as experiencias sácanse cousas e a miña etapa como opositora achegoume dominio e control de moitas materias xurídicas que forman parte da maioría de oposicións en España, o que fai que o meu traballo en OpositaTest sexa máis sinxelo. Preparar durante varios anos unha oposición implica tamén un sacrificio, constancia e paciencia; que son moi importantes cando decides emprender. E vivir de primeira man unha oposición fíxome moi sensible coas necesidades dos estudantes, foron as miñas tamén durante varios anos.

Cantos sodes agora no equipo? 

En oficina somos 21 persoas, pero o equipo amplíase logo con toda una rede de colaboradores externos, tanto técnicos como de contidos que se estende por toda España. O que fai que sumemos máis de 50 persoas as que directa ou indirectamente traballamos en OpositaTest. E máis do 55 % son mulleres que teñen tamén cargos de responsabilidade.

Tedes previsto saír fóra de España?

Temos constancia de que as probas tipo test son unhas das máis utilizadas a nivel internacional para a avaliación de conceptos, e tamén que existen probas parecidas ás oposicións noutros países, tanto en Europa como en América Latina, así que a idea de internacionalizar o proxecto está enriba da mesa e esperamos dar os primeiros pasos neste 2020.

[…]

Canto tempo levou pasar toda a información a formatos dixitais? Tedes miles de preguntas tipo test para practicar...

A nosa base de preguntas está formada por máis de 280.000 de todos os niveis e este traballo, dende logo, foi e é un dos mais complexos. Require adaptar os formatos en papel aos dixitais e estar continuamente actualizando e enriquecendo. Pero un dos nosos compromisos cos opositores é precisamente ofrecerlles sempre contidos adaptados as esixencias das oposicións. Si, é un dos traballos máis laboriosos.

Tedes equipo de contidos ou colaboradores externos?

Facémolo por dúas vías, unha especie de dobre-check. […]

Que tipo de relación mantedes coas academias? Traballan directamente con vos, retroalimentádesvos?

Temos unha relación moi estreita e acordos con academias de toda España, tanto pequenas como grandes, que utilizan o noso sistema cos alumnos. O traballo de manter ao día unha base de preguntas tipo test é arduo e moitas utilízanos para complementar e delegar. Ademais, o feito de poder ofrecer posibilidade de traballar en todo momento e lugar é moi interesante tanto para academias como para os preparadores particulares.

Entón un estudante pode ir a unha academia e completar o traballo co voso sistema...

Si, totalmente, de feito moitos dos nosos usuarios sono tamén de academias e preparadores. OpositaTest é fundamentalmente un complemento de estudo tanto para os que se preparan pola súa conta, como para os que van a unha academia. Complementar coa realización de test e unha das técnicas mais recomendadas para fortalecer a lembranza dos contidos e é unha gran vantaxe poder validar coñecementos de acordo co que demandan os tribunais. Traballamos con ratios superiores ao 93 %, que son os opositores que melloran os seus resultados tras utilizarnos.

Tras tres anos de andaina ofrecedes máis de 110 oposicións para todo tipo de prazas. Cales son as mais demandadas?

As oposicións están en auxe e a verdade é que se demandan de todo tipo, tanto as máis altas coma as máis baixas. Pero as que máis público atraen son as de Xustiza e tamén todas as da Administración Xeral, tanto a nivel estatal como autonómico, auxiliares administrativos e administrativos. Agora, por exemplo, dado o número de prazas que se ofertan en Galicia, as oposicións á Xunta e o Sergas son das máis demandadas.

Tedes feito algún estudo coas que son máis “sinxelas” de aprobar ou as que teñen mellores ratios?

Non hai oposición fácil, todas teñen a súa complexidade e os seus pros e contras. Hainas onde o temario é mais curto e sinxelo como por exemplo Auxiliares da Xunta, pero en cambio a ratio de persoas por prazas é moi alto, preséntase un gran número de candidatos. Outras teñen temarios de máis de 100 temas pero ratios de aspirantes moito menores. A nosa recomendación sempre é estudar ben as nosas opcións e elixir en función do traballo que se vai desempeñar, pois ao final será o noso para toda a vida.

A constancia e o esforzo son imprescindibles para sacar unha praza. Pero e a sorte?

Non imos dicir que a sorte non inflúe, inflúe en todo. Que saia o tema que vimos a noite anterior, que o compañeiro que ten que “cantar” antes que nós diante do Tribunal non teña o seu mellor día, ou que xusto antes de entrar no exame veñamos de repasar a pregunta que nos dá o punto que precisamos. Todas estas cousas poden pasar. Pero ao final, o que podemos asegurar é que con constancia e esforzo a praza conséguese, e son os factores máis importantes pois son os que depende de nós. A sorte non a podemos controlar.

Por certo, pensades que o sistema de oposicións é o mellor para seleccionar a bos profesionais? Ou mudariades algo?

O acceso á función pública debe basearse sempre no mérito e na capacidade dos aspirantes e cremos que na maioría das oposicións de España cúmprese. Agora ben, deben mudar aspectos para adaptarse ás novas realidades do funcionariado e da sociedade. Hai procesos de avaliación de aptitudes moi arcaicos e pouco transparentes que priorizan facetas que na práctica non se empregan no traballo diario, ou non avalían outras moi importantes, como as habilidades tecnolóxicas, a práctica ou a facilidade para resolver problemas e conflitos. O sistema de oposicións tamén debe mudar para ser un proceso moito máis transparente en todas as fases e, sobre todo, moito máis rápido e seguro: prazos fixos, calendarios orientativos e anonimato na corrección das probas son puntos que se poderían mellorar en moitas.

(Extracto da entrevista publicada no número 344 – xaneiro 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)