Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Negra sombra



POR ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 22 DE ABRIL DE 2020 · (0)




Semella fácil poñérmonos agora na pel de millóns de antepasados que, non só despedían a avós e pais, senón a fillos arrebatados na flor da vida. A humanidade sufriu periodicamente enfermidades que se espallaban como unha nube escura sobre unha poboación tan indefensa como asustada. Esta é unha pequena ollada cara atrás para poñer en contexto á COVID-19. Comparada con outras, esta pandemia queda na última da fila en letalidade pero os nosos estándares sanitarios fan inaceptables mortes que hoxe son máis evitables ca nunca.

SARAMPELO. A tremenda mortalidade que ocasionou na Península Ibérica foi recollida polos historiadores Polibio e Estrabón, sorprendidos pola rapidez con que medraba. Provocou a desaparición de pobos enteiros nas rexións Vacceas xentes prerromanas asentadas na conca do Doiro– e nas Íberas. Cando regresaron as tropas romanas da expedición contra o Imperio seléucida entre os anos 165 e 180 dC desatouse outra vez a chamada Peste Antonina, e nove anos máis tarde aniquilaría a boa parte dos lexionarios.

Novo Mundo enfrontouse entre 1530 e 1531 ao sarampelo importado polos españois que acabou –en moita maior medida que as armas– con miles de vidas, sobre todo de nenos, nos que resulta especialmente cruel. En 1954 John F. Enders e Thomas C. Peebles illaron por fin o virus en Boston e só sete anos despois comezaría a vacinación masiva coa tripla vírica que se pon a nenos de doce meses cunha segunda dose aos tres anos. Aínda hoxe non está erradicado: Galicia viviu hai poucas semanas un brote tras o contaxio dunha nena de orixe romanesa que estaba de paso por Pontevedra.

PESTE NEGRA (S. XIV)A máis coñecida popularmente porque arrasou durante parte da Baixa Idade Media a Europa e Asia. Nos cinco anos da primeira epidemia en Europa occidental (1347-1351), calcúlase que deixou 24 millóns de mortos, nalgunhas rexións de Alemaña ata o 50% dos seus habitantes.

Fixo moito dano tamén a unha España que vivía guerras sucesorias no reino de Castela e os inicios da decadencia económica no de Aragón, provocando as iras populares en formas de pogromos contra as xuderías. A enfermidade, que penetrou por Cataluña, chegou a Baiona a comezos de 1348 aniquilando a un terzo da poboación atacada pola bacteria Yersinia Pestisalbergada no corpo das pulgas nos corpos das ratas en barcos que recalaban nas nosas costas. Algúns historiadores din que esta época marcou un punto de inflexión no desenvolvemento económico europeo. A enfermidade, segue activa en zonas rurais do sureste asiático transmitida, como antes, por piollos e pulgas.

PESTE NEGRA (S. XVI- XVII). Un segundo rebrote, por se o primeiro fora pouco. En España fixo presenza en 1557 outra vez nas costa catalás, abertas ao Mediterráneo, estendéndose por Aragón e Castela, á que se engadiu o tifus exantemático, tabardillo e as malas colleitas. Todo á vez. Mateo Alemán citouna no Guzmán de Alfarache: “Líbreche Deus da enfermidade que baixa de Castela e da fame que sobe de Andalucía”.

As habituais escasas condicións hixiénicas provocaron que a peste que viaxaba con mercantes e peregrinos propagásese pola Galicia urbana e rural. En 1566 Santiago sufriu moitísimo. Tamén Pontevedra e A Coruña. Un documento no Arquivo de Galicia de 1569 recolle o estado ruinoso da economía pola enfermidade, como recollemos no texto destacado.

FEBRE AMARELA. En 1741 chegaría a Cádiz desde Cuba o paludismo ou febre amarela causando ata 1805 decenas de miles de mortos no país. Probablemente foi transmitida por primeira vez aos humanos en África oriental ou central polos primates e de alí ata África occidental, saltando a América polo tráfico de escravos. Os africanos desenvolveran certa inmunidade a apenas tiñan síntomas de gripe, pero cando golpeaba a europeos e indíxenas americanos a maioría morría.

En España o pico máis virulento deuse na Barcelona de 1821, morreu un 10 % da poboación. Pero onde se asañaría sería en Cuba: ao longo do século XIX levou por diante a máis de 100.000 criollos e peninsulares. México, Uruguai e Brasil tamén a sufriron. En 1901 a enfermidade foi case erradicada no mundo e en poucos anos volveuse rara. Hoxe a OMS estima que mata a 30.000 persoas ao ano pero só en poboacións non-vacinadas. A última epidemia foi en 2016 en Angola e Congo, deixou 400 mortos.

VARÍOLA. Desde o neolítico hai constancia dela, e ten a dubidosa honra de estar á cabeza da lista de pandemias que máis mortalidade causou: preto de 300 millóns de persoas. O período de colonización española en América foi probablemente o máis virulento pero os portadores non eran conscientes de que se contaxiaba polos fluídos corporais e o contacto directo. Durante un tempo a supervivencia non chegaba a superar o 30 % e, quen sobrevivía, quedaba desfigurado.

O médico alacantino Francisco Xavier Balmis, centrou a súa vida profesional a superar a este horror conseguindo levar a vacina a todos os recunchos do Imperio Español co apoio de Carlos IV que sufragou, tras perder a unha filla, a expedición sanitaria que partiu da Coruña. A primeira internacional da historia da cal, o descubridor da vacina das vexigas, Edward Jenner, escribiu: “Non podo imaxinar que nos anais da Historia proporciónese un exemplo de filantropía máis nobre”. A varíola considérase erradicada desde 1980.

CÓLERA. Tras o primeiro brote de 1817 en India chegaría en 1833 ao porto de Vigo e case simultaneamente a Andalucía. O primeiro afectado chamábase Francisco Conde, un veciño próximo ao Arsenal vigués. En novembro de 1853 o cólera chegou de novo co vapor Isabel a Católica, enfermos e tripulación pasaron a corentena no lazareto da illa de San Simón, pero a enfermidade propagouse e a súa agresividade foi aumentando. Na Coruña provocaría ata 300 mortos por día.

A España do XIX sufriu catro epidemias deste mal que propágase a través da auga contaminada. Nas grandes cidades morreron 800.000 persoas coadxuvando á recesión económica. O terror que causaba fixo que o brote de 1865 baleirase Madrid deixando negocios abandonados. O lado positivo: os cambios na sanidade e a hixiene, comezaron a limparse con máis frecuencia as rúas e renováronse os saneamento de augas, nace Canle de Isabel II. En 1884 Robert Koch descubriu a orixe dunha enfermidade bacteriana que provoca diarrea e deshidratación e pode ser mortal en horas. O tratamento da auga eliminouna, persiste en zonas empobrecida pero trátase facilmente cunha barata solución de rehidratación.

TUBERCULOSE. É unha das primeiras enfermidades humanas das que se ten constancia, atopáronse momias exipcias do 3.000 a.C afectadas polo bacilo de Koch, pero está moi vinculada coas condicións de vida dos obreiros nas novas cidades fabrís do XIX. A peste brancaafectáballes moito, pero non só. 

A gran epidemia de tuberculose en Europa comezou no XVII e continuou 200 anos ata chegar a súa máxima intensidade no XIX cos desprazamentos masivos de campesiños cara ás cidades, amontoados en fábricas e casas de escasa salubridade. O romanticismo exaltou un cuestionable lado etéreo cando mozas e mozos de boa familia coincidían nas casas de curación. A xornalista e historiadora coruñesa Natalia Monxe, no seu libro Mala Colleita, recolle un suceso xulgado naqueles días en Agolada: un neno de ano e medio fora asasinado para sacarlle o sangue e que a bebese un rapaz de quince anos enfermo deste mal dos pulmóns. Cada ano morren case 3 millóns de persoas por ela, coa SIDA a incidencia subiu malia que a tempo, ten tratamento. 

GRIPE ESPAÑOLA. O peor deste virus de equívoco nome é que se asañaba con nenos, adolescentes e adultos novos. Esta gripe pandémica acabou coa vida de case 50 millóns de seres humanos entre 1918 e 1920. Moitos estudos sitúan os primeiros casos na base militar de Fort Riley (EE. UU.) o 4 de marzo de 1918. Tras chegar a Europa a gripe recala en España, país neutral na I Guerra Mundial que non censurou informes, o que provocou que se coñecese como Gripe Española. Unha pneumonía bacteriana que chegaba con febre, dor de oídos, diarreas e vómitos.

Morreron 300.000 españois. No outono de 1918 en Vigo foron máis de 600. Na Coruña, 569 e en Lugo 400. O gobernador civil de Pontevedra, Xavier Cabelo, non perdeu un minuto: limpeza e desinfección de rúas, prazas e locais públicos, prohibición de vertedura de augas negras nos patios; e cafés, tabernas e igrexas eran aseadas con serrín humedecido con antiséptico. Prohibíronse espectáculos e bailes. En Vigo existía psicose en xuño e en setembro xa había 53 persoas hospitalizadas colapsando os cemiterios no outono. Pero no verán de 1920 o virus desapareceu tal e como chegara.

(Extracto da reportaxe publicada no número 347 – abril 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)