Publicidade

ragc.gal_premios_transferencia_gal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Pandemia económica



GONZALO FERNáNDEZ · PUBLICADO O 28 DE ABRIL DE 2020 · (0)




Aínda que o peor efecto que o coronavirus está a provocar no mundo está sen dúbida na saúide da humanidade, con máis de 2,5 millóns de persoas infectadas e maís de 170.000 falecidas, o seu impacto na economía tamén está a ser dramático segundo o cualifican diversos estudos de entidades internacionais e nacionais. E ao igual que poucas economías escaparon á crise económica iniciada en 2008, a da COVID-19 vai manifestarse tamén a nivel global, o que fará máis difícil a súa recuperación. Non obstante, os informes publicados apuntan á esperanza, xa que tras unha forte recesión unha caída do 8 % no PIB español segundo o FMI virá unha pronta recuperación, cun incremento que xa a finais de 2021 podería acadar o 4,3 %. Con todo, España perderá en pouco tempo todo o recuperado no lustro post-crise e queda por ver a eficiencia das medidas que se tomen.

Dos “felices anos 20” cos que hai uns meses representantes da sociedade civil galega saudaban en ECO a entrada nunha nova década ao lúgubre futuro que moitos estudos están a augurar só media unha razón: un pequeniño inimigo, chamado coronavirus, que pechou á poboación na súa casa paralizando unha actividade que viña de recuperarse dunha longa crise. E é que, segundo as previsións do Foro Económico de Galicia, presentadas o pasado 8 de abril, a economía galega podería contraerse entre un 5,6 % e un 7,4 % debido ao confinamento, unha caída moi similar á do 8 % que o Fondo Monetario Internacional (FMI) augurou unha semana despois para a española.

Segundo o Foro Económico, organización que se define como unha plataforma de transferencia de coñecemento en materia económica dende as empresas e universidades galegas á sociedade e aos espazos de decisión pública, que integra a profesores e investigadores, empresarios e directivos representativos dos diferentes sectores e áreas de Galicia, as primeiras seis semanas de confinamento polo estado de alarma do 15 de marzo ao 26 de abril suporán unha cda aproximada dun 5,6 % do PIB galego, o que significa unha perda duns 3.500 millóns de euros. Non obstante, xa o 8 de abril, día no que presentou a primeira entrega do seu “Informe de conxuntura socioeconómica. Impacto do confinamento provocado pola COVID-19 na economía galega”, xa advertía de que no caso de que o encerro se ampliase ás oito semanas, como así anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e rematase a mediados de maio, a perda podería chegar ao 7,4 % do PIB, o que equivale a uns 4.600 millóns de euros.

A pesar diso e debuxando un escenario optimista, os autores do informe, Fernando González LaxeJosé Francisco Armesto PinaPatricio Sánchez Fernández e Santiago Lago Peñassinalan que as estimacións do foro apuntan á posibilidade de que as perdas poidan xerar un “efecto rebote” por embalsamento de decisións de gasto nos próximos meses, sempre e cando a crise se resolva pronto e con éxito, co descubrimento de tratamentos eficaces ata que se poida dispoñer dunha vacina contra o coronavirus.

Distorsión

Este sería, segundo definen estes expertos, o escenario da xa coñecida e ansiada “curva” en forma de V, unha posibilidade que, non obstante, non é a única, xa que a persistencia das medidas de control nos próximos meses e as restricións á mobilidade poden xerar unha distorsión aínda maior na actividade económica. Así as cousas, estes economistas advirten de que non é descartable unha segunda vaga da pandemia, o que prorrogaría no tempo o impacto en sectores como o turismo.

En todo caso, o Foro Económico considera que a provocada pola COVID-19 é unha crise “global e simétrica” porque afecta tanto á oferta como á demanda, que provocou unha perda importante de riqueza financeira e tensións na liquidez das familias e empresas. Neste sentido, recomenda estar preparados para asumir unha forte contracción do PIB na primeira parte do ano e facer todo o posible para que a partir do segundo semestre se inicie unha paulatina recuperación da actividade económica. Desta forma, os autores do informe fan fincapé na necesidade de que as medidas que se adopten conten cun amplo apoio arredor dunha proposta integral, cun sólido compromiso social e político, e insisten no papel fundamental da coordinación dos esforzos en todos os niveis institucionais (internacional, nacional e autonómico). Pero para iso, o informe subliña a necesidade de conseguir un liderado forte e desenvolver transparencia nos datos para deseñar as políticas adecuadas, así como unha colaboración estreita entre os axentes implicados, que transmitan confianza ás familias e ás empresas.

Parón

Na presentación do informe, os seus autores tamén apuntaron que a crise do coronavirus afecta á oferta en tanto que a disloca: “os peches paralizan a actividade e os paróns no subministro de bens afectan directamente ás cadeas globais de valor”, sinalaron. Pero ademais advertiron de que o confinamento nos fogares fai que se desplome a demanda de numerosos bens e servizos. Esta paralización da economía tamén produce unha perda abultada de riqueza nas familias e nas empresas, o que lles fai depender dos seus aforros.

Para calcular o impacto no PIB do parón da actividade, os economistas tomaron como referencia que, de media, cada semana se xera o 2 % do PIB anual e engadiron correccións dado que o confinamento non supuxo a paralización total da economía. Así, estableceron dous períodos diferenciados: o primeiro no que estaban operativos os negocios e actividades non esenciais e o segundo no que se ordenou parar todo o non esencial para evitar os contaxios por coronavirus. Ademais, se tivo en conta o descenso da actividade económica en certos sectores durante a Semana Santa.

Sectores

O informe analiza ademais o impacto por sectores tendo en conta os ERTE presentados ata o pasado 1 de abril. Neste capítulo, a hostalaría concentraba o 44 % dos traballadores afectados en Galicia, seguida das actividades artísticas (30 %) e a venda e reparación de vehículos a motor (27 %). Ata esa data, o número total de expedientes de regulación de emprego tramitados en Galicia ascendía a case 29.000, afectando a 142.000 traballadores. Os datos diarios presentaban un forte incremento o venres 20 e o luns 23 de marzo, que se corresponden aos dous primeiros días hábiles tras a publicación no BOE o día 18 do Real Decreto-lei de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19.

Segundo consta no informe, case a metade dos traballadores afectados por estes ERTE eran mulleres, se ben a porcentaxe oscila de maneira significativa en función do sector que se considere. Neste sentido, cómpre mencionar a hostalaría e o comercio, onde o peso relativo das mulleres afectadas por estes expedientes presenta unha porcentaxe superior ao 62 %, ou as englobadas dentro “doutros servizos” e particularmente en “outros servizos persoais”, cun peso superior ao 80 %. Xunto a eles, o emprego feminino afectado supera o 75 % no caso da educación e o 83 % no das actividades sanitarias e de servizos sociais.

FMI

As previsións avanzadas polo Foro Económico de Galicia non difiren moito das que o FMI augurou para España o pasado 14 de abril, deseñando un escenario coa maior caída anual do PIB dende a Guerra Civil e moi preto da rexistrada en 1945 en plena autarquía. Segundo este organismo internacional, que ata hai pouco máis dun mes prevía para este país un crecemento moi similar ao do peche de 2019 na contorna do 2 %a caída a nivel nacional será do 8 %, ao que engade unha forte suba do paro ata o 20,8 %, e todo iso suxeito a que a pandemia remita na segunda metade do ano e a que non haxa unha recaída.

Pero para ver o verdadeiro alcance desta caída, cómpre comparala coa que se produciu no peor ano da crise financeira, 2009, cando o PIB se desplomou un 3,6 %; é dicir, que a ralentización será máis do dobre que a de entón. Así as cousas, o baixón nun so ano pode ser similar ao de todo o lustro da crise (2009-2013), xa que todo iso sumado chega ao 8,5 %. Ademais, cada semana adicional de confinamento supón, segundo o departamento de análise económica do BBVA, unha chantada de oito décimas sobre o PIB.

Estas previsións do FMI sitúan a España no vagón de cola da Unión Europea, xa que o seu desplome só é comparable á de Portugal tamén no 8 % e ao dalgúns países bálticos como Letonia e Lituania, que mesmo superan o 8 %, mentres que para Italia e Grecia as caídas que se prevén serán aínda máis fortes: do 9,1 % e do 10 %, respectivamente. Aínda que tamén se viron afectadas polo coronavirus, as dúas grandes economías da zona euro Francia e Alemaña sufrirán caídas algo menores: do 7,2 % no primeiro caso e do 7 % no segundo. Pola súa banda, a baixada estimada para o conxunto da UE é do 7,5 %.

Crise curta

Tras coñecerse as previsión do FMI, o Ministerio de Economía emitiu un comunicado no que recoñecía a “intensa caída da actividade en 2020” que anticipaba o organismo internacional, considerándoa “coherente coas fortes medidas de contención adoptadas polo Goberno para frear a extensión da pandemia”. Así mesmo, destacaba o repunte que o fondo prevía a partir do cuarto trimestre, o que significará “unha recuperación importante a partir de 2021” e confirma que se estaría a falar dunha “crise intensa, pero de duración acotada”. Ademais, sinalaba que o FMI sitúa a España “entre os países destacados pola súa resposta fiscal forte” e entre os que “introduciron medidas destinadas a colectivos vulnerables como transferencias de rendas, aprazamentos de impostos ou suspensións do pago de débedas”. Non obstante, o fondo advirte de que as medidas adoptadas polo executivo español “terán que ser escaladas se os paros na actividade económica son persistentes ou se a aceleración unha vez se levanten as restricións é demasiado débil”.

Respecto á recuperación, as previsións do Fondo Monetario Internacional apuntan a que será relativamente forte cun crecemento da economía en 2021 do 4,3 % grazas ao regreso do consumo que, tras unha caída de entre un 30 % e un 40 % durante o confinamento, segundo os cálculos dalgúns analistas, repuntará. Deste modo, o medre hispano estará na liña dos que experimentarán outros países da nosa contorna como Italia que, pese a sufrir unha caída maior este ano, crecerá con máis forza en 2021: un 4,8 % segundo as previsións. Pola súa banda, Portugal e Grecia medrarán un 5 % e un 5,1 %, respectivamente, e Francia e Alemaña repuntarán a un ritmo tamén maior: un 4,5 % e un 5,2 %, respectivamente.

Paro

Xunto á forte caída da economía española, a proxección do FMI tamén incide no pronunciado incremento do paro que acompañará a este afundimento da actividade. Pese ás medidas de conxelamento da economía, ás axudas a empresas para evitar as crebas e os plans para privilexiar os ERTE sobre os despedimentos, tras seis anos consecutivos á baixa ata situarse no 14 % ao peche de 2019, as previsións reflicten que o desemprego podería rozar este ano o 21 %, unha taxa que está lonxe do 26 % acadado en 2013, pero representa a cuarta vez que neste período democrático se sobrepasa o umbral do 20 %. Non obstante, se prevé que baixe ao 17,5 % a finais do ano que vén, sempre que a economía xa estea recuperada do confinamento e o turismo estea xa a pleno rendemento.

Outra advertencia que fai o Fondo Monetario Internacional cara España é a relativa ao déficit que, segundo calcula, se disparará ao 9,5 % do PIB, cunha débeda pública que chegará ao 113 % este ano. Desta forma, o FMI prevé que as medidas de contención fiscal levadas a cabo polo executivo español non poderán manterse pola necesidade de contar con novos recursos para facer fronte aos estragos que a COVID-19 está a provocar neste país, e augura que o custo fiscal se disparará ata os 3,3 billóns de dólaresE é que ao gasto dos incentivos para minimizar o dano do desemprego e soster os mercados hai que engadir o custo que suporá o parón da actividade económica, que significará menor racadación fiscal.

Neste sentido, o FMI prevé para España un déficit do 9,5 % este ano, fronte ao 2,6 % que se rexistrou en 2019, mentres que a débeda pública se disparará ata o 113 % do PIB, o que supera amplamente o 95 % do pasado exercicio. Xa para 2021, o prognóstico para o déficit baixa ao 6,7 %, pero a débeda pública acadará o 115 %. Son cifras que están moi por riba da media europea, que pechará o ano cunha débeda do 97 %.

Isto significa que en só un ano o coronavirus se levará por diante todo o axuste fiscal e o desendebedamento polo que se esforzou España na última década, ata o punto de que o déficit volverá case aos niveis de 2012; é dicir, só a un punto daquel 10,5 % de entón, pero cunha débeda que non se tiña visto ata agora.

(Extracto do A Fondo publicado no número 347 – abril 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)