Publicidade

R xullo 2020


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Teño a fortuna de contar cun equipo capaz de adaptarse con entusiasmo; o ERTE nunca estivo na nosa cabeza, ao contrario, a idea é crecer”



POR ESTHER GARRIDO CON FOTOGRAFíAS DE MIGUEL MUñIZ · PUBLICADO O 26 DE XUñO DE 2020 · (0)




Non tiña pensado Cristina Segade, directora xeral de C.M. Galanas, acabar á fronte da empresa que nacera coma obradoiro de soldadura fundada polo pai 30 anos atrás. Malia estudar Dereito e Dirección de Empresas e facer un Máster en Dirección Económico-Financeira comezou traballando fóra de España, pero circunstancias da vida trouxérona de volta á casa e agora lidera C.M. Galanas. Nesta nave situada en Teo deseñan, fabrican e montan carpintería metálica especializada en construción, malia que saben diversificar. E moi rápido. Os seus carriños móbiles de desinfección nados nas urxencias da pandemia son un éxito.

Colliches hai cinco anos as rendas desta empresa polo teu pai. Contabas con seguir con este proxecto ou che empuxaron as circunstancias? Porque antes traballaches noutras compañías….

Efectivamente, aínda que a miña formación en dereito e empresas podería facer presupoñer que o enfoque era vir traballar a Galanas nada máis afastado da realidade. Traballar na empresa familiar nunca foi a miña idea. De feito estiven fóra de España en sectores moi diferentes, como o tecnolóxico, pero circunstancias persoais fixéronme vir. A idea era que fose algo temporal pero xa levo aquí cinco anos e orgullosa de poder continuar co negocio familiar.

Cales foron as principais decisións que tomaches, as reformas que coidaches necesarias para buscar viabilidade?

As reformas pasaron por tres vías importantes. A nivel financeiro reestruturouse a empresa para consolidala máis no tempo e facela máis sólida. En planta fixéronse modificacións no lay out da empresa, investiuse en novas máquinas para axilizar en procesos. E no relativo a formación dos traballadores tanto en oficina como en planta é unha parte esencial dos obxectivos anuais, tanto en coñecementos como en prevención de riscos laborais. Téntase que estean ao día, tanto os que levan moitos anos como os máis novos. É importante crear un clima no que todos poidan achegar e uns aprendan dos outros.

Chama a atención a rapidez coa que vos adaptastes ás novas necesidades ante o virus. Canto tardastes en deseñar e comezar a producir o primeiro PMDI, o carriño de desinfección?

O 29 de marzo tivemos que parar a actividade pola crise sanitaria e estivemos dúas semanas sen poder traballar en fábrica. Todos os traballos que naquel momento estaban en fabricación quedaron paralizados e non retomamos a actividade ata o día 13 de abril, cando volveu na industria e a construción. Con todo, durante este tempo o equipo de técnicos de Galanas non parou e continuamos realizando deseños, planos de fabricación e orzamentos. Din que de toda crise sae unha oportunidade e por experiencia sabiamos que a necesidade da hixienización de clientes e traballadores estaba aí. Vimos a dificultade que había no mercado por atopar un produto deste tipo e quixemos poñer o noso gran de area. Levabamos xa un mes na empresa traballando con máscaras e utilizando xel hidroalcohólico que colocamos en varios puntos da empresa e nese momento, xurdiu a idea de facer algo diferente, que englobase nun só elemento todo o necesario para a desinfección persoal: recipiente para xel hidroalcohólico, papel, soporte para luvas, papeleira… Foi entón cando saíu ao mercado o primeiro PMDI industrial. Démolo a coñecer a través de Facebook e enviando mails a clientes e provedores. E o día 13, o mesmo día da reapertura, entrounos un primeiro pedido de 9 unidades.

Tedes agora case dez referencias e diferentes versións para retail, sector industrial e comercial… a quen vendes máis?

O deseño dos modelos veu precisamente por empezar a recibir peticións de diferentes sectores. Fomos adaptándoo á demanda do mercado, en función das necesidades.  Primeiro enfocámonos no sector industrial porque eran clientes consolidados e de aí saltamos ao sector da alimentación, o sanitario, o retail O primeiro foi máis destinado a industria, precisamente porque era o que nós coñeciamos a nivel interno, o que nós necesitabamos nese momento para poder seguir traballando de forma segura e cómoda.E posteriormente veu o modelo alimentario, o sanitario, os destinados a restaurantes e comercios…

Que achegan, que teñen de diferente?

O valor diferencial e, sen dúbida a calidade e a variedade de modelosTemos en función do tipo de establecemento ao que vaia. Algúns teñen soporte de papel, de luvas, de calzas, de máscaras, outros son accionados por pedal, con dosificadores manuais ou automáticos, en ferro ou en aceiro inoxidable..Diría que é case imposible non atopar no noso catálogo o modelo que se precisa […]

Terán saída despois da crise da COVID-19?

Cremos que si e xa temos pensadas solucións para a súa adaptación, aínda que hai modelos que o non o necesitan para seguir sendo funcionais. Tamén estamos a notar como desde principios de xuño a economía remonta e xa se ve como a actividade nos nosos sectores habituais, construción e industria, volve aos poucos á normalidade. Pero non queremos abandonar esta liña de negocio que iniciamos e estamos a sacar unha nova gama de produto final enfocada a mellorar as casas e darlles prestacións adicionais. Non abandonaremos tampouco o retail e a canle horeca, onde tamén ampliaremos a oferta […]

A demanda levouvos á creación dunha tenda online. Non contabades antes con ela?

Como carpintería metálica sempre traballamos baixo pedido, en ocasións mesmo conxuntamente no deseño da estrutura cunha fabricación exclusiva para o pedido concreto do cliente. Así que antes de toda esta experiencia unha tenda online non tería sentido, xa que non fabricabamos produto final. Pero agora que temos creada a plataforma a idea é seguir sacando novos deseños para diferentes sectores nos que vender online.

Que decisións tomastes nestes tres meses pasados? Houbo ERTE?

En realidade a única decisión foi apostar polo deseño dos puntos móbiles de desinfección. Vimos o nicho de mercado e lanzámonos desde o principio da crise sanitaria. Precisamente ser áxiles deunos a capacidade de posicionarnos en bo lugar fronte a outros competidores que entraron máis tarde. Teño a fortuna de contar cun grande equipo, capaz de adaptarse e facelo ademais con entusiasmo por iso o ERTE nunca estivo na nosa cabeza, todo o contrario: a idea sempre é crecer. A preocupación foi seguir traballando da forma máis segura para todo o persoal tomando as medidas de hixiene en planta e co teletraballo en oficina.

Cante sodes agora no equipo e que perfís profesionais traballades?

Somos 48 persoas traballando entre soldadores MIG e TIG, operarios de plegadora e máquina de corte láser, pintores e postos auxiliares como responsables de almacén e control de produción. Formados no ciclo de soldadura e caldeiraría ou construcións metálicas. En canto á oficina técnica da empresa está formada por 11 profesionais de enxeñería, arquitectura técnica e delineación. Tamén contamos cun responsable de calidade e postos administrativos e de atención ao publico e, debido á fabricación dos PMDI, para dar un bo soporte incorporamos unha responsable de vendas e atención ao cliente e outro responsable de produción.

Estades especializados en soldadura, corte, acabados e ensamblaxes de estruturas metálicas. O voso traballo loce en moitos espazos arquitectónicos. Como vedes o horizonte neste campo no que queda de ano?

Nos últimos anos conseguimos importantes clientes que confían en nós así que a nosa intención é seguir realizando obras cada vez de maior envergadura. Tamén contamos con seguir facendo crecer a tenda online e ofrecendo novos produtos. Ademais cremos que o ano Xacobeo pode ser unha gran oportunidade para nós. O meu pai deseñou hai varios anos a cuncha de peregrino fabricada en bronce que se pode ver incrustada no chan ao longo do camiño unha vez que se entrou en Galicia. A nosa idea é poder ofrecer este e outros produtos aos peregrinos e visitantes que veñan á cidade e, como bos santiagueses, este proxecto fainos especial ilusión.

E xa para rematar, como resumirías este lustro á fronte da empresa?

Sen dúbida de moitísima aprendizaxe. Por unha banda do sector: coñecer procesos, acabados, materiais, posibilidades construtivas, todo foi novo para minPero seguramente a maior aprendizaxe -e creo que nunca acaba- é a persoal, conectar coa xente coa que traballo, tanto cos compañeiros como con clientes e provedores. Neste tempo decateime da gran importancia das relacións persoais nos negocios.

(Extracto da entrevista publicada no número 349 –xuño 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)