Publicidade

Noite da enxeñaría en informática de Galicia


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Quen vote polo PP o 12 de xullo sabe quen será o presidente e que programa aplicará”



POR TERESA ROCAMONDE CON FOTOGRAFÍAS DE MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 02 DE XULLO DE 2020 · (0)




Ourense Futuro, Marca Ourense, Ourense Destino Seguro, Ourense Destino Turístico Intelixente… apenas pasa un minuto sen que Manuel Baltar se lle encha a boca co nome da súa provincia, esa que goberna desde hai xa oito anos e que asegura centrar todas as súas preocupacións e aspiracións. A crise da COVID pasou factura pero o presidente asegura que menor a doutros territorios e que a recuperación serán tamén máis rápida. Para falar de todo isto cítanos no Balneario de Arnoia, toda unha declaración de intencións.

Parece obrigado comezar preguntando como viviu esta pandemia, tanto desde o punto de vista persoal como político?

Desde o punto de vista persoal afortunadamente ben, a familia e a contorna ben, e profesionalmente pois poñendo todo da nosa parte paliar os prexuízos desta situación desde o minuto un. Puxemos en marcha iniciativas que lideraron a innovación nos gobernos provinciais de España, cousa que coñezo ben por estar na Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias e por presidir Partenalia, que é a asociación europea de gobernos provinciais. Nós, desde o principio, puxemos en marcha o Comité do Día Despois. Agora fálase moito de comités de reactivación económica, pois nós témolo en marcha desde o principio da man dos empresarios, dos autónomos, de Sogarpo, de Abanca, das mulleres empresarias, da asociación de polígonos empresariais etc. con reunión semanais que serven para ter aprobado xa en abril unha modificación de crédito que fai que esteamos ante a Deputación máis social de toda a historia.

Que medidas puxeron en marcha durante esas primeiras semanas do estado de alarma?

Entre as primeiras medidas que adoptamos foi unha liña de axudas aos Concellos para implementar plans de empregabilidade, porque o emprego é unha das maiores preocupacións para todos os concellos da provincia. Tamén puxemos en marcha axudas directas a autónomos que xa se están cobrando e probablemente cando se publique esta entrevista xa estarán rematados os milleiros os expedientes e cobradas todas as axudas que tanto se precisan. E tamén axudas a pequenas e medianas empresas e a traballadores sometidos a ERTE, reforzo do servizo de teleasistencia, programas novos como 'comerciOU' que tratan de fomentar o comercio de proximidade… en definitiva, unha serie destinadas a paliar as graves consecuencias da situación xerada pola pandemia.

O Comité do Día Despois vai dar paso á comisión Ourense Futuro. Que é e para que servirá?

A Comisión Ourense Futuro vai darlle protagonismo á sociedade ourensá. Toda aquela persoa que queira aportar algo para axudar na reactivación económica da provincia poderá intervir e facelo de forma totalmente transparente –porque hai que recordar que somos líderes en transparencia e participación veciñal nos gobernos provinciais de España– senón tamén de forma planificada e coordinada con todos os axentes que desexen participar no deseño desa planificación futura. Cremos que a planificación é unha materia obrigada para calquera administración pública e nós demostrámolo cada día. Fomos de novo a primeira administración pública de España en aprobar os orzamentos, o 25 de setembro. Ningún outro goberno o fixo, nin local, nin provincial, nin autonómico, nin o Estado, que segue cos orzamentos de Rajoy e Montoro. Para nós a planificación e a anticipación son clave e teño que dicir que isto é posible tamén grazas ao excelente traballo que fan os empregados públicos da Deputación de Ourense.

Pero non sempre é posible planificar, e así o vén de demostrar esta pandemia. Non vai a afectar o sucedido aos plans de traballo da Deputación de Ourense?

Nós fomos ás eleccións cun plan de goberno, o Plan 7273 –porque a provincia ten 7273 km2– cunha serie de accións que inclúen o día e case a hora en que van ser realidade, e iso non sofre ningún cambio. Imos seguir coa planificación e ademais poderá comprobarse publicamente. Pero, evidentemente, a ese plan vanse sumando outras accións necesarias en cada momento, e aí é onde entran, por exemplo esas das que xa falei como as axudas a autónomos que, por certo, se poden levar a acabo grazas á boa situación económica da Deputación de Ourense, que ten débeda cero e que ten capacidade para solventar calquera situación. Neste novo contexto no que estamos eu destacaría varias cuestións que van a resultar claves. Unha delas é o Centro Galego da Innovación na FP, unha aposta pola innovación, a creatividade e o talento entre o alumnado e profesorado de Formación Profesional e que vai favorecer a incorporación de novas tecnoloxías e o desenvolvemento industrial de Ourense ao permitirlle ao noso empresariado contar cun capital humano altamente cualificado.

Outra cuestión clave é termos conseguido a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco, un tema polo que levo loitando desde o ano 2013 porque considero que é esencial para preservar a historia, a natureza e a cultura deste territorio único en Europa.

E despois hai varios proxectos con cargo a fondos europeos que cobran agora máis relevancia se cabe, como son 'EmpredOU', deseñado para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico ao que se enfronta toda Europa. E despois temos 'Ourense, destino turístico intelixente', un novidoso sistema que permitirá mostrar os recursos turísticos da provincia coa tecnoloxía máis vangardista aplicada ao ocio, cultura, termalismo, natureza ou gastronomía. Inclúe realidade virtual e realidade aumentada, experiencias inmersivas 360º e estamos convencidos de que vai a dar moito xogo ao sector cultural e turístico da provincia. Ao igual que o proxecto 'Raia Termal' que vai permitir crear unha rede de cooperación entre Ourense e o Norte de Portugal para potenciar a riqueza termal desta contorna transfronteiriza. Son exemplos de planificacións anteriores á crise que non só non quedan obsoletas senón que cobran maior importancia neste novo escenario.

Como foi a relación co goberno central nestes estado de alarma?

Moi mellorable. Por parte da subdelegación do gobernos recibín dúas chamadas, unha o primeiro día para anunciar o estado de alarma e outra por unha cuestión que nada tiña que ver coa pandemia. Iso xa dá unha idea de como foi a coordinación. E así llo fixen saber ao presidente Sánchez na videoconferencia na que participei como membro da FEMP, na que pedín máis axudas e menos propaganda, que é o sentir xeral da poboación. Tamén tivemos outras videoconferencias con algúns ministros e a conclusión igual de decepcionante. Eu quedei realmente asustado porque foi pouco máis ca un saúdo pero ningunha directriz, ningunha medida… Cando se fala dun traballo en sintonía coa autoridades locais é mentira. Nós actuamos conforme aos nosos propios protocolos porque o Goberno central non aportou absolutamente nada.

Como viviron isto as administracións locais?

Con moitísima preocupación e así o entendemos desde o primeiro momento, por iso fomos a primeira administración de Galicia en mercar material sanitario que puxemos a disposición da Xunta no posto de mando avanzado que constituíu en cada provincia para repartir entre os Concellos. Iso é coordinación e lealdade, dúas cousas que non houbo por parte do Estado. E o que pido agora é que non se nos quite a liquidez froito do remanente de tesourería que teñen as entidades locais porque preténdese que outras administracións utilicen esa liquidez en vez de investilas no territorio que foi capaz de xeralas. E outra loita na que estamos agora mesmo é tamén a da xestión do ingreso mínimo vital que debe ser planificada e contar cun fondo específico para non caer nesta trapallada na que derivou o suposto mando único e que foi un desastre. 

Os últimos datos do Observatorio Económico Ourensán constatan unha reactivación no sentido de que se frea o desemprego e a caída de afiliacións. Estamos xa na senda da recuperación?

Antes de nada teño que dicir que estou moi contento de contar con esa ferramenta coa que non conta ninguén, un departamento específico que fai unha diagnose real da situación económica a nivel provincial, de comarca e ata por concellos. Iso axuda moito a adoptar as mellores decisións en cada momento e foi especialmente relevante nesta crise na que evidenciou que o sector primario foi básico, que temos unha despensa importante que hai que mimar. Ese medio rural do que tanto se fala foi quen de seguir funcionando nun momento de parálise total e de abastecer os fogares, e hai que seguir mimándoo. Temos un consello asesor que está configurando a Marca Ourense para pór en valor os nosos produtos e hai que seguir traballando por aí porque é un sector que acaba de mandarnos unha mensaxe de optimismo e de futuro.

Non obstante o 70 % dos traballadores están no sector servizos, que é o que máis sufriu. Como se vai reactivar na provincia?

Constituímos un Consello Asesor de Turismo con ducias de operadores –hostalería, restauración, enograstronomía etc.– e o primeiro que fixemos foi pór en marcha, anticipándonos a todos, unha estratexia, Ourense Destino Seguro, que vén dunha empresa ourensá Local Safe, que vai a funcionar a nivel estatal e que apoiamos desde a Deputación. Isto vai reactivar moito o sector e tamén as axudas aos autónomos: hai 4000 comercios na provincia e todos recibiron axudas e material sanitario da Deputación. E reactivamos tamén coa aposta polo termalismo. Eu presido da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa e hai preocupación en todas por como vai a afectar isto, pero nós empezamos xa a actuar. Este establecemento no que estamos vai ser dos primeiros en abrir e farao con protocolo propios porque o Goberno de España aínda non estableceu nada para un sector tan importante como este. Desde a asociación estamos traballando xa en crear un paquete termal atractivo tendo en mente que a auga é vida pero a auga termal é saúde e hoxe o que buscamos é precisamente saúde, relax e tranquilidade. E iso é o que pode ofrecer Ourense, a provincia con maior potencial termal de Europa, só a cidade é superada por Budapest en canto a caudal termal e iso hai que explotalo. O próximo ano faremos unha gran acción termal en Estados Unidos, en Saratoga Springs (Nova York) para facer chegar o atractivos do termalismo europeo a unha economía como a norteamericana, de enorme potencial.

E no eido cultural? Houbo que aprazar o centenario da Xeración Nós…

Si, tivemos que adialo para 2021 pero vaise facer como estaba previsto, en colaboración coa Xunta de Galicia, ao igual que outras colaboracións co Consello da Cultura Galega. Son cousas que houbo que aprazar pero que se van facer.

Estamos ás portas dunhas eleccións galegas que probablemente van ser tamén das máis raras que vivimos. Cre que afectará en algo ao resultado?

Eu penso que se van a desenvolver con absoluta normalidade, sabendo que é seguro votar mantendo as medidas de precaución. E en canto o resultado oscila entre dous modelos: o do certo, o de quen non precisa saber por onde se entra ao despacho e como se xestiona, mesmo nunha pandemia, con total coordinación –aquí viuse a experiencia en sanidade de Feijóo–, e o outro modelo que sería unha ensalada de partidos que xa sabemos como acaba. En Galicia temos a experiencia do bipartito, o goberno máis desastroso da historia da autonomía que agora vemos repicado en España, entre o que queda so socialismo e o comunismo. Quen vote ao PP o 12 de xullo sabe quen será o presidente e que programa aplicará; quen bote o Bloque vai ter un presidente socialista e iso implica facer un novo programa electoral sen a validación das urnas. Creo a opción está clara e os galegos son o bastante intelixentes para ver quen fala en clave de Galicia. O noso partido é o partido de Galicia e ten un candidato que sabe xestionar Galicia e que situou a comunidade nestes anos como exemplo e referencia. O outro é o desastre.

(Entrevista publicada no número 349 –xuño 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)