Publicidade

Noite da enxeñaría en informática de Galicia


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“A estabilidade é un valor importante, especialmente cando hai que afrontar a xestión dunha crise tan dura”



REDACCIÓN ECO CON FOTOGRAFÍAS DE MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 08 DE XULLO DE 2020 · (0)




candidato do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, apenas precisa presentación. Preside o PP desde o ano 2006 e a Xunta de Galicia desde o 2009, polo que, de gañar, este sería o seu cuarto mandato á fronte do Goberno galego. As enquisas din que saíu reforzado da crise da COVID-19 e que logrará a maioría absoluta pero o popular non quere confiarse.

Estamos vivindo un dos momentos máis excepcionais da historia recente e vamos a enfrontarnos a unha das citas electorais máis anómalas. Cre que a situación dos últimos meses vai condicionar o resultado electoral?

Creo que a situación que vivimos foi, e está a ser, extraordinaria e, evidentemente, non vai quedar desligada da cita electoral. Sen dúbida, estará presente na decisión dos cidadáns como se xestionou a crise sanitaria e tamén terán en conta que quen goberne deberá xestionar a difícil situación que temos por diante, tanto no aspecto sanitario como no económico.

En canto á xornada electoral, os galegos deben saber que terán a máxima seguridade para exercer o seu dereito ao voto e tamén para as persoas que estean nas mesas electorais. Galicia conta cun protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada do 12 de xullo aprobado pola Xunta e co visto e prace de saúde pública e do comité clínico, conformado por epidemiólogos, urxenciólogos, preventivistas, ucistas, médicos de familia o persoal de enfermería.

Visto agora, con algo máis de perspectiva, que considera que foi o mellor e o peor da xestión desta crise?

O mellor da xestión desta crise sanitaria foron os cidadáns. Non me cansarei de destacar o comportamento exemplar da cidadanía e agradezo especialmente o esforzo que realizou todo o persoal sanitario e tamén o comité clínico, así como os traballadores dos servizos sociais e todos aqueles que estiveron en servizos esenciais. Grazas a todos eles a situación comezou a mellorar pouco a pouco.

A peor parte da xestión foi, sen dúbida, ir coñecendo as cifras de falecidos. Foron 619 as persoas que marcharon antes de tempo e ás que Galicia nunca esquecerá. No que respecta ao material, a nosa Comunidade tratou de anticiparse sempre. De feito, o 1 de marzo comezamos a mercar respiradores e contratamos os primeiros profesionais dos 1.700 que se incorporaron nesta crise.

Consideran que esta crise deixou en evidencia carencias no ámbito sanitario?

A sanidade pública é un patrimonio colectivo de todos os galegos que sempre ten novas necesidades e, polo tanto, que sempre é susceptible de mellorar. Sempre tratamos de facelo apostando polo investimento neste eido, que se ve reflectido nas infraestruturas sanitarias novas ou renovadas nestes últimos anos. Ese esforzo que iniciamos en plena crise económica foi moi importante para afrontar esta pandemia. O investimento realizado nestes anos mereceu a pena.

Ademais, de cara ao futuro, aprobamos un Plan de reactivación e dinamización de Galicia no que se contempla un investimento en materia de Sanidade de 450 millóns de euros, que permitirá seguir mellorando o noso sistema sanitario. Tamén apostamos por dotalo de máis persoal e por iso pedimos ao Goberno central a eliminación da taxa de reposición nas OPE de Sanidade e de Servizos Sociais para este 2020 e, se non fose suficiente, nas OPE de 2021. É unha petición xusta para as persoas e os colectivos que máis traballaron durante a pandemia para darlles estabilidade.

Parece que no eido sanitario o peor xa pasou pero no económico empezamos a ver as consecuencias da situación. As perdas para sectores clave, como hostalería, comercio, turismo… e noticias como a de Alcoa non aportan tranquilidade. Hai solución para facer viable Alcoa sen depender de axudas multimillonarias que parecen non ter servido para nada?

Ao igual que tratamos de anticiparnos no eido sanitario, tamén o fixemos no económico a través de diversas medidas. Por exemplo, puxemos á disposición de pemes e autónomos unha liña de liquidez de 250 millóns de euros a través de préstamos a catro anos sen intereses; anticipamos a prestación aos traballadores en situación de ERTE cun máximo de dous anticipos de 750 euros mensuais.

Ademais, tomamos decisións encamiñadas a que a propia Administración incentive a actividade económica: ampliamos en 1.800 millóns de euros a liña de tesourería da Administración para axilizar o pago das facturas aos provedores que traballan para a Xunta; reactivamos os contratos de obra pública e aprazamos os impostos autonómicos ata o vindeiro 1 de novembro.

Tamén aprobamos un Plan de Reactivación e Dinamización dotado con 3.043 millóns de euros, que ten como obxectivo traballar para paliar os efectos económicos nos sectores da economía, da industria e dos servizos máis castigados pola crise. Ademais, busca fortalecer os servizos públicos.

Con respecto a Alcoa, é unha empresa economicamente viable pero que precisa de vontade política para seguir adiante. A proposta da Xunta é destinar á modernización de Alcoa parte dos fondos europeos para a industrialización e un préstamo participativo para, deste xeito, garantir a súa produción durante as próximas décadas. Tamén é urxente coñecer o estatuto electrointensivo, que o Goberno central anunciou hai máis dun ano, e que permitiría concretar un prezo eléctrico competitivo para esta factoría, atendendo ás alegacións presentadas por Asturias, Cantabria e Galicia e polo propio comité de empresa.

Alcoa é un chanzo máis na desindustrialización que vive Galicia desde hai décadas. Hai futuro para a industria en Galicia?

A industria galega demostrou a súa tenacidade durante a crise de 2008. Amosou que Galicia conta cun tecido produtivo capaz de adaptarse, apostando por liñas con tanto futuro como a innovación ou a internacionalización. Tamén nesta crise sanitaria apoiamos que empresas galegas reorientasen a súa produción a materiais necesarios para a loita contra a covid-19.

Para o escenario poscovid avaliamos a posta en marcha dos tres primeiros proxectos tractores para reactivar a economía, aos que esperamos que se acaben sumando máis iniciativas do tecido empresarial galego. O primeiro consiste na implantación dun centro para o impulso da economía circular, o segundo está centrado na produción sostible de fibra forestal e o terceiro consistiría na instalación dunha planta de produción de hidróxeno verde. A súa posta en marcha permitirá a creación de case 1.700 empregos directos grazas a un investimento de 1.300 millóns de euros.

Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, o 71 % dos empregos en Galicia están no sector servizos, que en 2018 supuxo nada menos que o 62,3 % do PIB galego e parece que vai ser o máis afectado pola pandemia. Como afrontará a situación desde o Goberno galego?

Apostamos por facer da nosa terra un destino seguro. É unha seguridade que queremos garantir para os que veñen a visitarnos e tamén para os traballadores do sector e o resto dos galegos e galegas. Para logralo, contamos cun plan de reactivación da cultura e o turismo que conta cun investimento de 58 millóns de euros e que foi consensuado co sector. Trátase dunha folla de ruta que presentamos a finais de abril para reinventar o turismo, que é clave na nosa economía.

Este sector pasou de representar pouco máis do 30 % do emprego a comezos dos anos oitenta, ao 71,1 % en 2019. Estamos no modelo económico correcto para Galicia?

O modelo económico de Galicia é ben coñecido desde hai anos: atraer investimento, apoiar a dixitalización e a economía verde e ofrecer facilidades administrativas, baixar impostos e ofrecer estabilidade política. Este modelo está aberto a todos os sectores.

Con respecto do caso concreto do sector turístico, creo que ese incremento nos datos demostra que a marca Galicia, o modelo Galicia Calidade, foi capaz neste tempo de conquistar a máis e máis xente. A nosa paisaxe, a nosa cultura, a nosa gastronomía son atractivos que os galegos xa coñecíamos e que son claves para articular un sector turístico forte e de calidade.

Outra das cuestións que vén de confirmar este estado de alarma é a debilidade do sistema social. Non só polo ocorrido nas residencias de maiores senón polo peche de centros de día e de todo o sistema educativo que deixou as familias –e especificamente as mulleres– ao coidado da familia. Cales son as súas propostas para afrontar estas cuestións?

A nivel social esta pandemia foi e seguirá sendo un reto para as Administracións. Por exemplo, reforzamos os recursos online durante a crise da COVID-19 con iniciativas como poñer 2.750 ordenadores con conexión a internet para o alumnado que tiña máis dificultades para poder seguir estudando desde a casa, de tal xeito que con estes e outros aparatos entregados con anterioridade á pandemia, dotamos de portátiles a máis de 30.000 familias.

Avanzamos tamén o primeiro bloque do plan de recuperación social. Unha das medidas é unha tarxeta moedeiro coa que preto de 30.000 familias sen emprego ou ingresos fixos que aínda non accederon á renda social poderán adquirir produtos de primeira necesidade.

Outras medidas importantes teñen que ver coa conciliación, como o Bono Coidado extraordinario para a infancia, que permitirá ás familias con nenos ata 12 anos que cumpran os requisitos acceder a unha axuda de 500 euros ao mes mentres estean cerrados os centros para a contratación dun servizo a domicilio ou para o pago de excedencias ou redución de xornada. E tamén conxugamos a atención aos maiores coa situación sanitaria, polo que abrirán os centros de día con cita previa para realizar terapias individualizadas e ao longo do mes de xullo irán abrindo aqueles que presentan un protocolo sanitario visado polas autoridades sanitarias.

No ámbito educativo, cales son as principais liñas da súa formación nesta cuestión?

Pois apostamos pola equidade, a inclusión e a excelencia. Galicia ten o sistema educativo máis inclusivo do Estado, con máis do 90 % do alumnado con necesidades específicas escolarizado en centros ordinarios. Tamén apostamos decididamente polos idiomas, no curso 2008-2009 había arredor de 12.500 alumnos beneficiados polas seccións bilingües e no curso 2019-2020 serán arredor de 110.000 alumnos os que se beneficien desta oportunidade. Ademais, segundo os datos PISA 2018, Galicia ten unha educación que ocupa os primeiros postos de España en competencias científicas –o primeiro lugar– e matemáticas –o quinto posto–, e continúa por riba da media de España, da UE e a OCDE.

No eido universitario sempre nos preocupou a equidade. Recentemente confirmamos que o vindeiro curso académico 2020-21 Galicia manterá conxelados os prezos públicos de matrícula universitaria de grao o máster habilitante, que son os necesarios para exercer unha profesión, e reduciremos o prezo de matrícula dos máster non habilitantes para equiparalos aos de grao. Así, Galicia sitúase entre as comunidades autónomas coas taxas máis baratas do Estado.

E no caso da formación profesional apostamos pola FP Dual decididamente. De feito no curso 2008-2009 Galicia non chegaba a 35.000 matriculados en FP e no 2019-2020 ten arredor de 52.000 matriculados. Na miña opinión esta opción educativa medra porque confirmou a súa capacidade de inserción laboral.

Outro grave problema que arrastramos desde hai décadas é o demográfico: a natalidade segue en descenso e a cifra de maiores multiplícase, o que vai obrigar a mudar moitos chanzo do sistema actual. Como pensa afrontar este difícil reto coa situación económica actual?

Sen dúbida é un problema que nos preocupa e nos ocupa, pero que non se pode resolver nun día. Desde a Xunta puxemos en marcha nos últimos anos diversas medidas para axudar á conciliación como as casas niño no rural ou a Tarxeta Benvida. E tamén o apoio ao retorno dos galegos do exterior.

Pero queremos tratar este asunto desde unha perspectiva integral e sentar as bases para que o reto demográfico sexa unha prioridade en todas as políticas da Administración autonómica. De feito, A Xunta deu o paso definitivo para que Galicia conte coa primeira Lei de Impulso Demográfico de España. O Consello da Xunta xa lle deu o visto e prace ao texto e só faltaría a súa aprobación definitiva unha vez se retome a actividade no Parlamento de Galicia. En todo caso, trátase dun reto que as distintas administracións, desde o Estado aos concellos, debemos acometer unidas.

Como cre que afectará ás eleccións galegas a xestión da crise do Goberno central e as supostas diferencias entre as dúas formacións da coalición?

Creo que iso téñeno que valorar os galegos. A valoración real sempre se reflicte nas urnas. Dende logo, a estabilidade é un valor moi importante, especialmente cando hai que afrontar a xestión dunha crise tan dura e tan difícil para os cidadáns, ver enfrontamentos e liortas entre os membros do mesmo Goberno non é nin útil nin edificante.

Cal sería a súa prioridade como presidente na próxima lexislatura?

Sen dúbida a miña prioridade seguirá sendo a saúde de todos, en definitiva, seguir apostando pola prevención na loita contra a COVID-19 para evitar brotes. A seguinte prioridade é a reactivación económica e social para que ninguén quede atrás. E iso significa máis educación e máis coidados ás familias, tanto aos maiores como aos cativos. Galicia tratou sempre de anticiparse na xestión da pandemia sanitaria e agora queremos facer o mesmo coa social e a económica. Xa contamos cunha folla de ruta para facelo: o Plan de reactivación e dinamización de Galicia dotado con 3.043 millóns de euros públicos e privados para reactivar os sectores máis afectados pola pandemia e fortalecer a Sanidade, os Servizos sociais e o sistema educativo.

(Entrevista publicada no número 350 – xullo 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)