Publicidade

Noite da enxeñaría en informática de Galicia


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“A Universidade é da sociedade”



POR TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 31 DE AGOSTO DE 2020 · (0)




O planeta enteiro afronta retos probablemente nunca imaxinados pero arestora, co mes de setembro ás portas, todos os ollos están postos no curso escolar que marca as nosas vidas desde que chegamos a este mundo até cada vez máis entrados na idade adulta. Estudantes, profesorado, familias… miran con preocupación o futuro inmediato. Para coñecer como se viviu e como se afronta na universidade galega este reto falamos co seu reitor, o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario Antonio López.

Que balance fan do ano que vén de rematar?

Un curso difícil porque xestionar a incerteza da crise sanitaria non é doado cando hai unha comunidade universitaria agardando solucións a problemas que se reinventan cada día. Neste contexto gustaríame destacar o esforzo, responsabilidade e comprensión coa que os colectivos que compoñen a comunidade universitaria actuaron durante estes últimos meses, complicados e difíciles para todos.

Cales foron as principais dificultades cando se decreta o estado de alarma?

A produción normativa das autoridades político-sanitarias era confusa en ocasións e inexistente noutras co cal foi complexo xerar un marco estable interno que nos permitise ir dando pasos cara a adecuación da nosa actividade docente, investigadora e de xestión ao contexto volátil e cambiante que atravesamos.

Puxeron en marcha un programa de axuda para acceso a internet de alumnos con problemas. Detectaron unha gran fenda dixital?

Na USC fomos pioneiros na posta en marcha de programas de axuda para o alumnado co obxectivo de facer fronte a unha situación tan excepcional como a que provocou a crise sanitaria que vivimos. Axudas para a conexión, préstamo de material, acordos coa Fegamp e Amtega para o emprego de aulas con conexión á rede e equipos por toda Galicia… Deuse resposta a todas e cada unha das incidencias presentadas.

De cara ao próximo curso non só se manterán os programas de axuda iniciados senón que se implementarán con outras liñas que buscarán dar unha resposta máis ampla aos problemas que o noso alumnado, como reflexo da sociedade galega, poida presentar.

E no ámbito da universidade e do profesorado… Funcionou a docencia dixital?

Somos unha Universidade presencial e, como tal, tivemos que adaptar a nosa actividade docente a un escenario que é novo e circunstancial para nós. Nese sentido, houbo casos nos que a adaptación foi máis sinxela e efectiva mentres que noutros non tanto. Para mellorar este aspecto de cara a un futuro onde poidamos potenciar a presencialidade a través da tecnoloxía e as diferentes ferramentas que se apoian nela, redobramos esforzos na preparación de materiais para que o profesorado poida empregar novos métodos como complemento dos que xa emprega na aula presencial no seu día a día. Temos que seguir actuando tanto na formación no uso das novas ferramentas para os distintos colectivos como no investimento e mellora das infraestruturas e equipamentos.

Como se solventou a avaliación final? Detectáronse problemas para rematar o curso en parte do alumnado?

Unha vez rematado o período de avaliación non podemos destacar grandes problemas ou problemas xeneralizados. O sistema soportou ben o embate da situación excepcional gracias á vontade de profesorado e alumnado que contribuíron, de maneira excepcional, a que o curso 19/20 rematase co menor menoscabo posible para todas as partes. Por dar algúns datos, xestionáronse máis de 150 exames de máis de 125 alumnos. Nestas 125 probas masivas soamente se detectaron dúas incidencias de certa relevancia que, en todo caso, foron solventadas.

Hai unha comisión traballando nun Plan de Actuación de cara ao vindeiro curso 2020-2021. Cales son arestora as previsións para o inicio do próximo curso?

O escenario é cambiante e volátil en canto ao marco normativo que o afecta. As autoridades político-sanitarias están a adaptar, case diariamente, normas e recomendacións para facerlle fronte á crise sanitaria. Na USC decidimos dotarnos de ferramentas que nos permitan reaccionar coa maior urxencia posible aos posibles cambios ou modificacións do escenario sanitario. Con este obxectivo decidimos constituír un Comité para a Seguridade Sanitaria que elaborou as Bases para o Desenvolvemento dunha Docencia Presencial Segura que, posteriormente, foron aprobadas polo Consello de Goberno. Estas bases serviron para que a Comisión para a Planificación Docente, grupo de traballo constituído ad hoc para facerlle fronte ás necesidades de planificación do curso 20/21, elaborase o documento de Directrices para o Desenvolvemento dunha Docencia Presencial Segura que os centros e departamentos empregan como guía para a planificación do curso que comeza en setembro. Con este escenario, a previsión é ter a capacidade de adaptación necesaria para poder desenvolver a nosa actividade en calquera escenario.

Que escenarios contemplan?

Contemplamos tres escenarios que nos permitirán adaptar a actividade ás circunstancias en cada momento garantindo a accesibilidade aos materiais que constitúan a bibliografía básica e á formación de todo o alumnado. O primeiro escenario caracterízase pola convivencia con certas medidas de prevención, de autoprotección da poboación –máscaras, uso de xeles desinfectantes etc.– e restricións a eventos de certa afluencia. Neste escenario tanto a docencia como a realización das prácticas será presencial e recoméndase establecer rotacións curtas nos grupos de prácticas. As titorías poderán realizarse parcialmente de xeito virtual e, con carácter xeral, deberá preverse a avaliación continua, ben como único criterio de avaliación, ben combinada con probas finais –que serán de carácter presencial– e recoméndase que os programas de mobilidade se circunscriban ao segundo cuadrimestre.

No escenario 2 aplicaranse medidas de protección activas, de obrigado cumprimento, como distanciamento, uso de máscaras e medidas organizativas de control de acceso e aforo. A docencia presencial convivirá coa virtual –os centros definirán as fórmulas de convivencia en función de cada titulación–; deberá preverse unha rotación máis curta nos grupos de prácticas, para asegurar a equidade da presencialidade na formación de todo o alumnado; con carácter xeral, deberá preverse a avaliación continua, ben como único criterio de avaliación, ben combinada con probas finais que, se as houber, serán preferentemente de carácter telemático, e recoméndase que os programas de mobilidade se circunscriban ao segundo cuadrimestre, combinando a mobilidade física coa mobilidade virtual, tanto para o alumnado entrante como para o alumnado saínte.

Finalmente, no escenario 3, e en atención ás medidas que dispoñan as autoridades sanitarias, pode producirse un novo confinamento, o peche das instalacións da Universidade e a determinación das funcións esenciais que deberán manterse. Neste caso a docencia será completamente virtual, non haberá probas finais presenciais e só serán posibles as de carácter telemático e o alumnado entrante e saínte que participe en programas de mobilidade seguirá a docencia virtual.

Fala dos programas de mobilidade… ve factible mantelos?

A mobilidade vai estar afectada, de xeito claro e directo, polas limitacións que as autoridades políticas establezan segundo a situación. Na USC adaptarémonos en todo momento ás directrices que se diten neste senso buscando sempre poder acoller a quen participe dos programas de mobilidade garantindo as condicións da estadía en termos sanitarios. Tamén procuraremos asegurar que todo aquel alumnado da USC que queira participar nos programas de mobilidade que manteñan a súa actividade poida facelo en condicións seguras e flexibilizaremos, tal e como o fixemos por mor da COVID-19 no segundo semestre do curso que remata, as condicións dun eventual regreso forzado por condicións imprevistas.

E en que situación están as residencias, comedores, bibliotecas…?

O traballo que se está realizando de cara ao curso 20/21 ten como obxectivo principal o de asegurar as condicións sanitarias en calquera lugar e momento a toda a comunidade universitaria. Debemos partir da seguridade, en termos sanitarios, como premisa para o desenvolvemento da vida universitaria. A USC ofrece unha experiencia vital completa. Somos das universidades que máis prazas de residencias oferta en España, contamos con cafeterías e comedores universitarios, bibliotecas, servizo de cultura, servizo de deportes e instalacións deportivas etc. Este carácter propio da nosa Universidade implica unha clara aposta pola prestación de servizos á comunidade universitaria e, consecuentemente, ten un contrapunto decisivo en termos de xestión xa que hai que ordenar, coordinar e garantir que todos os servizos se presten de acordo coas ordes e recomendacións das autoridades político-sanitarias.

A EBAU deixa máis matriculados e mellores notas. Como vai afectar isto ás universidades galegas e ao alumnado que tenta este ano acceder?

As universidades públicas galegas temos capacidade para dar resposta ao pico de demanda que se poida dar por un aumento puntual no número de solicitantes de praza en estudos universitarios de calquera natureza. Particularmente, neste curso a USC implanta dúas novas titulacións, Bioquímica e Empresa e Tecnoloxía, ambas no Campus de Lugo. Ao mesmo tempo incrementáronse o número de prazas de novo ingreso en outras titulacións. Ben é certo que algunhas cobren as prazas con maior facilidade ca outras pero o aumento previsto non debe causar un estrés relevante no sistema.

A USC está moi ligada ao ámbito sanitario e investigador. Supoño que neste eido foi tamén un ano atípico e convulso. Como o viviu o persoal implicado?

Estamos moi orgullosos de contribuír co persoal mellor formado nas diferentes especialidades do ámbito sanitario. Tanto o noso profesorado e alumnado coma o persoal de investigación deron un paso adiante contribuíndo, de xeito decisivo, á loita contra a pandemia por COVID-19. E dende a Universidade tratamos de dar solución, dentro das dificultades xeradas polo confinamento, para que o persoal investigador puidera continuar desenvolvendo as súas investigacións, moi especialmente no ámbito sanitario.

Cederon material sanitario, comezaron a producir xeles desinfectantes… parece que a Universidade “saíu” do ámbito puramente académico e demostrou o seu potencial real de aporte á sociedade. É un camiño que habería que potenciar ou visibilizar máis?

A Universidade é da sociedade, é a esta a quen lle debemos render contas. Neste sentido, é misión prioritaria da USC poñerse a servizo da sociedade e contribuír, en termos de máximos, co valor engadido que achegamos: o coñecemento. A transferencia do coñecemento á sociedade, a través de diferentes fórmulas, dá sentido á Universidade xa que pon de manifesto o noso obxectivo máis primario.

Están na busca dunha vacina. como vai a investigación da USC nesa “carreira” por atopar unha solución á pandemia?

Na USC faise máis da metade da investigación de Galicia, en termos xerais. Temos a inmensa fortuna de contar con investigadoras e investigadores que lideran, internacionalmente, ámbitos de traballo que neste momento son de vital importancia polo seu traballo na loita contra o coronavirus. Dos 12 proxectos de vacinas que se desenvolven en España financiados polo ministerio 3 estanse a desenvolver dende a USC o que é unha boa mostra dese potencial. Máis ca unha carreira, o que temos entre mans é un momento clave para demostrar, unha vez máis, a necesidade de contar cun tecido investigador capaz, con medios e dotación estrutural non condicionada para poder manter no tempo liñas de investigación e proxectos que, en situacións coma a que vivimos, nos permitan contribuír na proposta de solucións a problemas globais.

A USC volve a figurar nos principais rankings de universidades do mundo. Que importancia teñen este tipo de listaxes?

Os rankings son indicadores de resultados pero non son obxectivos nin medidas absolutas de calidade. Ben é certo que teñen un impacto en termos sociais pero cómpre ter en conta a visión global do que miden para atinar na súa interpretación. As universidades públicas españolas teñen o binomio docencia-investigación no seu ADN, abarcando todas as grandes áreas de coñecemento, pois a principal transferencia da universidade radica nos titulados de grao, máster, doutoramento etc. Pola contra, cada ranking universitario céntrase nuns determinados parámetros e, polo tanto, amosa unha visión parcial da misión global da universidade. O que nos permiten os rankings é facer diagnósticos arredor dos parámetros que miden, non de carácter global.

Pero si axudan a un dos obxectivos que se ten marcado a universidade galega: atraer estudantes de fóra e non centrarse tanto no ámbito 'local'…

A captación de estudantes de fóra do noso ámbito xeográfico está detrás da última reformulación do equipo de goberno e de cambios tamén nas relacións de postos de traballo. A creación dunha vicerreitoría de titulacións e captación internacional responde claramente a ese obxectivo de apostar pola proxección internacional das nosas titulacións con unha orientación clara cara Iberoamérica e naqueles ámbitos de interese estratéxico.

Tras uns anos moi duros, a situación financeira da USC parecía mellorar. Afecta o acontecido? Cal é a situación económica arestora?

A incerteza é un elemento que temos que xestionar neste momento. Ata a aparición da COVID-19 todo parecía indicar que este ano 2020 no que remata o plan de financiamento 2016-2020 podería ser un bo momento para confirmar as melloras necesarias despois de anos duros de axustes. Esta pandemia está impactando tamén na realidade financeira e orzamentaria, e seguramente complicará o escenario. En calquera caso as tres universidades públicas galegas teremos que sentarnos coa Xunta de Galicia para negociar un novo plan de financiamento. Será nese momento cando poidamos debuxar un horizonte en termos financeiros. Sexa cal sexa o escenario o que si temos claro é a aposta polo persoal e, de ser necesarios reaxustes, que non recaian nun capítulo que sufriu xa a anterior crise económica.

Os baixos prezos das matrículas universitarias galegas… é unha medida eficaz ou un debate político?

A hora de financiar os custos do ensino universitario temos dúas grandes alternativas: ou pagan os usuarios a través dos prezos públicos, ou pagamos entre todos cos nosos impostos a través das transferencias que nos emite a Comunidade Autónoma. Cando esta decide manter baixos os prezos públicos favorece o acceso, pero iso debe ir compensado co incremento das transferencias para poder atender os custos. Ao mesmo tempo, debe terse en conta que adicionalmente deben preverse as bolsas e axudas precisas para garantir unha auténtica igualdade de oportunidades.

Considera que ten sentido neste momento apoiar unha universidade privada en Galicia?

A USC mantivo e mantén unha posición moi clara sobre esta cuestión. Entendemos que a oferta das Universidades públicas é suficiente neste momento para atender a demanda da nosa sociedade. A clave para enfocar esta cuestión é se unha universidade privada podería complementar ou mellorar o sistema. E, neste momento, pensamos que o que procede e apostar e mellorar as universidades públicas antes que apostar por unha universidade privada. No caso de que se chegara a crear, preocúpanos máis que a docencia e a investigación que desenvolvan respondan a criterios de calidade precisos que á competencia que puidera xerar.

Cales son os principais retos da USC a medio prazo?

A curto prazo o reto máis importante é garantir a presencialidade segura como elemento clave da docencia universitaria. E no medio prazo temos que seguir cos plans de actuación, tanto de PDI como de PAS para asegurar renovación, estabilidade e tamén a promoción. Tamén resulta estratéxico atopar o financiamento necesario para desenvolver o plan de infraestruturas, tarefa na que estamos xa a traballar logo da aprobación do plan polos órganos de goberno da Universidade. E, por último non podemos esquecer a transformación dixital e a aposta pola sostibilidade como eixos estratéxicos a medio e longo prazo.

(Entrevista publicada no número 351 – agosto 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)