Publicidade

ragc.gal_premios_transferencia_gal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Sen freos e en aumento



AITANA IGLESIAS MÁRQUEZ · PUBLICADO O 24 DE SETEMBRO DE 2020 · (0)




Só en Galicia, máis de medio millón de persoas se atopan en risco de pobreza, abocadas a condicións económicas e de acceso a servizos, como a educación, que as sitúan en desvantaxe.

O paradoxo español: un país rico que ocupa o oitavo posto en índice de miseria. Esta é a realidade dun estado no que o 21,5 % da poboación se atopa en risco de pobreza, o que supón que máis de 10 millóns de persoas viven en fogares cuxa renda total equivalente anual está por debaixo dun umbral financeiro mínimo que lles permita facer fronte ás súas necesidades diarias. A situación é especialmente complicada para o 9,2 %, con 4,29 millóns de españois condenados a unha economía enmarcada na penuria severa, con ingresos que non superan os 492 euros mensuais.

Por rangos de idade, esta circunstancia azouta en maior medida a nenos, adolescentes e adultos novos, sen diferencias entre sexos. O nivel educativo tampouco é un eximente: o 14,6 % de mozos con estudos superiores permanece sumido na pobreza extrema.

Con motivo da pandemia sanitaria internacional que estamos a atravesar, esta tesitura agudízase a pasos axigantados. Tanto, que a riqueza neta dos fogares e empresas españois diminuíu máis dun 6 % no primeiro trimestre do ano, de xeito que a diferenza entre os aforros e as débedas acadou os 1,527 billóns de euros, en comparación cos 1,628 billóns obtidos ao peche do 2019.

Máis de 200 mil persoas en Galicia 

En Galicia, a estampa é similar: máis de 200.000 habitantes sofren as consecuencias da pobreza severa. A conxuntura agrávase tanto como as cifras. Así pois, os datos que se desprenden da Enquisa de Condicións de Vida publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) vaticinan que o risco de miseria atrapa o 20 % da poboación, o que implica que o dereito a unha vida digna de un de cada seis galegos está a cambalear dado o aumento de 1,2 puntos con respecto ao 2018. Rozando a desesperanza, boa parte desas 540.000 persoas son nenos e adolescentes.

Cuns ingresos anuais netos de 11.218 euros per cápita, a taxa Arope amósase aínda máis negativa, ao indicar que o 24,3 % dos residentes na comunidade goza de altas probabilidades de caer na pobreza e na exclusión. Por provincias, Ourense sitúase na cabeza co 16,44 % de habitantes facendo equilibrio na liña que os separa da necesidade.

A inferencia ocupa todas as esferas vitais das familias, convertidas no colectivo diana dunha penuria financeira que inclúe a un de cada cinco menores. O 40,8 % non pode ir de vacacións unha vez a ano e o 26,3 % non sería quen de facer fronte a imprevistos económicos. Máis grave aínda, o 5,7% dos fogares teñen serias dificultades para chegar a fin de mes e ata un 4,9 % se atrasa no pagamento de gastos relacionados co aluguer ou as facturas. A vivenda discrimina: o 28,3 % dos residentes na comunidade habita en domicilios inseguros e o 18,9 % en condicións de insalubridade.

Pobreza herdada

Dende un punto de vista socioeconómico, a pobreza hérdase. Neste ámbito, o estudo do INE recalca que o 34,2 % das persoas adultas que proveñen de fogares cun baixo poder adquisitivo teñen ingresos moi baixos na actualidade e só un 9,4 % moi altos, namentres que en 2011 as cifras eran do 12,1 % e do 30,2 % respectivamente. Así, esta inversión dá conta de como as diferenzas entre as familias afogadas e desafogadas monetariamente se acrecentan ano tras ano.

Paralelamente, o nivel formativo camiña da man da renda. Neste ámbito, a enquisa sinala que, dos adultos que vivían en fogares cunha mala economía, un 26,9 % posúe agora educación primaria ou inferior e tan só un 15,8 % formación superior. Non obstante, no caso de familias acomodadas, a porcentaxe de persoas que acadou estudos superiores chega ata o 56,5 %.

Pobres, malia ter emprego

A obtención dun emprego xa non é garante dunha existencia digna. Deste xeito, o 12,2 % dos traballadores son pobres e o 3,6 % son vítimas da penuria severa. A precariedade laboral semella enraizarse firmemente nun territorio onde 9 de cada 10 novos contratos son temporais e percibir un xornal non é sinónimo de éxito. Ser muller supón tamén un hándicap ao descubrir que o 20 % das familias sustentadas polo sexo feminino atópanse en situación de exclusión.

Por mor da crise causada pola COVID-19, á xa de por si longa listaxe de fogares en desvantaxe económica, engadíronse outros 73.227. As familias que non acadan o 'mileurismo' e as monoparentais continúan a ocupar o podio de maior vulnerabilidade, dificultándoselle ao 64 % destas últimas a cobertura das súas necesidades básicas. A pesares disto, a excepcionalidade afectou en maior medida ás parellas con descendentes, cuxos problemas económicos deron por incrementarse do 49 % previo confinamento ao 58 % na nova normalidade.

Coma ocorrera ao estalido da recesión de 2008, o 37 % dos fogares optou por diminuír os denominados gastos “extra” para plantar cara á redución das ganancias. Se ben a inicios de 2020 un 57 % outorgaba unha importancia capital a actividades de ocio coma asistir ao teatro ou saír a cear, a emerxencia impulsada polo coronavirus ocasionou que, na actualidade, a cifra rolde xa o 19 %, coa conseguinte caída do consumo que avanza cifras coma estas. Un encerro voluntario que semella condenado a máis dunha prórroga.

(Reportaxe publicada no número 352 – setembro 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)