Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“É importante que as medidas que se toman sexan claras e que se argumenten”



POR ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 02 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)




Paula Fernández é directora e psicóloga sanitaria no Gabinete de Psicoloxía e Sexoloxía CAPS Vigo. Experta en psicoterapia, licenciada en psicoloxía orientación clínica e máster en Terapia de Conduta, defende a capacidade de resiliencia e de adaptación ao cambio do ser humano e cre que, en todo caso, esta situación tan estraña e case distópica debería ser temporal.

Pódese aprender a vivir con medo?

 O medo sempre está presente nas nosas vidas, estamos habituados a ter negacións negativas e o medo axúdanos a sobrevivir. Dalgunha maneira forma parte da nosa natureza, do noso instinto de supervivencia, pero é moi importante aprender a manexalo de modo que non nos limite para poder ter unha vida satisfactoria. Temos que buscar accións encamiñadas a vivir con certo benestar.

Que impacto psicolóxico ten vivir con esa incerteza?

É unha situación de moita tensión psicosocial porque o noso cerebro percibe a incerteza como ameaza. Detecta un perigo, que pode ser ou non real, e podemos ter unha reacción fisiolóxica que dificulte facer as actividades do día a día.

Que cadros chegan máis á vosa consulta: hipocondría, secuelas do confinamento ou medo a volver ser encerrados, problemas de depresión derivados da crise…?

Sobre todo notamos ansiedade polo futuro, moitas preocupacións polo que vaia a pasar. Non hai certezas porque estamos aínda no medio da crise e, aínda que anticipemos certas consecuencias económicas, hai moitas dúbidas e falta de información, e as persoas tendemos a necesitar ter algo de control. E temos ese comportamento de rumiar, de darlle voltas á situación con pensamentos negativos. Tamén hai persoas hipocondríacas con maior sensibilidade a calquera signo do corpo. E cando estamos tensos o corpo está activado así que para estas persoas supón que se agraven os cadros de ansiedade.

Percibistes un aumento de comportamentos suicidas?

Aumentaron os cadros de ansiedade e persoas que estaban cunha sintomatoloxía depresiva ou con problemas psicolóxicos de base están nunha situación máis de risco. Evidentemente, se estamos ante unha crise que non é só sanitaria senón que pode ameazar o noso benestar económico e social, pódese poñer en risco a nosa estabilidade mental. Hai que estar alerta e deseñar plans de prevención. En todo caso os datos oficiais de suicidios non se verán ata dentro de dous anos que é cando o INE dáos, pero aumentaron os cadros de ansiedade e de depresión.

Que aconsellades para evitar esta angustia?

Primeiro é importante ter en conta que é normal nesta situación ter medo e incertezas. É normal deixarnos levar polo pánico ao ler ou escoitar noticias sobre coronavirus e brotes. O primeiro a facer é que hai que aceptar as emocións e darse conta que é unha situación que estamos a compartir con outras persoas no mundo. E ser consciente de cal é a resposta que imos asumir e se vai na liña dos nosos valores.

Ata que punto as decisións que tomamos están vinculadas ao noso estado de ánimo?

Sempre que tomamos unha decisión é importante darnos conta baixo o estado emocional estamos porque, por exemplo, cando sentimos medo temos o impulso de loita ou fuxida. Se temos consciencia podemos elixir unha acción ou outra. Por exemplo: elixir levar máscara ou non. Podo ter medo a que persoas enfermen por non levala e ese medo lévame a actuar dunha maneira responsable, aí a emoción está a axudarme a tomar a decisión correcta. Pero noutras ocasións o medo pódeme levar a querer escapar deses pensamentos e non usar a máscara porque me lembra que está presente o virus, e lévame a tomar unha decisión que non está na liña da responsabilidade.

Tedes algunha opinión respecto do que supón a nivel psicolóxico o uso de máscaras en relación aos procesos de desenvolvemento dos nenos máis pequenos?

Os nenos usan as máscaras porque se lles inculcou que temos que ser responsables. Pero é certo que, a partir do ano de vida, están a desenvolver a empatía e utilizan moito a expresión facial para recoñecer as emocións. O uso da máscara limita a percepción dos sinais faciais que axudan a detectar a emoción doutra persoa. Entendo que as nenas e nenos estanse a adaptar dentro das súas posibilidades, e os adultos podemos ofrecer certo apoio para compensar. Ao non ter eses sinais na cara que axudan a interpretar emoción temos que acompañalo con xestos, sendo próximos a pesar da distancia social, apoiándonos na linguaxe corporal e usando a tecnoloxía para completar a nosa comunicación.

Considerades que as medidas político-sanitarias que se impoñen á poboación galega e española son as adecuadas? Porque o nivel de restricións e imposicións en España non é o mesmo que no resto de Europa.

É importante que a xente teña referentes do que hai que facer en función dunhas directrices técnicas e dun asesoramento sanitario, pero é fundamental que haxa certa orde na toma de decisións políticas para regular a vida dos cidadáns. E que haxa coherencia. Cando comezou todo causou moita inseguridade recibir informacións contraditorias e iso desestabiliza moito, porque todo o que nos axuda a ter certo control vai axudar a mantérmonos centrados […]

Como psicólogos supoño que isto é tamén un tremendo reto profesional para vós, pero a pregunta é: poderemos vivir deste xeito durante moito tempo sen consecuencias?

A socialización é inherente ao xénero humano… É certo que somos seres sociais por natureza pero tamén é importante que haxa normas porque axuda a ter unha convivencia. O distanciamento social é un desafío para os mecanismos que utilizamos para interactuar cos outros á hora de establecer lazos e de integrarnos na sociedade, pero somos seres flexibles e se algo nos caracteriza é a capacidade de adaptarnos. E iso inclúe momentos de adversidade como os que estamos a vivir. O que é importante é que teñamos ese sentimento de pertenza á mesma comunidade como membros dunha mesma especie, que confiemos na nosa resiliencia e na nosa capacidade de solución de problemas. É fundamental non agarrarnos á vella normalidade, aceptar que estamos ante unha nova que é estraña pero temporal, o que axuda a relativizar […]

Ante a realidade sanitaria e o afundimento da economía podemos sacar algo positivo?

En canto ao confinamento foi algo ao que todos tivemos que adaptarnos e non foi fácil ao ser unha disrupción repentina na nosa vida. Pero tamén algunhas persoas sacaron leccións como valorar o poder estar preto dos outros, facer actividades ao aire libre, poder conectar coa xente… E hai quen descubriu afeccións. Pero a lección máis importante é aprender a valorar o que temos e ter presente que todo cambia e nada é permanente. Como dixo o psiquiatra e filósofo austríaco Víktor Frankl, as circunstancias da vida non as podemos controlar, pero podemos elixir a actitude que teremos ante elas.

(Extracto da entrevista publicada no número 353 – outubro 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)