Publicidade

ragc.gal_premios_transferencia_gal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Saúde psicolóxica en alerta



POR ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 02 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)




A saúde mental dos españois estaba en niveis europeos antes da chegada da covid-19 pero empeorou respecto ao resto: somos os que máis problemas psicolóxicos sufrimos pola xestión sanitaria. Os confinamentos, o uso de máscaras de xeito indiscriminado e a realidade económica poden ser un cóctel explosivo.

Malia a existencia dunha análise e unha liña argumental da información case que uniforme en todos os grandes medios, con conteos obsesivos de probas PCR, ameazas de novas novas restricións e ignorancia total de calquera enfermidade que non sexa esta, cada vez hai máis voces críticas.

[…] foi unha milagre que hai poucos días os medios recollesen a coñecida como Declaración de Great Barrington que ata o 9 de outubro fora asinada por máis de 5.000 científicos e cas2 12.000 médicos –entre eles os epidemiólogos Martin Kulldorff, da Universidade de Harvard; Sunetra Gupta, de Oxford, e Jay Bhattacharya, de Stanford– que manteñen que as políticas de peche poderían ter máis efectos negativos que positivos.“As políticas de confinamento actuais están a producir efectos devastadores na saúde pública a curto e longo prazo. As consecuencias inclúen empeoramento das enfermidades cardiovasculares, menos deteccións de cancro e a deterioración da saúde mental. Como epidemiólogos de enfermidades infecciosas e científicos de saúde pública, preocúpanos moito o impacto negativo das políticas vixentes contra a covid-19”. Mesmo a propia OMS renega agora tamén destas medidas pola miseria e crise que conlevan.

 

Nesa liña de enfoque sanitario diferente vén de presentarse en España Psicólogos pola Verdade, iniciativa similar e irmá en loita a Sanitarios pola Vida e Médicos pola Verdade, plataforma que funciona en varios países. Segundo din, nacen para “dar forza á comunidade médica que se alzou ante a ditadura mundial na que estamos inmersos, abrir canles de comunicación interprofesional de todas as disciplinas e mostrar a realidade psicosocial, as repercusións e o impacto que a covid-19 provocou”. No noso país o panorama é desolador […]

Os peores resultados da media

A pandemia xerou como é lóxico moitos problemas engadidos na saúde emocional dos europeos, máis da metade sentiu momentos de “tristeza, depresión e ansiedade”, ataques de pánico e crises familiares. Para os españois, porén, pasar tempo cos seres queridos, comer san, ver televisión e socializar online –nunha porcentaxe moi superior ao da media europea–, axúdanos a estar mellor. Preguntados pola Fundación AXA sobre a saúde económica, o 48 % afirma que a súa situación financeira empeorou –a segunda maior tras Italia–, porcentaxe que sobe ao 61 % no caso das persoas peor emocionalmente.

O pasado 10 de outubro foi o Día Mundial da Saúde Mental e a Confederación Salud Mental España, á que pertence Saúde Mental FEAFES Galicia, aproveitou para pedir recursos. “É unha reivindicación histórica pero tórnase máis urxente que nunca”. Veñen tempos difícis con desemprego e desafiuzamentos, e temos precariedade de recursos dentro do ámbito sociosanitario público, non privado. Porque hai moitos psicólogos ofrecendo os seus servizos, se ben como dato curioso Galicia está entre as comunidades nas que é máis caro ir a un. De feito chama a atención que no Top 10 das provincias máis caras por tarifa horaria estea Ourense, con 65 euros, a segunda cidade máis cara de España mentres en Málaga apenas roza os 40 euros.

A escaseza do público

Se tiramos do ámbito público, España ten catro veces menos profesionais da Psicoloxía na sanidade pública que a media europea. “E en Atención Primaria hai falta tanto de profesionais como de formación específica”, afirman dende o Consello Xeral de Psicoloxía. Mesmo discurso que fan desde a Asociación Nacional de Psicólogos Clínicos e Residentes (ANPIR), que denuncian “a escaseza de psicólogos internos residentes nos hospitais de toda España” malia que con diferenzas entre comunidades. Un informe emitido polo Defensor do Pobo o 30 de xaneiro de 2020 con cifras de 2018, recollía que existían na sanidade española 6 psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media europea e duns 18 especialistas por cada 100.000.

Cifras internas de ANPIR falan de 9.000 especialistas exercendo en España en total pero só un 30 % na sanidade pública cunhas listas de espera que roldaban os tres meses antes da pandemia e agora cun incremento de trastornos mentais dun 20 % só irá a peor. Os datos que manexa a Asociación reflicten que entre o 40 % e o 60 % dos motivos de consulta atendidos polos profesionais de Atención Primaria de maneira previa á covid-19, estaban relacionados coa Saúde Mental. ANPIR recorda que o noso país atópase á cabeza no consumo de antidepresivos e ansiolíticos pero pola ausencia de acceso a tratamento psicolóxico que recupera catro veces o seu investimento inicial en termos de rendibilidade. De aí que pidan incrementar canto antes o número prazas de psicólogo internos no Sistema Nacional de Saúde. A especialidade en Psicoloxía Clínica require grao en Psicoloxía, unha proba PIR e catro anos de formación e traballo remunerado supervisado no Sistema Nacional de Saúde (SNS). Esta especialidade é unha rama que adoita traballar con distintos graos de coordinación xunto a Psiquiatría, Neuroloxía, Oncoloxía, Medicina Intensiva e Saúde Pública.

Por agora, o que temos na mesa en Galicia é un Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 acordado tanto cos profesionais, asociacións de pacientes e colexios profesionais. Subirán as prazas nos centros de saúde, formalizaranse contratos de continuidade e creranse 331 novas prazas. “Necesitariamos, como mínimo, 85 prazas de psicólogo interno residente por millón de habitantes en toda España” engaden dende ANPIR, “e un aumento de prazas de especialista para ofrecer unha atención psicolóxica adecuada. Como mínimo 400 prazas PIR anuais”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 353 – outubro 2020)

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)