Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A USC enxalza o valor da investigación e do mecenado



POR TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 16 DE NOVEMBRO DE 2020 · (0)




A Universidade de Santiago de Compostela celebrou un foro no que oito investigadores presentaron os traballos que están a desenvolver na loita contra a covid-19 grazas ao programa de micromecenado 'Sumo Valor'. Tanto o persoal científico como os responsables da USC destacaron a necesidade de fomentar o mecenado no país como fórmula de financiación pero tamén, e sobre todo, como posta en valor do papel que ten a investigación para toda a sociedade.

O Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela celebrou hai uns días o foroSumo Valor ‘A loita científica da USC contra a COVID’ para dar conta daquelas liñas de investigación que se están a desenvolver, desde diversas áreas de coñecemento da Universidade, para facer fronte á pandemia. Esta iniciativa enmárcase no programa de micromecenado da USC Sumo Valor, que inclúe entre as súas liñas de actuación, unha específica para facer fronte á loita contra o SARS-CoV-2.

A sesión, presidida polo reitor Antonio López, contou co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra, e o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo, ademais de varios investigadores que están a traballar neste eido. O reitor aproveitou a súa intervención para destacar a importancia de conectar a universidade coa sociedade, un vínculo que reforza esta iniciativa, Sumo Valor. Así mesmo, Antonio López subliñou a importancia da transversalidade da investigación que se fai na Universidade e reivindicou o papel da investigación básica nesta loita contra a pandemia, para a que reclamou “axudas fiscais” fronte ás trabas que se lles están poñendo ás universidades.

Pola súa banda, o vicerreitor Gumersindo Feijoo asegurou que Sumo Valor xa superou a fase piloto para situarse nunha fase de desenvolvemento na que conta co apoio do Consello Social. Nesta liña, a súa presidenta, Cecilia Sierra, puxo o foco en que a USC posúe “fortalezas investigadoras de primeiro nivel que a nosa contorna debe coñecer”,aspiración na que se enmarca este foro que serviu de espazo para dar a coñecer de que xeito a USC pon a ciencia ao servizo da sociedade.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, loou o traballo científico na loita contra a pandemia que se está levando a cabo nas tres universidades galegas, a través dos distintos centros, grupos e unidades científicas: “A investigación, a innovación e a valorización do coñecemento son pezas clave da prosperidade económica”, dixo o conselleiro, quen asegurou que desde o Goberno galego “non vai escatimar esforzos” no obxectivo de consolidar en Galicia un sistema de I+D+i de calidade e prestixio internacional.

Apoiar oito proxectos de primeiro nivel na loita contra a covid

O Foro Sumo Valor presentou oito proxectos científicos nos que están a traballar diversos grupos de investigadores e que van desde investigación en vacinas, marcadores xenéticos ou augas residuais, ata modelos de predición matemática ou análise cartográfico do comportamento territorial do coronavirus. No acto participaron científicos de recoñecido prestixio como María José Alonso, Ángel Carracedo, Juan Lema, Jesús López Romalde, Jorge Mira, Ángel Miramontes e Javier Montenegro. Todos eles interviron hoxe para expoñer as súas liñas de investigación vinculadas á covid.

Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vinculadas ao SARS-CoV-2 a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa www.usc.gal/gl/micromecenado.

(Extracto da reportaxe publicada no número 354 – novembro 2020)

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)