Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Primeiro Nadal con Flor de Pascua certificada por Planta Ornamental de Galicia - Galicia Calidade



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE DECEMBRO DE 2020 · (0)




Este Nadal poderase adquirir, por primeira vez, Flor de Pascua certificada coa marca Planta Ornamental de Galicia e co selo de garantía de Galicia Calidade. Dúas empresas asociadas a Asvinor (Asociación de Viveiristas do Noroeste) sacarán ao mercado estes días unhas dez mil plantas da fermosísima poinsettia.

A orixe do seu uso en Nadal, a medio camiño entre a lenda e a historia, está en México e a súa posterior exportación a Estados Unidos desde onde, como tantos outros costumes, se estendeu ao mundo enteiro. En Galicia hai xa moitos anos que se cultiva unha planta de Pascua propia “algo diferente da que se dá no resto do estado, máis rústica xa que está adaptada ás características climáticas de Galicia e iso permítelle adaptarse mellor á vida en interiores”, explica Santiago Ramos, xerente de Asvinor, a Asociación de Viveiristas do Noroeste que se constituíu en 2014 para defender os intereses dun sector de relevancia –na actualidade conta con case medio centenar de asociados–.

O bo traballo realizado pola asociación permitiu que varios dos seus produtores lograran o selo de certificación de Galicia Calidade, unha garantía de que a produción se fai en Galicia e que cumpre cos condicionantes da Norma de Calidade para a Planta Ornamental de Galicia, realizada por produtores, comercializadores, técnicos, a Asociación, a Fundación Juana de Vega e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Na actualidade Viveros Leboreo, Viveros Lamigueiro, Estelas da Terra, Xardín Senra, Viveros Costa de Lóngaras, Viveiros Cabaleiros, Estela Orvi, Hortival Narón, Viveiros Compostela e Viveros San Campio poden utilizar a marca Planta Ornamental de Galicia – Galicia Calidade.

Viveros San Campio e Viveiros Compostela porán este ano no mercado, por primeira vez, a poinsettia co selo de certificación de Galicia Calidade, que garante un produto de primeira, cultivado e comercializado co máximo meco. Os produtores explican que contar co selo de calidade garante que cada variedade que se vende baixo a certificación cumpre cun protocolo rigoroso de etiquetado y cun rexistro que evita calquera uso fraudulento da marca. Que chegue ao mercado unha Flor de Pascua galega, coa marca de calidade, supón unha gran satisfacción para o sector da planta ornamental, moi afectado por toda a situación provocada pola pandemia.

Malia todo, Galicia conta con dúas grandes vantaxes competitivas: que as condicións climáticas e edafolóxicas converten esta comunidade en idónea para a produción dunha planta ornamental moi valorada dentro e fóra das nosas fronteiras e que somos a primeira comunidade autónoma que conta con planta certificada acompañada por una marca de garantía como é Galicia Calidade, que só se outorga ás producións e servizos que destacan pola súa calidade.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)