Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Viños en pedra



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 23 DE DECEMBRO DE 2020 · (0)




Esta peme de Valga (Pontevedra) revolucionou o mundo da viticultura hai tres anos sacando ao mercado as primeiras barricas ovoides realizadas en granito. Cumpriu moito traballo previo de investigación dun material que non se tiña estudado para o sector alimentario, pero pagou a pena. As fermosas pezas de Ánforum cotízanse á alza, e veñen de sacar o seu meirande modelo.

Carballo francés, español, americano, acacia e cerdeira son as madeiras usadas nas barricas, séculos vencelladas á historia do viño. A cuba ou ton osixena e transfire matices dependendo da madeira escollida, decisión que toma o enólogo.

E precisamente da cabeza dun xurdiu deixar de lado a madeira: Santiago Roma, adegueiro e viticultor da D.O. Rías Baixas e propietario da adega que leva o seu nome. Decatouse de que as mellores augas naturais, as que teñen mellor sabor, son as que discorren por mananciais de pedra e, máis concretamente, de granito. Daquela pensou…. “e se co viño acontece o mesmo e conseguimos potenciar ese sabor característico do terruño poñéndoo en contacto ca pedra?”, explica a ECO o enxeñeiro Fernando García, outro dos fundadores e que tamén traballa en Epetrum, unha enxeñería especializada no deseño en pedra.

“Santiago buscou profesionais do sector da pedra e da cantería pero non atopou ningún que lle ofrecese garantías de éxito co resultado final”, ata que deu con Epetrum; se ben hoxe “hai traballadores dos obradoiros de pedra involucrados ao 100 % na fabricación dos depósitos que tamén se senten parte de Ánforum, aínda que a nómina de momento non corre pola nosa conta”. Pero son imprescindibles, polo que “temos unha moi boa relación con todos son parte fundamental do proceso”.

Unha folla en branco

O traballo previo antes de arrincar coa empresa foi moito, porque o granito non está incluído na lista de materiais empregados para elaboración de alimentos, como a cerámica. “Tras consultar normativas nacionais e europea non atopamos ningunha norma que fixese mención a el tanto para ben como para mal. Pódese dicir que “existe” un baleiro normativo”, continúa explicando Fernando. “Non obstante fixemos a consulta á Consellería de Sanidade e dixéronnos que se queríamos facer algo tiñamos que ter a certeza de que cumpríamos a normativa indicada no Regulamento 1935/2004 do Parlamento Europeo”. E mans á obra.

Reuníronse con varios laboratorios e centros tecnolóxicos nacionais para abordar un estudo de forma conxunta malia non ter moi clara a folla de ruta a seguir, ata que atoparon a un que si sabía como: o CETIM (Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial), con sede en Culleredo que traballou nun estudo de varios meses para ver o comportamento do viño en contacto co granito “baseándonos na normativa citada antes e noutra de carácter moito máis restritivo referente a metais pesados”. Os resultados foron espectaculares: os valores obtidos estaban moi por debaixo dos máximos esixidos pola OIV (Organización Internacional da Viña e o Viño), máximo organismo regulador a nivel mundial. Así que cuns excelentes resultados analíticos como aval, fabricaron un depósito prototipo “e fixemos a crianza dun viño albariño en adega”.

Vocear o nome

Como en todas as empresas de recente creación o uso dos medio foi esencial na fase inicial “e temos que dicir que o noso proxecto espertou moito interese desde os inicios, o que nos permitiu chegar a moitas adegas. Axudounos moito tamén asistir como expositores á feira Enomaq o ano pasado, un escaparate onde a xente puido ver e tocar as nosas barricas e incluso catar o primeiro viño con crianza en depósito de granito. Apoiámonos tamén na web e nas redes sociais para mostrar logros e premios dos clientes”, explica Fernando. Ademais dos adegueiros ultimamente empezan a interesarse por estas barricas apaixonados que buscan facer un viño de autor, diferente.

Hoxe están xa presentes na metade das D.O. de España mediante contratos de distribución exclusiva, o que axudoulles a crear unha rede comercial moito máis rápido. E recollendo precisamente as demandas dos seus clientes volveron apoiarse neste material para crear a barrica B3000, que andan a promocionar estas semanas, o seu modelo de maior capacidade. Malia a envergadura e manexo, transporte e instalación afirman que faise só coa axuda dunha carretilla elevadora.

Tras o éxito das súas predecesora –as B500, B700 e B1700–, as características da B3000 son similares en forma e materia prima pero caben nela uns 3.090 litros, o seu peso rolda o 4.600 kg e mide 2,55 m de alto. No eido internacional as vendas representan xa o 40 % da actividade, exportando sobre todo a Alemaña, Suíza e Eslovaquia. Os obxectivos para 2021, malia a dubidosa situación sanitaria, pasan por subir a cota de mercado español e ademais vender en Francia e Grecia, onde xa fixeron primeiros e prometedores contactos comerciais.

(Reportaxe publicada no número 354 – novembro 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)