Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Espumoso galego para brindar este Nadal



REDACCIÓN · PUBLICADO O 30 DE DECEMBRO DE 2020 · (0)




Actualmente son xa sete os espumosos galegos que contan co selo de garantía de Galicia Calidade. Un deles, Gundián Brut, de Adegas Valdés, foi elixido o mellor espumoso galego nas Catas de Galicia deste ano, pero o distintivo de calidade ampara tamén dous espumosos de Señorío de Rubiós, dous de Terra de Asorei e cadanseu de Altos de Torona e Valtea.

Cada vez son máis as adegas galegas que apostan polos espumosos e cada vez logran mellores bebidas. Nos últimos anos tanto o público como a crítica téñense rendido á excelencia da produción de espumosos na nosa comunidade, contribuíndo con iso a incrementar o investimento, a investigación e a produción por parte das adegas galegas.

Pero se hai un dato que confirma a excelencia destes caldos é a súa incorporación á marca de garantía Galicia Calidade. Actualmente, contan co selo un total de sete espumosos de cinco adegas galegas. Dúas delas contan con dous certificados; son Señorío de Rubiós, que ten o Condado blanco Brut e o Condado blanco Brut Nature, e a adega Terra de Asorei que ten o selo de garantía para o Brut 1953 Pazo Torrado e o Brut Terra de Asorei. Todos eles pertencen á D.O. Rías Baixas. Así mesmo, contan co distintivo de calidade da Xunta de Galicia os espumosos elaborados con viño albariño Altos de Torona Brut, Valtea Brut Nature e Gundián Albariño Brut de Adega Valdés.

Precisamente Gundián foi premiado como o mellor espumoso do ano nas Catas de Galicia deste 2020, nas que participaron un total de 348 mostras pertencentes a 143 adegas. O albariño brut Gundián, da Denominación de Orixe Rías Baixas, levou o Acio de Ouro ao mellor espumoso, un novo recoñecemento para a adega e para os espumosos galegos que, de seguro, van brillar con luz propia este Nadal nas mesas de Galicia e tamén de fóra, xa que cada vez é maior a exportación do sector.

En 2019 Galicia exportou case 20.300.000 litros de viño o que supuxo uns ingresos de case 50 millóns de euros segundo o Observatorio Español do Mercado do Viño, no que a provincia de Pontevedra figura, ademais, entre as vinte provincias españolas que máis vino exporta en termos de valor. Un motivo máis para brindar este Nadal.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)