Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Vida e morte no mar



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 18 DE XANEIRO DE 2021 · (0)




Entre 1994 e 2018 uns 400 mariñeiros galegos ou alistados no noso barcos, morreron traballando. Case un cada mes, a Organización Internacional do Traballo considera á navegación das profesións máis perigosas. Un recente informe trata de botar luz e axudar a mitigar esta sangría en vidas.

Cómpre aclarar que hai máis accidentes nos barcos pequenos, nos de menos de 24 metros de eslora –o 90 % da frota segundo datos de 2019–, “aínda que os sinistros resultan menos graves que en embarcacións de maior envergadura” afirma Miguel Ángel Lamet, presidente de Comismar, comisaria de avarías, peritos e consultores mariños. O peor “as perdas humanas, o fundamental” e nun segundo termo, os danos materiais.

Comismar xunto con Generali, Cepesca e a Agrupación industrial Marítima Española traballaron para recoller datos sobre a Sinistralidade en Buques Pesqueiros cunha análise polo miúdo recén presentada que cómpre observar. Os autores xa recoñecen a alta sinistralidade polo que queren “arroxar luz a este serio problema” identificando as causas, as medidas para mellorar a situación e poder reforzar a normativa de seguridade da navegación pesqueira e de recreo con propostas a sumar á vixente. Tamén para favorecer a mellora técnica dos barcos.

O Real Decreto 543 de 2017 determina as normas técnicas de seguridade de todas as embarcacións pesqueiras abandeiradas en España cunha eslora inferior a 24 metros. Agora hai tamén unha exposición pública sobre o Anteproxecto de lei de modificación do Texto Refundido da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante e da Lei de Navegación Marítima. “Unha oportunidade moi importante para poder levar as nosas opinións e preocupacións”, explica o presidente de Comismar, entre elas a lexislación sobre protección de datos. Lamet espera que se consiga implantar o FIE (ficheiro informatizado de embarcacións) que di “resultará beneficioso para todos”: capitanías marítimas, aseguradoras e forzas de seguridade. Permitiría á Dirección Xeral de Mariña Mercante ter controladas as embarcacións en activo e o cumprimento da normativa para o seu aseguramento.

Como o ven as aseguradoras

Bernardo González, responsable de Subscrición de Marines&Aviation en Generali Global Corporate, tamén incide na necesidade de baixar a taxa de sinistralidade “con medidas de prevención e coa Administración marcando o terreo de xogo”. Traballar máis en difundir e implementar medidas, mellora en formación para a prevención e a seguridade das tripulacións, a posta en marcha do citado ficheiro informatizado, o marcado CE obrigatorio en maquinaria e equipos auxiliares, a renovación da frota e a mellora nas condicións de cobertura e o traballo son os outros piares.

Un terzo dos accidentes marítimos son en Galicia e o Ministerio Fomento atribúe a maioría a que a tripulación non percibiu o risco. As investigacións xa terminadas de 19 sinistros dos tres últimos anos ata 2019 atribúen oito afundimentos e outros tipos de sinistros ao exceso de confianza dos patróns e mariñeiros combinado nalgúns casos con malas condicións marítimas, fronte a cinco casos de fallos materiais ou avarías. En todos os casos, tanto a tripulación como os buques contaban con toda a documentación e permisos en regra, de aí non vén o problema-.

Renovarse

A 31 de decembro de 2019 había case 8.900 pesqueiros en España cunha idade media de 33 anos. Rocío Béjar, secretaria xeral adxunta de Cepesca, fai fincapé na necesaria modernización pero sinalando a dificultade da normativa europea coa que “é complicado adaptarse ás condicións de mellor habitabilidade e seguridade, xa que, entre outras cousas, non podemos aumentar nin o tamaño nin o volume dos buques pesqueiros”. Fai falta diñeiro, ademais, e para axudar asinouse un convenio de colaboración en 2019 con Abanca que pon a disposición do sector pesqueiro español servizos financeiros deseñados ad hoc tanto para renovación de frota como para mercar novas tecnoloxías.

A introdución de mecanismos como novos XPS, sondas, eco-sondas e cámaras acústicas levou a un aumento do 2 % anual na capacidade dos barcos para capturar peces. Tamén estanse desenvolvendo artes de pesca intelixentes (SmartGear) utilizando tecnoloxía LED, visión artificial en 3D, cámaras de CCTV e algoritmos de aprendizaxe para recoller datos e analizar a composición de especies nas capturas e descartes. E co FishDataanalízanse os datos obtidos nos barcos pesqueiros para envialos a terra.

(Extracto da reportaxe publicada no número 355 – decembro 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)