Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Cámara de Comercio de Santiago recompila 125 anos de historia



PUBLICADO O 13 DE MAIO DE 2015 · (0)




O título é tan definitorio que comprende toda a portada dunha obra que pon o “broche final” aos actos conmemorativos do 125 aniversario celebrados o pasado ano, como explicou o presidente da entidade, Jesús Asorey, durante a presentación do libro. “É un resumo dos 125 anos de historia da Cámara e unha homenaxe á xente que desde a súa constitución ata a actualidade participou da institución”, explicou.

Creada en colaboración co Concello de Santiago e Abanca, e deseñada por Bolanda Ediciones y Marketing, a obra conformouse, “como unha pequena historia das encomendas que a entidade loitou para conseguir na cidade de Santiago e no seu ámbito. É unha ollada ao pasado pero tamén ao futuro”, indicou Asorey.

Xunto co presidente interviron na presentación Tomás Valín, de Bolanda Ediciones y Marketing; Juan Carlos Carneiro, director Territorial de Abanca, e Agustín Hernández, alcalde de Santiago. Todos resaltaron o traballo da Cámara no apoio directo ás empresas, como interlocutora co sector público para a mellora de infraestruturas e equipamentos e como promotora de medidas para a reactivación económica.

Historia paralela á da propia cidade

Partindo dos precedentes que deron lugar a estas institucións alá polo século XVI, a obra analiza brevemente a situación española e galega ata chegar á creación da Cámara compostelana en 1889. A partir de aquí a obra divídese en tres períodos claramente diferenciados: desde a fundación da Cámara de Santiago ata a Guerra Civil (1889-1936), da dictadura ao centenario da entidade (1936-1989), e o tránsito ao século XXI e os retos de futuro (1989-2014), e remata cunha glosa de todos os empresarios que ocuparon a presidencia da Cámara.

A historia escrita compleméntase nas 155 páxinas do libro cunha interesante achega de material fotográfico que vai deixando constancia gráfica dos cambios acontecidos nestes 125 anos, en que a Cámara logrou crear, entre outros, a Oficina de Tráfico, o Rexistro Mercantil, o Servizo de Inspección Fitosanitaria ou a Escola de Idiomas. Pero tamén destaca a consolidación da propia institución que durante a primeira década nin sequera contaba cun espazo propio e durante moitos anos apenas tería un pequeño local no edificio do Mercantil ata a actual sede de San Pedro de Mezonzo que se complementa co centro de formación na mesma rúa, o Viveiro de Empresas do polígono de Costa Vella ou a Antena Local de Boiro.

A todo isto súmase o importante papel que xogou na consecución de grandes obras e acontecementos relevantes para Santiago: desde a posta en marcha da Cidade da Cultura,  o proxecto básico do Palacio de Congresos e a ampliación do aeroporto de Lavacolla e dos seus voos, ata o traballo desenvolvido en torno ao Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo.

Son só algúns exemplos dunha longa e intensa actividade centrada tanto na propia xestión interna como nas necesidades da demarcación e do sector industrial e comercial ao que o presidente actual pediu na presentación deste libro, “atención expresa”, especialmente “ás grandes empresas” para poder “seguir apoiando e loitando polo crecemento das pemes”. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)